20221030

Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero

Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero

    Despois dunha etapa curta e suave, a perspectiva doutra tamén suave, pero longa, Ó final, truncado o tempo temperado por unha chuvia antes de entrar en Sahagún, funcionou a cobertura das alforxas, pero tamén o acubillo dunha entrada a un garaxe. A pesar desa chuvia, non funcionou tan ben a cobertura do Sol, que con camiseta de manga curta e calzón tamén curto, nesta etapa xa marcou diferenzas de cor entre tramos de pel exposta.

    Estaba aínda amencendo ó coller a bicicleta cara a saída de León. Ía moi lixeiro, iso me pareceu, ata que despois de pasar a ponte do río Toría, comezou a subida, e seguía lixeiro. Como non ía estalo, se non levaba as alforxas? Naturalmente, tocou volver por elas. Así daba comezo unha etapa que, a conta dese retorno e outras desviacións intencionadas ou non, resultou duns 108 km, acumulando un desnivel de 410 m despois dunhas 6 h sobre a bicicleta.

    Sen incidentes ata Mansilla de las Mulas: despois de deixar o val do río Bernesga, de novo a chaira. Mesmo en Mansilla, o maior Esla (ó que aflúe o anterior), non ten escavado un val moi apreciable. O pararme a tomar nota da escultura de lembranza ó peregrino, apunto tamén que da pouca xente que pasa, parte importante dela a constitúen mulleres con veo levando pícaros, suponse que para a escola (cheguei antes das nove e media da mañá).

Monumento ós peregrinos, en Mansilla de las Mulas.
    A parella de peregrinos representada en Mansilla ten trazos xuvenís. Coido que nestes momentos, da cantidade de xente que me teño atopado á contra facendo camiño, son minoría. Predomina a xente máis maior. Non parece que a media de idade baixe moito dos 50 anos, e podería subir deles (claro está, hai que considerar a época do ano, que inflúe en quen pode facer o Camiño). E tamén, as mochilas son máis pequenas que as representadas, para pasar o día ata recibir na seguinte posta o groso da equipaxe. Por último, as botas coas que son calzados xa non son universais, podendo verse calzado deportivo de diverso tipo, aínda que as 'botas-botas' sigan a ser numerosas.
 
    O seguir de Mansilla debera telo feito pola LE 6615 ou camiño á beira, camiño de Santiago. A confianza de seguir un camiño recto levoume por outra estrada. A falta de camiño alternativo, e sobre todo, de peregrinos á contra, levoume a parar abondos quilómetros máis adiante, en Santas Martas, a consultar os mapas dixitais e observar o meu erro. Entón, o desviarme ata Villamarco e alí coller de novo o camiño foi obrigado, ante a opción de seguir afastándome da ruta prevista. Por ser chá, non me causou moita contrariedade, se ben as pontes para atravesar as vías ou a autovía, coa súa pequena elevación pero pendente apreciable, si cortan o ritmo elevado de pedaleo que se leva na chaira.
 
    O paso por Villamarco, unha sorpresa ó atoparme á saída, e ata a LE 6615, un museo ó ár libre, adicado a aparellos agrícolas.
Unha das pezas do museo de aparellos agrícolas de Villamarca.
    De non terme perdido, de seguro perdería a vista deste museo que se foi desenvolvendo á beira do camiño ó longo de máis de medio quilómetro.
    Logo de coller a boa dirección, houbo algún despiste menor na etapa, é o que ten que as sinais estean previstas para quen ven no outro sentido. Pero cousa pequena, e así chegue primeiro a El Burgo Ranero, con parada para café e pequena conversa con peregrinos na mesma situación, e logo a Bercianos, onde me tomei outra pequena parada nun parque á beira do camiño e atopei cun par de peregrinos ben diferente entre si, comezando polo lugar de orixe.
O contacto coa xente pode suplir con avantaxe os selos do concello. Burgo (non 'Burgos') Ranero.
 
Tomando algo fronte á igresa de Bercianos, xunto con Santiago e Franck.
    No parque había algo máis que peregrinos. A foto dun lugar de liberación de libros da fe, aínda que se vexa case baleiro.
'Para viajar lejos no hay mejor nave que un libro'. Intercambio libre de libros en Bercianos.
    De Bercianos, fastiado do piso do camiño ás veces, pero aguantando por el, a Sahagún. Antes de entrar, chuvia intensa. Collido nun lugar con pouco acubillo, sigo ata as primeiras casas do pobo despois de atravesar o río Cea e alí me metín ata que escampou.
    Sahagún despistoume. As rúas inclinadas non me cadraban na chaira. Escaleiras nalgunha vía, o xeito no que o tren non corta a poboación cortándoa, o ser da praza Maior, rachan cos esquemas que tiña para un pobo desa zona. Ó final, ante a ameaza de máis chuvia, non só tomo algo para a sede mentres espero de novo o paso da auga, senón que recunco e como.
Non ía comer en Sahagún, pero ó final penseino mellor e tamén tomei un apunte da casa do Concello.
    Lémbrome dos campos de Castela indo por eles camiño de Carrión dos Condes, xa en Palencia tras deixar Sahagún, co vento en contra e con sol tras a chuvia. Despois de comer, poucos peregrinos no camiño, aínda con algún grupo meirande de ciclistas que me atopei.
A Nosa Señora de Belén acolle á entrada de Carrión (para os peregrinos, á saída).
    E en Carrión, nova sorpresa á entrada, co contraste entre o antigo Mosteiro de San Zoilo e o Santuario da Nosa Señora de Belén, do que tomo un apunte antes de subir a beira inclinada do río, unha vez pasada a ponte dende a beira chá do mosteiro. E o dar unha voltiña por Carrión, as súas rúas, tomar algo na súa praza principal, a praza Maior (aínda identificada en Google Maps como 'del Generalísimo'), e facer algunha compra de provisións para o camiño, un pracer. Mesmo sen separarme moito da bicicleta, pois aínda non chegara a destino e non tiña moito onde deixala. A Casa da Cultura, coa biblioteca, quedou tamén retratada. A súa sinxela fachada corresponde co que se pode observar no seu interior, coa excepción dos estantes de libros.
A Biblioteca e casa da Cultura de Carrión de los Condes.
    De alí, uns poucos quilómetros ata Villarmentero, pequena poboación a medio camiño entre Carrión e Frómista, e onde o que se podía facer era descansar ata o día seguinte. Ben, a máis de ver as estrelas, ler algo... ou lavar o básico e que secara ata o día seguinte para manter un equilibrio na equipaxe. Entre unhas e outras cousas, o día que máis tarde cheguei a destino, case as sete e media da tarde.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

Ningún comentario: