Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos
Unha nova etapa coas rutinas xa no seu sitio: rutinarias. Saída despois de almorzar e en só un cuarto de hora, en Frómista. Paro fronte a unha igrexa antiga, a de San Pedro, pero que se ve eclipsada pola máis famosa de San Martín de Tours. Aínda é cedo para facer un descanso diante dunha mesa, e continúo ata a saída do pobo, para enlazar co Canal de Castilla na célebre esclusa triple e seguir varios quilómetros á beira da auga embridada, na mesma senda que usan os peregrinos e a que está catalogada como ruta Eurovelo da Costa Atlántica. Si, esa ruta ciclista que recorre a fachada atlántica de Europa saltándose a zona entre o País Vasco e Portugal, onde entra polo sur, a Eurovelo 1. Claro que tamén o Camiño de Santiago é Eurovelo, a número 3... e, como descubrirei despois, ao menos nos tramos que recorrín, quedan moi por detrás de algunha das vías verdes que tamén fixen nesta viaxe.
|
Igrexa de San Pedro. Frómista.
|
Frómista é agradable e antiga, non porque teña monumentos antigos, que tamén, senón porque o conxunto favorece esa percepción. E o chegar ó Canal de Castilla a min non me decepcionou. Se ben queda pequeno fronte a outras canles europeas ou asiáticas, a imaxe mental do seu uso para transporte e para rego, xunto ó baleiro de xente nas súas proximidades (exceptuando peregrinos, claro!) transmite tamén unha certa sensación riquiña, bucólica. E, por suposto, agradécese o terreo chá do camiño á súa beira, aínda que a zona xa é chá de por si.
Nada máis deixar o Canal de Castilla, en Boadilla del Camino, atópome unha pequena perla, un bibliobus. Entre as bibliotecas que visitei, seguramente a máis curiosa. Unha pequena charla co bibliotecario lévao a comentarme a falta delas no noroeste, incluída case toda Asturias, onde parece que funciona algunha ligada a algún concello.
|
Dúas vistas do bibliobus.
|
O chegar a Puente Fitero, o Pisuerga saúdame e escríbolle a un amigo pucelano e ciclista que pode vir nadando. É o límite entre Palencia, de onde saio e por onde foi o camiño unha vez pasado Sahagún, e Burgos, a onde entro, a cuarta división administrativa provincial que vou atravesar.
O seguinte lugar de parada é Castrojeriz. Lembrado por telo estudado na escola como partido xudicial de Burgos, tiña idea de que me ía atopar cun pobo de certas dimensións. E, a pesar dunha sinal nunha glorieta, preguntei na estación de servicio se era aquelo. Sí, érao. Co menu comentario, a gasolineira viuse na obriga de engadir un 'nos estamos quedando sin gente' na pequena conversa que mantivemos. De calquera xeito, subín cara ó pobo, que queda ladeira arriba e non na estrada, e reconvinme e apunteino para visitalo de novo despois desta pequena visita en bicicleta con equipaxe. Rúas empedradas e inclinadas cerro arriba e tempo parado, aínda sen ter unha conservación especialmente coidada. O café serviume como compañeiro para o debuxo dunha casa que tiña fronte a min, unha como outras, ó tempo que tamén intercambiei algunha frase cos poucos camiñantes e xente do pobo na terraza.
|
Unha casa de pedra e adobe en Castrojeriz.
|
Estrada ata Hontanas e camiño ata Rabé, a un tiro de pedra de Burgos. Ó pouco de Castrojeriz, os resto do convento de San Antón sorprenden coas súas arcadas baleiras de contido (mesmo coa estrada BU-P-4013 por baixo dalgunha) e invitan a unha parada, aínda que sexa pequena.
|
Convento de San Antón, entre Castrojeriz e Hontanas.
|
Tamén no medio, había que comer, pero a pesar de estar no Camiño de Santiago e haber xente abonda facéndoo, cometín a equivocación que querer estender a mañá e comer tarde. O resultado, en Hornillos había un só lugar para comer, e estaba pechada a cociña, e 'pechados' tamén os bocadillos. Houbo que tirar de reservas das alforxas, unha mazá, un plátano, unha barriña enerxética... e, de paso que comía na praza, fixen un apunte do campanario da igrexa e trabei unha pequena conversa cunha peregrina australiana. Foi unha sorpresa que houbera alguén na casa do pequeno concello e me puxera un selo.
|
Crónica de Hornillos del Camino.
|
Despois da comida, unha subida pendente a un novo páramo co camiño de pedras fixo que puxera o pé en terra de novo e por última vez no camiño para salvar menos de cen metros de distancia. E en Tardajos, xa preto de Burgos, un bocata quente
A chegada a Burgos, polo carril bici, mireina con lupa. O día antes tiña chamado a un wikipedista para tentar quedar con el despois de decatarme por Wikimedia España de que organizara una xornada de edición sobre rutas ciclistas. Non foi posible vernos, pero fíxome algunha indicación da súa labor e o paso por Burgos foi algo así como un test sobre o que me dixo.
E, despois de acomodar a bicicleta, aloxarme e ducharme eu, un paseo pola vila, comezando pola catedral. Era o previsto, pero o que non tiña previsto era a secuencia de festas que me atopei no camiño, comezado en domingo; case un seguimento de min parece que facían! E Burgos non se quedou atrás: festa medieval en venres, preludio da fin de semana e animación a tope no centro da vila. A cidade ten lugar para ela, certo. Oficina de turismo, biblioteca pública, visita dentro tamén a unha exposición de papiroflexia, visita ó local da CNT pola presentación dun libro (á que ó final, non me quedei, pero o local tiña cousas interesantes), e paseo por Burgos xa coa noite botada e despois de cear nun local de franquicia ateigado, pero menos que o resto dos que fun atopando cheos de festeiros.
|
A porta de entrada, xoia da biblioteca pública de Burgos.
|
.. e isto é o resume dun recorrido duns 77 km salvando un desnivel acumulado de máis de 500 m en 5 horas e media sobre a bicicleta, desenvolto en gran parte por camiños.
Crónica dunha viaxe
Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península
Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo
Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada
Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga
Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León
Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero
Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos
Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos
Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria
Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud
Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha
Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel
Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel
Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques
Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó
Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto
Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia
Crónica dunha viaxe / e 17, rematando
Ningún comentario:
Publicar un comentario