20221101

Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Pode que o hostal de Santo Domingo de silos fora o que me atopei con mellor calidade / prezo. Iso pensei daquela co que levaba de viaxe, e sigo a pensar agora, ó remate. A saída de Santo Domingo de Silos, ó amencer, cun certo relente e ceo despexado, fixo moi manexable a subida de noto ó alto de Carazo. Tanto máis que a estrada deserta permitía facerse coa vista dos muros de rocha ás beiras. Deserta? Case! Unha vaca no medio da vía campaba polo seu sitio no mundo, e tentei pasar á súa beira sen molestar moito. Debino conseguir, pois apenas se apartou e tras a curva seguinte, antes de desaparecer da vista, seguía máis ou menos nas mesmas.

Unha vaca na estrada BU 910.
    Chego ó límite da provincia de Soria ás doce en punto, como atestemuñan os metadatos da foto correspondente na estrada N 234, entre Hontoria del Pinar (Burgos) e San Leonardo de Yagüe (Soria). Por certo, a conta do anterior, dous apuntes. O primeiro, a N 234 foi a estrada que máis tempo seguín, polo seu recorrido entre Burgos e Segorbe, pasando por todas as cabeceiras de etapa que trazara entre Burgos e o Mediterráneo (incluído a desta, Salas, aínda que tivera que despois tivera que cambiala por mor do aloxamento). O outro, San Leonardo foi así, a secas, o nome ata o 1952, no que a morte do xeneral golpista Yagüe propiciou que dende Madrid lle cambiaran o nome por decreto lei no BOE o 22 de outubro; hoxe segue a telo, contravindo a lei da Memoria Democrática.
    O pasar de novo o alto e ter unha baixada longa nesta mañá, vivifica. Máis aínda vendo correr a varios cervatos? gamos? polo campo a non moitos metros da bicicleta e durante uns dez segundos. A chegada á N 234, como era esperado, implica subidas non moi empinadas nin moi longas, pero subidas que levan de novo por riba dos mil metros de altura, como o alto de 'la Gallega', preto do pobo do mesmo nome, de 1112 m de altura.
Un alto con curioso nome a moitos quilómetros de Galicia.
    En Hontoria del Pinar, a praza maior baleira, e coa cafetería pechada, tiña un quiosco no medio da praza. Alí un home saía da casa a facer deporte en bicicleta e charlamos un pouco, aconsellándome sobre o seguinte tramo de vía verde, a partir de San Leonardo, para evitar a subida por estrada ó porto de Mojón Pardo (1234 msnm), e seguín o seu consello. Despois de debuxar, recunquei noutro bar que xusto estaba a abrir. Foi alí, en Hontoria, onde me decatei de que era domingo e xa pasara unha semana enteira dende a saída de Ribadeo.
Quiosco da música en Hontoria.
    Por certo, antes de saír o ciclista pasaron por alí dúas persoas, achegáronse e fixéronme unha corrección: non é un palco, senón un quiosco!
    En Hontoria xa se deixaba ver o turismo cara ó canón do río Lobos, que estiven a piques de visitar pero decidindo ó final non facelo por supoñer o alongar a etapa de xeito considerable.
    Así, tirei ata San Leonardo, xa en Soria e tamén adicado ó turismo do canón, e alí collín a aconsellada vía verde, manténdome case 100 metros por baixo do porto da estrada. Foi neste tramo onde aproveitei a subida para facer algunha foto de cousas que xa notara, pero que aquí se manifestaban máis. Pegadas de animais salvaxes nas beiras, restos que poderiamos clasificar dentro da 'arqueoloxía industrial', ou a erosión, que se ía incrementando co avance cara ó Mediterráneo e a terras máis secas. E mentres, neste tramo a vía verde non era das de peor piso, e mantívome lonxe da estrada abondos quilómetros, atravesando lugares que apreciei.
Pegadas á beira do camiño.

Mostras de erosión.

Arqueoloxía industrial.
     A entrada na provincia de Soria marcou o recoñecemento visual de algo que comezara quilómetros antes, que estaba en terra de piñeiros e cogomelos. E onde se aproveitan ambas cousas. Os piñeiros, para madeira ou resina, Os cogomelos, para a cociña.
Cartel nun coto de cogomelos.
    Pouco despois de saír á estrada dende a vía verde, unha igrexa tiña unha figura que me chocou: o campanario parecía una hórreo. A 'Ermita de la blanca', no concello de Cabrejas del Pinar.
Hórreo como campanario na ermida da Virxe da Branca, en Cabrejas del Pinar, Soria.

    Unha vez retornado á N 234 no quilómetro 389, seguín ata Abejar. Na procura dun lugar para comer, atopei o Hotel Puente Pinares referido na web. Entrei e pouco tardei en ver que estaba convertido nun lugar de acollida para inmigrantes. En concreto, topeime cunha familia con apariencia de ter orixe en Siria e sen coñecemento do castelán, e un grupo de ucraínos, tamén con pícaros con algúns xoguetes. Un pouco máis adiante, no mesmo Abejar, a estación de servicio tiña o prato do día. Alí comín e logo tomei un apunte da paisaxe, tras procurar aloxamento en Soria. Sen entrar polo miúdo, a miña estancia alí alongouse varias horas: o aloxamento, collido mediante unha web de viaxes, comunicoume cando xa ía marchar de alí que non admitía bicicletas de ningún xeito. Iso, despois de dicirme a web que si, e non querían devolverme os cartos. A solución que me daban era que a aparcara nun aparcamento público veciño. A bicicleta xa ten uns anos e non é de miles de euros, pero non me apetecía deixala en calquera lugar, e coa axuda de A World to Travel non parei ata amañar o tema, conseguir a devolución e arranxar outro lugar onde quedar que non me puxeran problema para dar bo remate a esta etapa 98 km na que salvei 650 m de desnivel nunhas 6,5 h de travesía por diferentes pisos.
Vista dende a E. S. de Abejar.

    A poucos quilómetros, Soria. A aproximación a Soria foi por unha vía ciclable, o circuíto de Valonsadero. Poucos quilómetros, en xeral en estado aceptable, pero que me desviaron na entrada tendo que dar unha volta para poder atravesar a autovía. Os quilómetros indicados quédanse curtos...

    Soria, xa decaendo a tarde, en festas e en domingo, a tope de xente, non me facilitou tampouco as cousas para cear. Entre paseo e procura, descubrín algún lugar que non coñecía desta vila na que estivera tan só unha vez.

Sobre a portada do IES Antonio Machado, en Soria.
    Un apunte final: unha etapa así dá para un estudo demográfico: a España baleirada vese acompañada do inmigrante, de xornaleiros do campo a rexidores de bares, por especialidades dependendo da orixe. A hostalería, para os suramericanos, os norteafricanos, agricultores... e tamén unha diferenciación por sexo, variando segundo a zona: antes de saír de Galicia, as sudamericanas arrasan como empregadas ou rexidoras da hostalería nos pequenos pobos que atravesei e nos que parei. Nesta zona, en troques, as mulleres estranxeiras case non son visibles, pero non porque non as haxa.
    Deixo para o final da crónica un feito que, sendo unha parvada, aledoume o pensamento por un tempo curto, ata que pasei a outra cousa. Tan curto que se non o poño por medio do relato é porque non me lembro do lugar exacto para situalo na serie temporal. A cousa é que, a piques de coronar un alto, pode que o citado La Gallega, adiántanme dous Porsche 911 seguidos, a unha velocidade alta, pero non demasiado, e coroban segundos antes ca min. Penso: se me tivera esforzado un pouco máis, coroaba eu antes ca eles! Xa digo, coa ocorrencia esbocei un amplo sorriso, como se ese 'por pouco' significara algo.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

Ningún comentario: