20221107

Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

 Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

     Referir un día de descanso, nunha crónica coma esta, non parece ter moito sentido. Non parece, mais teno.

    Non coñecía Teruel e dispoñía de máis dun día (xa direi onde metín o resto). E aproveiteino. O non ter despertador pola mañá non me fixo espertar máis tarde, pois seguía coa rutina de durmir abondo e a mecánica dos días anteriores. De calquera xeito, foi algo que me sorprendeu de xeito grato, como primeiro indicador fiable de que xa me afixera ó ritmo, e que o día, máis que por descanso, era así por gusto.

    A biblioteca de Teruel, as torres mudéjares, o acueduto, o paseo polas rúas, o sistema de antigos alxibes, o barranco cara ó Turia ou o paso pola praza central do Torico foron algunhas das lembranzas que podo aportar, a máis de coñecer a vidiña da vila, os anhelos truncados de ser a sede da Axencia Espacial Española, ou a inesperada dedicación ó grupo musical U2 dun pub enteiro.

    Si, é certo, a bicicleta pasou o día gardada, pois non a collín nin cando me propuxen visitar un miradoiro a unha certa distancia de onde residía...

    Primeiro, os tres lugares que me apeteceu debuxar:

    Correspondendo coa etapa de onte, ó chegar a Teruel aínda collín abertos os alxibes, instalacións subterráneas para a recollida de auga que amosan un pouco da historia da cidade. O alxibe somero e o alxibe fondón, hoxe sen auga o primeiro e só cun residuo o segundo, amosan ás claras o seu antigo contido nos muros e teito.

Alxibes de Teruel. O selo, posto na oficina de Turismo.
    As outras dúas imaxes xa son deste día, unha beira do alto da escaleira rechiscante construída como adorno turolense. Ten un paso por baixo polo que os estudantes do IES Vega del Turia transitan a diario para coller o ascensor que os leve á praciña superior á escaleira, e de aí, ó centro urbano. A escalinata do Óvalo, un lugar agradable para pasar o tempo.

Beira da Escalinata do Óvalo e selo do IES Valle del Turia. Teruel.

    No remate do día, un lugar que me foi recomendado en Teruel, pub adicado a U2.

    Deixo tamén algunha foto: non se pode debuxar todo nin por tempo, nin por ganas!

    A primeira, a torre mudéxar de San Martín, emprazada na antiga muralla. Quizais non é a máis famosa, sobrepasada pola do Salvador, máis comercializada, pero é a que escollín.

Torre de San Martín.
    A torre da Catedral ten un estilo semellante, e quizais é o que máis chama a atención non só da propia catedral, senón dunha praza alongada ou rúa ancheada que noutro tramo tamén acolle ó concello e pode dicirse remata nun museo provincial. Por certo, cun edificio con terraza que permite ver os tellados da vila.
Torre da catedral.
    A biblioteca non podía faltar, tanto para descansar como para ver o fondo propio adicado á vila, un xeito de aproximarse á cidade e sobre todo, á cidadanía e a súa consideración polo entorno no que vive.
Interior da biblioteca.
    O acueduto, transitable polo interior das súas columnas servindo de ponte, é a outra cara dos alxibes.
Acueduto.
    No diario teño apuntado "Mañá de relax por Teruel. Visita ó ensanche, miradoiro e parque do bico, paso da ponte vella, baixada das escaleiras, e debaixo, á beira, entrada no IES Valle del Turia. Visita a unha expo sobre Teruel na Pza. San Juan, rueiro e visita ó Museo Provincial e á vista desde o seu alto cara á catedral. Tres 'flautas' e zume na Pza. do Torico, nova visita á biblioteca, onde vexo actividades (xa está completa a que máis me interesa, visita á torre da catedral guiada por arquitectos), comer ... ", Ou sexa, unha visita de turista descansado, con tempo. un día diferente na viaxe nunha vila capital unha provincia que si existe, como di o lema. E non só iso. Coincidimos e voltamos a tomar algo Pedro do Barqueiro  máis eu, e charlamos de nós, e das nosas viaxes, compartindo experiencias.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

Ningún comentario: