20221110

Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó

Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó

     Unha etapa non moi longa e que resultou ter un moi bo piso, case todo cunha lixeira inclinación cara abaixo. De feito, o desnivel acumulado deume só uns 140 m, todos despois de desviarme da vía verde, cara ó final da etapa. Xusto o tramo que me indicou que ao menos nesa zona da Comunidade Valenciana mesmo as estradas 'normais' teñen vías de servicio moi recomendables para as bicis. Os 65 km mantivéronme sobre a sella pouco máis de tres horas, nas que pasei de Castellón a Valencia (xusto ó desviarme da vía verde para coller a N 225) e de novo a Castellón (no alto da N 225).

    Non comezou ben, pois no 'Albergue rural' de Barracas tivemos -eramos cinco, mais eu- que esperar un rato longo para que viñeran a abrir o local onde tiñamos as bicicletas, despois de estar listos ás oito da mañá: o dono quedara ata o final da post cea  xunto a unha botella. O sistema de viaxe do grupo era ben diferente: collían unha furgoneta para servir de apoio e cambiaban de condutor cada media etapa. Falando con eles xa a noite anterior, a organización era froito de anos de compañeirismo. Facían a cea, non sempre eran exactamente os mesmos, había bicis eléctricas, pero sobre todo, das de tracción animal... Saíron despois ca min, e adianteinos no camiño, nunha parada deles, tras facer eu unha desviación.

    Aínda que á saída de Barracas hai algunha subida e discontinuidade na 'vía' da vía verde, foi suave e apareceu pronto a vista do Alto Palancia ós pés. Vista con terra queimada de non había tanto tempo, por un televisivo incendio de abonda duración e extensión.

Alto Palancia, mirado cara ó Sol nacente.

    Os restos do incendio daban testemuña da súa importancia, e a paisaxe era cambiante na mañá, o que me animou a tomar unha vista.

Vista dende a zona de Bejís cara levante, beiras da serra da Espina.
    O desolado do incendio dito de Bejís daba tamén pé a paisaxes chamativas, non só a cambios na programación prevista, pois cando estaba dando os toques finais ó programa a seguir aínda a televisión falaba do incendio activo. Iso, a máis de tratarse dunha zona abondo despoboada, con dificultades para atopar onde pasar a noite, me fixo quedar en Barracas a pesar de ter comprobado neste día que a infraestrutura era abonda, con un tráfico ciclista cada vez maior, en particular, a partir de Caudiel. Si, pois era sábado, e ata alí subían a tomar algo grupos numerosos, entendo que da zona de Sagunto.
Restos do gran incendio.
    Os cambios no perfil ou na aridez non eran os únicos observables na paisaxe. Antes de chegar a Caudiel xa saúdan as oliveiras, unha árbore que non asociaba á zona, pero que si está conectado coa agricultura que se practica no 'Alto Palancia'.
Oliveiras.
    E, para un galego que pense que só hai toxos en Galicia (ben, tamén no resto da zona cantábrica, pero como por deixado da natureza), un pouco máis abaixo das primeiras oliveiras, os espiños estaban esperando, aínda que entendo que dunha subespecie que non é común polo noroeste, e non en grandes cantidades.
Non hai toxos só en Galicia.
    A vía, en xeral, ben, seguindo unha ruta de ferrocarril que non hai tanto tempo que se abandonou (hai outra que vai -ou ven!- paralela dende Teruel). Do bo estado dan fe en particular algúns tramos, onde as paredes que encaixan a vía están en perfecto estado e deixan ver os diferentes tipos de rochas e terras do camiño, a máis dalgunha que outra ponte.
Camiño e ponte.
    A estación de Caudiel, se ben en estado de abandono, como as que vou pasando nas vv de Ollos Negros, ten pouco que ver con algunha outra de anteriores vías verdes. Neste caso, máis xustificado, pois Caudiel é un pobo vivo como puiden comprobar.
Caudiel.

    En Caudiel parei a tomar a primeira comida do día. Si, xa levaba tempo sobre a bicicleta, pero a espera para collela cando quedaramos ás oito da mañá, falando cos outros ciclistas, non me permitiu tomala. Preguntei onde podía tomar o almorzo cando estaba co apunte da fonte / lavadoiro do pobo, e indicáronme que na outra beira do río, na parte que dá á estrada, e tras pasala atopei unha praciña con varios lugares que se foron ateigando dos grupos ciclistas e onde se estaba moi ben, ata que estimei oportuno deixar sitio. Iso si, puiden observar que o xeito de almorzar xa variara, podendo asimilar o que a xente tomaba ó 'esmorzaret', máis ó estilo do que vin despois na capital Valenciana.

Fonte e lavadoiro en Caudiel.
    De Caudiel en baixo raro foi o tramo no que non tiña á vista ó longo da vía verde ningún ciclista. O piso seguiu sendo bo ata a desviación en Algar de Palancia, se ben en tramos o trazado recorría alternativas por estradas ou camiños que non formaron parte da vía no seus días de ferrocarril. Un trazado que, como xa dixen, recomendo para facer con tranquilidade dende Teruel.
Túnel iluminado.
    En Jérica o camiño invita a pasar pola poboación, onde me atopei cunha voda na praza principal. E, coa voda, estoupidos de foguetes, claro! Isto é Valencia. O pobo está ben para botarlle unha ollada. Atopei a biblioteca aberta e entrei, pero era o edificio o que estaba aberto, non a biblioteca en si: sábado á mañá.
Biblioteca de Jérica.
    Seguindo camiño, varias formacións de refuxios da guerra civil manifestan que aquí houbo unha guerra, por se a alguén se lle esquece.
Refuxios da guerra civil.
    Con tranquilidade, Segorbe. Hai que apartarse un par de quilómetros, pero paga a pena. O acueduto, as murallas ou diversos restos e monumentos fan que apunte mentalmente o pobo para unha viaxe doutro estilo, con máis vagar e compañía. Iso si, con costas, en bicicleta, aínda que a etapa era suave, sempre se retraeu un de ver máis cousas, mesmo aparte das ruínas ás afóras.
Acueduto en Segorbe.

Muralla de Segorbe.

    Café en Segorbe. Aproveito para esbozar as ruínas na praza do concello, a praza do Alto Palancia, e anoto o lugar. Despois de visitar algunhas cousas no pobo, volto e como. E, o levantarme, recibo unha nota de Pedro do Barqueiro e despídome del antes saír e de que el coma no mesmo sitio ca min.

Ruínas en pza. Alto Palancia, Segorbe.
    Despois de Segorbe, a paisaxe vai sendo máis estilo do que tiña na cabeza como valenciano. De feito, comezo a ver laranxeiras...
Laranxeiras.
    ... e as ramblas fanse tamén máis visibles como o que son, canles polas que corre a auga cando chove de xeito torrencial, ó estilo mediterráneo.
Rambla.
    Os contrastes vanse acumulando. Chego a unha terra que se usa para adestrar cans e lembro unha máis pequena a poucos quilómetros de Ribadeo, preto de Tapia. Igualdade (dentro da maior humildade da tapiega) e desigualdade: en Tapia o chan está cuberto de herba!
Adestramento canino.
    Pero eses son contrastes menores. En La Vall d'Uixó, festas nun barrio e bous al carrer: as rúas pechadas para evitar que o animal escape, o piso con terra para facilitar o espectáculo, e as casas con protección.
Despois dos bous al carrer.
    La Vall d´Uixó sorprende dende o nome (en castelán... Vall de Uxó!). A volta que tiven que dar para alongar un día o recorrido resultou ben elixida. Por temas de horario non din entrado nas covas de San Xosé, que mesmo teñen un tramo que se recorre en canoa, pero fixen un recorrido abondo extenso por este pobo - vila con certos contrastes internos. O facer un apunte do acueduto libroume de asistir ós bous al carrer que se estaban a soltar naqueles momentos a non moita distancia.
    Unha etapa tranquila con lugares e costume que me chamaron a atención.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

Ningún comentario: