20221014

Cruz de Ferro

 


Cruz de Ferro

    Subindo á Cruz de Ferro (de Fierro, din os lugareños) dende Molinaseca, coincidín con tres ciclistas de retorno á súa casa, despois de recuncar en Santiago. Os catro nos atopamos, de fronte, cunha morea de persoas que ían en sentido contrario. Só tres, mais eu, de volta. Os tres asinaron, a modo de cruño e testemuña, un bocexo que fixen da pedreira cumiada coa cruz conmemorativa. Un deles era galés, e deixou coa sinatura a pegada da súa lingua, esbozando un amplo sorriso cando mo explicou e eu lle retruquei que era galego. Unha fraternidade pasaxeira no cumio do camiño francés a Santiago (ou mellor, no retorno de Santigo polo camiño francés).

    Ese punto, neste caso de unión e intercambio, marca tamén outras diversas fronteiras.

    Bierzo e Maragatería sería a que quizáis sae máis nos papeis e é tamén máis coñecida en Galicia. Pero hai outras, con ou sen relación co camiño de Santiago ou coas comarcas, que non son menos simbólicas. Simbólicas porque non hai sinal ou marca física, que moitas veces é a menos importante.

    Unha delas é o límite entre as augas do sistema do Douro e do Miño - Sil. A auga escorre un pouco máis aló para Porto, un pouco acó para os pés de santa Tegra polo Sil e logo polo Miño, producindo enerxía que en parte volverá a exportarse máis aló dese límite, á "meseta".

    O nome en si é outra fronteira. Cruz de ferro, pon na capela sufragada polo Centro Galego de Ponferrada. Cruz de fierro, en algún cartel e en arcaísmo conservado en terras leonesas, contrastando co castelán “Cruz de hierro”.

    Pode considerarse ese contraste a antesala doutro: na subida dende o Bierzo aínda se pode ver o “Bierzo Provincia” escrito en diversos lugares, mentres despois, na outra ladeira, comeza a parecer unha raia nos carteis que indican “Castilla y León”, querendo suprimir a Castela e deixando só a León. Unha diferencia ben indicativa dun pensamento de pertenza.

    O cambio de inclinación das pendentes é outra marca de paso da talladura do Sil á (ó meu ver) mal chamada “meseta” ou “submeseta norte”. Unha diferenza que se acusa a ollo nu, pero máis subindo en bicicleta.

    E poderiamos continuar. Por exemplo, co réxime de chuvias...

    Así, non pode considerarse a Cruz de ferro un punto ao menos tan simbólico como o Cebreiro? Non?

Ningún comentario: