Para Pepe Facal & Cia
Hai, Pepiño, Pepiño, canto das que facer! Mesmo de xeito indirecto. Por exemplo, dixéronme que dixera unhas verbas nesta celebración. Todo un traballo. E unha responsabilidade, pois coido que no fondo trátase en boa parte de falar algo para que non nos líes se deixamos que comeces a falar ti. Xa sabes, iso de que un cravo saca outro cravo, neste caso aplicado á incontinencia verbal.
Ben.
Hai tempo que procuro unha definición de Pepe Facal. Non é coña, é o que se me pasou pola cabeza xa hai uns cantos anos cando vin escrito no chan, nas indicacións dunha obra, ‘aguas facales’. Aquelo deixome patidifuso; ata onde chegará Facal? me preguntei. E dende aquela, ando con esa teima.
Non é doado definir unha persona polifacética e coido que tamén poliédrica. Iso creo, porque telo tranquilo, parado para observalo, non é posible: dos Países Baixos a Sudáfrica, dos USA a Extremadura, podemos observar con precisión fotográfica a súa cantidade de movemento, pero non a súa posición actualizada. Ou sexa, o mesmo que cando comeza unha das súas disquisicións compartidas. Por certo, unha volta xubilado, menos ligaduras, máis posibilidades de expansión, máis dificultade de definición de posición actual.
En fin, esas son cuestións cuánticas das que me afasto para non darlle ideas, e volvo ó rego. Poliédrico porque pode ser o mesmo que polifacético, dicionario en man. E co mesmo, polifacético porque é de variada condición e múltiples aptitudes. Pérdome entre tanta leria e collo só o de ‘aptitudes’. E, entre tantas aptitudes, tamén teño que dicilo, hai algunhas de compartimos. Por exemplo, ós dous nos gusta comer ben, e facer exercicio. Claro que pode que en diferentes cantidades. Tamén teño comprobado que compartimos o chegar tarde a concertos cunha frecuencia abonda como para decatarnos con certa probabilidade de que o outro tiña a mesma característica, non só de gusto musical, senón tamén temporal. Falando de aptitudes, Pepe hai tempo que foi declarado apto. Mesmo como presidente, deixando tan bo sabor de boca que ata é posible que lle cantemos iso de ‘presidente, presidente!’
A primeira charla que lembro ter con el foi algo subrealista (que raro!). Teño mala memoria, pero esa quedoume gravada. Foi en Ribeira, e coido que estaba tamén presente Carpente, aínda que a personalidade de Pepe ofusca ese punto. A cousa saíu (fíxoa saír) a conto do lugar de celebración do seguinte Congreso de Enciga. El levaba unha estratexia preparada. Tratábase primeiro de soltar a posibilidade, logo de pedir, e logo de insistir e insistir. Liñas dun estilo que coido recoñeceredes. Ben, tras soltar el a posibilidade de que se celebrara en Ribadeo, contestei algo como ‘vale, coido que agora xa pode ser posible’, pensando nas condicións do instituto. A cousa estaba feita, non? Pois non. seguiu turrando varios minutos ata despois de repetir eu máis dunha vez que si, que xa che dixen que si…
A Facal vaille o de aproximacións sucesivas, que en certas ocasións, aseméllase ó de mellora contínua. Así, teño que confesar que cando me enviou o manual de preparación de congresos quedei flipando. Tanto, que ata o lin. Dixen que o lin, non que o levara á práctica, pero iso é o de menos: quedoume claro que con Pepe non se xogaba. Bromear si, que iso é outra cousa, pero xogar? Ter a posibilidde de perder? Iso, non!
Coido que o ambiente, a estas horas, foise caldeando, dito sen ironía facaliana, e a pesar do escepticismo dalgún co do cambio climático. Por iso, soltadas algunhas conachadas que son verdades e verdades que son conachadas, antes de que me botedes, con b, para rematar quero facer un resume mínimo destas verbas:
Pepe, querémoste.
En Punta del este, Carballo, do 28 ó 29 de outubro de 2022
Ningún comentario:
Publicar un comentario