20221021

EU SON UN MUSEO. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Editado por Peggy Guggenheim

  “EU SON UN MUSEO”

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Así se definía a excéntrica millonaria Peggy Guggenheim, filla dun dos millonarios náufragos do Titanic. Cunha educación exquisita, liscou a París de moi noviña para entrar en contacto coa bohemia e as vangardas no artístico barrio de Montmartre. Escandalosamente moderna, non fixo outra cousa durante toda a súa vida que provocar os burgueses, precisamente ela que era unha burguesa de libro, iso que os franceses chaman “bobo” (bourgeois-bohème). Ás beiras do Sena coñeceu a Picasso (con quen tivo os seus máis e os seus menos), a Duchamp (xunto con Mondrian, un dos seus mellores amigos), a Max Ernst (o seu segundo marido), ao escultor romanés Brancusi (a quen lle mercaría unha das súas primeiras obras cando ninguén o facía), a Giacometti (unha das súas almas xemelgas), a Kandinski (o pintor que máis admirou), a Man Ray (quen a fotografou como ningún outro nin antes nin despois), a Miró (quen lle pintou un cadro para decorar o seu cuarto) e a Bacon (compañeiro de cheas etílicas e de secas resacas).

    O seu coleccionismo de obras de arte tamén o era de espíritos artísticos, de amizades, de amantes e vivencias, moitas delas pouco confesábeis. Sempre se sentiu rica e fea, mais deses dous defectos fixo unha virtude para vivir nesa liberdade sen ataduras que só dan os cartos e unha personalidade a proba do que dirán mais, co tempo, todo cansa e decide deixar as euforias parisinas para se trasladar a Londres e montar unha galería. Até a segunda guerra mundial pasarán polo seu local os mellores artistas do momento, que eran tamén os seus mellores amigos, admiradores ou queridos. Coa contenda bélica, abre outro establecemento en Nova York e, emulando o dito latino de “nulla die sine línea” (nin un só día sen escribir unha liña), proponse mercar unha boa obra de arte a diario. Ela mesma transfórmase en unha polo seu extravagante xeito de ser e vestir e polos seus inseparábeis (e nada discretos e ortodoxos) lentes de sol, como unha anglosaxoa Martirio, a máis rechamante e ecléctica cantante de copla pop.

    Ao remate da guerra, instálase definitivamente en Venecia, rodeada de cans e de cadros. Decide abrir ao público o seu palazzo. Percorrelo é aínda estala vendo. A partir de 1960 e até o seu pasamento en 1979 abandona definitivamente o coleccionismo e a “dolce vita”, vivindo franciscanamente entre un luxo antigo, ostentoso e decadente. Ben podería decirse dela, nestes últimos anos, o que Gil de Biedma dixo de si mesmo nos seus versos: “vivir como un noble arruinado entre las ruinas de mi inteligencia”.

Ningún comentario: