20221020

Sobre a auga e Ribadeo

     Hoxe chove. Leva horas facéndoo. O consumo de auga da traída do concello de Ribadeo viría suplido pola auga que caen nunha porción da superficie municipal. Hai que recollela. E facelo con tento para que teñamos auga na billa. O sistema, na actualidade, pasa por que  maioría da auga consumida na vila sexa subida do río Eo case a nivel do mar a unha instalación a uns 120 m de altura en Vilarbetote, e logo, traída á ETAP (Estación de Tratamento de Augas Potables) e ó depósito de Santa Cruz (un pouco máis abaixo da anterior) con pouco gasto enerxético, case por gravidade (o que lembra que as tuberías, en zonas baixas, teñen que soportar presións de máis de 10 atmosferas e teñen múltiples averías debido ó seu estado). O caso é que as instalacións fixéronse de xeito público (e en concreto, as tuberías xa toca renovalas dende hai tempo) e xestiónanse dende hai tempo de xeito privado. A empresa de xestión 'de sempre' é Viaqua, antes Aquagest, filial dunha multinacional, o Grupo AgBar, que participa tamén co 70 % en Aguas de Barcelona, e que, por certo, está sendo duramente contestada polo concello barcelonés nas súas propostas.

    A 31 de xullo, hai dous meses e medio, a alcaldía sacou unha 'MEMORIA XUSTIFICATIVA DA FÓRMULA DE REVISIÓN DE PREZOS E ESTRUTURA DE CUSTOS PARA A CONTRATACIÓN MEDIANTE CONCESIÓN ADMINISTRATIVA DO SERVIZO DE ABASTECEMENTO DE AUGA POTABLE, E SANEAMENTO NO CONCELLO DE RIBADEO', memoria que se fixo pública na web (Sede Electrónica do concello, onde aparece con varias faltas) só hai algo máis de medio mes.

    Cústame entender por que non se seguiu a xestión pública da auga en troques de servirlla en bandexa á empresa privada, nun movemento que agora vese contestado en diversas partes do mundo polo abuso -de diversos xeitos- a raíz da necesidade de servizo de auga potable. Pero o caso é que agora mesmo, é así, e visto o documento, parece que seguirá así. Por certo, o documento referido tamén está feito por unha empresa privada de consultoría, Intoconsulting; a capacidade de xestión pública parece ser minguante, e cabe preguntarse ata onde pode minguar.

    O informe, como pode verse de xeito doado, comeza na páxina cuarta de 13, coa introdución, onde aparece diversa lexislación eo principio de 'referenciación a custos' e non 'a prezos', así como indica que o contrato sobrepasa os 5 millóns de euros.

    No segundo punto, establece a petición de 5 valoracións de estrutura de custos, que se anexan ó final do documento.

    No terceiro apartado emprega unha fórmula para asegurar a ganancia do contratista, asegurando a amortización do investimento e unha taxa de retorno que supere en 2 % á rendibilidade dos bonos do estado. O período de amortización úsase para xustificar a revisión de prezos, e incide asemade no monto final.

    A estrutura de custos á que chega o informe é a seguinte:

    Os dous apartados seguintes determinan a fórmula de revisión e os índices que 'meter' na fórmula, chegando a:
 
    E axustando despois: "Para incentivar un comportamento eficiente do concesionario establécese un límite á variación do prezo do contrato obxecto de revisión periódica fixando unha taxa de crecemento máxima do 3% e mínima do -1%"
    En fin, dá moitas voltas, pero mirado de xeito detido remata un a pensar derivando en varias cousas: por que ten que levar o conto un concesionario en troques da propia administración, como o levou no seu momento (e non diminuiu persoal ó facelo, por que, en caso de concesión, non pode xerarse aquí a empresa e ten que depender dunha multinacional, e por que unha revisión de contrato e non un contrato novo se non se axustaron xa índices de xeito automático.
    Por certo, e como remate, chego tarde con este comentario no sentido de que o prazo de exposición pública está máis ou menos a rematar, co que xa non se poderían nin presentar alegacións á memoria, presentada na Sede Electrónica pero que non vin anunciada por ningures nas novas do concello.

Ningún comentario: