20221107

As formigas e os humanos

 As formigas e os humanos

    Os formigos e as humanas ... Non, non vai diso, de cambio de sexo ou de xénero, ou contraposición sexual, ou de interacción entre especies. Co que ten que ver é co cambio de concepción das ideas, do mundo, polo uso e secuestro da linguaxe e da imaxe, do noso ser, que nos fai cada vez máis, formigas.

    Estamos en plena batalla mundial polos datos. Pola súa obtención, apropiación e uso no marco do que se chama 'economía de datos', que é moito máis que economía 'de cartos', pois está ligada á sociedade e ás persoas e todas as súas (nosas) manifestacións e actuacións. Calquera interacción que teñamos ou deixemos de ter pode converterse en datos, que unha vez que nos son enaxenados (é dicir, que se apropian deles outras persoas ou entidades) deixan de pertencernos en exclusiva, ou mesmo de pertencernos sen máis, para pasar a ser algo comercializable no mercado e usable para dirixir a 'nosa' próxima compra ou a nosa próxima votación, ou a nosa próxima elección de parella.

    Non, non é ciencia ficción, senón algo que con menor ou cada vez maior éxito (tanto na recollida de datos, como na apropiación, como no seu uso) se está a producir xa hoxe. Mesmo hai modelos diversos para iso da 'economía de datos', tentando que se fale moito de como o goberno chino é capaz de acceder de xeito inmediato ós nosos datos por medio das as empresas multinacionais chinas mentres se fala abondo menos de que as empresas -a maioría, norteamericanas- tecnolóxicas multinacionais leva anos accedendo ós nosos datos. Sen ir máis lonxe, hai anos que o ficheiro que descarguei sobre min dende Facebook tiña case mil megas, é dicir, un tamaño equivalente a máis de cen millóns de palabras, varios centos de Quixotes. Do mesmo xeito, hai anos que a tecnoloxía fai a quen a controle capaz de espiarnos coas cámaras dos nosos propios aparellos, portátiles ou móbiles practicamente a vontade, de tal xeito que estamos literalmente nunha vixilancia dixital, ou, nunha imaxe máis arrepiante, nunha polo momento tosca cárcere dixital.

Formigas formando unha ponte. CCBYSA 2.0, de gl.wikipedia.org, por Geoff Gallice
    Volvendo ás formigas, xa aló polo 1930 Maurice Maeterlinck describía no seu libro 'a vida das formigas' dun xeito detallado como as formigas estaban clasificadas e a súa vida dependía desa clasificación, desenvolvéndose no que se podería dicir 'xeito maquinal', sen liberdade máis que a correspondente a unha distribución estatística sinxela. E si, o formigueiro, debido a ese reparto de tarefas ata o mínimo detalle, florece, e as formigas están dispersas por toda a superficie terrestre a excepción de lugares como a Antártida. É dicir, ocupan unha extensión comparable á dos humanos, con outro sistema social. A cousa é que a vixilancia continua (se queres, non a chames vixilancia, di 'observación') xera a capacidade de coñecernos mellor que nós mesmos, e con ela, a de interferir nas nosas decisións, que pasan a ser nosas só na ficción, e nos converten en algo así como formigas que teñen asignado un papel. Papel que pode ser diverso, e abranguer dende o que mercar ata o que votar. Que gran cousa sería que puideramos dispoñer nós mesmos, e só nós, deses datos para aproveitalos para os nosos propósitos, a modo de 'tónicos para a vontade' e poder mellorar o conseguir o que queremos. Cousa ben diferente é que sexan outros poderes os que usen eses datos para tentar que queiramos o que lles interesa e logo mellorar a consecución deses intereses que nos inducen.

    Mentres, segue aumentando o uso das tarxetas, con máis posibilidade de rastreo do manexo de cartos e máis dependencia dos bancos, coa desculpa de ser máis aséptico en pandemia e máis 'práctico' en xeral. Ou, de xeito incomprensible para min, as peticións de cámaras de vixilancia en lugares públicos, coa desculpa da seguridade, cando está demostrado que cazan as pequenas faltas de xente que non está preparada para evitalas por non facelo de eito organizado, mentres quen o fai a propio intento, de xeito programado, burla a vixilancia de diferentes xeitos. E, mentres, quen ten o control da cámara sabe se pasaches diante dela, en que sentido, como ías vestido, se ías ás présas... No noso edificio roubaron en varias portas hai máis dun lustro. Naquel momento, igual que hoxe, déixanlle a unha empresa privada que teña catro ou cinco cámaras nos baixos do edificio, escrutando á rúa, á xente que entra e sae tanto como á que está a tomar viños. Por suposto que tomar viños non e unha actividade delictiva, pero a observación pode tranquilamente facer posible un ficheiro no que apareza tódalas veces que unha persoa vai tomar un viño a un determinado local e canto tempo bota na tarefa, repartido entre o tempo que pasa dentro e o tempo que pasa na rúa co vaso ou fumando. Iso non serviu para cazar ó delincuente, que aparece nunha toma tapado con capucha e cargado co botín. Ata hoxe. Iso si, poden saber a que horas entro e saio da casa, se saio só ou acompañado, ver como vou vestido e facer deducións de cara onde me podo dirixir. É dicir, ter monitorizada parte da miña vida, que pasa a serme expropiada. E que 'non faga ningún dano' non é motivo para que me collan a vida e pase a ter vixilancia constante, e, nun momento dado, queiran cambiar o meu comportamento ou as miñas querencias, e teñan datos abondo para exercer algún tipo de castigo -multa, por exemplo- se non fago eses cambios, se non vou polo rego...

Ningún comentario: