20221104

Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel

 Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel

    Parece que me despertei cedo de máis. Á beira da estrada, a insonorización non era o forte do local, collín a bicicleta e saín. A néboa e unha certa friaxe acompañaban á luz aínda escasa daquela, co que o primeiro que fixen tras cargar as alforxas foi abrigarme e acender as luces da bicicleta. Aí comezou, por unha terra de novo chá, semellante ós altos entre Soria e Calatayud. Semellante entre a néboa, que despois, non tanto. E tampouco semellante pola diferente temperatura da primeira hora da mañá.

    Unha etapa doada, de 75 km cun desnivel a salvar de só 200 m, que rematou nunhas catro horas sobre a bicicleta este mércores. Completamente na provincia de Teruel, pareceume un recorrido a afirmar aquelo de 'Teruel existe!'

    O recorrido, con pendentes que non se notaban, fíxose suave e rápido, máis aínda indo por estrada. O resultado foron múltiples pequenas paradas, e algunha desviación. Unha delas para tomar café en Torrelacárcel, preguntando onde se podería tomar, e indo ó típico bar onde os fregueses exercitan a mirada a fondo cando entra un forasteiro. Alí non tiñan selo, pero enviáronme ó concello dicindo que estaba por alí alguén que era empregado municipal. Entre que saín e preparei a bicicleta, chegou e xa fun andando con el ata a casa do concello, e algo quedei, alí mesmo apoiado, tomando nota da torre da igrexa.

Campanario da igrexa de Torrelacárcel dende o concello.
    Ben, o caso é que pola mañá había néboa espesa e ía con coidado pola estrada. A pouca distancia de Calamocha atópome unha glorieta que fotografar, aínda con pouca luz. Unha bicicleta descentrada era o adorno, sen ver o motivo de que alí estivera.
Bici en glorieta neboenta á beira de Fuentes Claras.

    Pouco despois, con ceo xa despexado a planicie do Alto Xiloca facíase semellante á das terras altas de Soria.

Alto Jiloca.

    Cunha diferenza: o regadío. Diferenza relativa, coa canle atravesando leitos secos, menos secos en Soria e sen rego. Pero con grande extensión de regos abandonados, coas conducións dislocadas, facendo inservible o resto do recorrido.

Con e sen auga?
    Ó pouco de Singra e o seu porto (menos mal da sinal que indicaba 'Puerto de Singra 1000 m' para identificalo no medio dunha chaira), unha escultura de grandes dimensións no medio da nada. Tratábase de algo para rememorar e de xeito suposto, embelecer a autoestrada Mudéjar, construída hai non tanto.
Escultura no medio da nada, a máis pompa da Autovía Mudéjar.
    E de aí, Torrelacárcel de por medio, a Torremocha de Jiloca. Quizais, o pobo que máis me sorprendeu en todo o recorrido, a partir dunha sinxela constatación visual inicial: na entrada do pobo era distinguible unha cúpula dun telescopio astronómico.
Cúpula astronómica en Torremocha de Jiloca.
    Indo ben de tempo, e despois de chamarme a atención que no medio dunha chaira precisamente nun pobo houbera unha cúpula astronómica, parei e tentei pescudar. Fun á casa que tiña o observatorio, onde non había ninguén, e preguntei no bar (rexido por suramericanas, seguindo o visto noutros moitos puntos do camiño) que non sabían do tema, e logo atopei, ó sacar unha foto á fronte das casas que na traseira tian o telescopio e na dianteira un reloxo de Sol, a unha muller que me indicou que todo era cousa dunha mesma persoa. 'Todo' era, a máis do telescopio, un par (iso dixo) de estacións meteorolóxicas no pobo, e unha cámara web no alto da igrexa. Consultando internet despois, chego a que é obra de Vicente Aupí, que mantén a páxina 'Estrellas y borrascas', accesible en internet e con quen aínda non contactei. Pero iso foi despois de chegar ó Mediterráneo.
Reloxo de Sol en Torremocha.
    Seguindo o camiño, de novo froiteiras, que se veían con outro tipo de coidados que as ringleiras pasadas no baixo Xiloca. Toda unha sorpresa despois de ter visto xa canles de rego destrozadas.
Frutais cubertos.
    E de sorpresa en sorpresa. De pronto, á miña dereita, unha praza de toros portátil en Villarquemado indicoume da diferente mentalidade da xente nuns e outros lugares.
Praza portátil para corridas, Villarquemado.
    E un novo cambio de conca, a partir do porto de Cella. Un porto que, a semellanza do de Singra, parecía querer agachar os seus 1013 m entre a chaira ó seu arredor. Mais é a divisoria que fai que as augas non escorran cara ó Mediterráneo polo Ebro, senón polo Turia.
    E unha vez pasado, chegaría a baixada, disimulada tamén na chaira, aínda que menos que a subida pola zona do alto Xiloca. Mais xa dende antes do porto de Cella se albiscaba no horizonte outra novidade entre as terras de cultivo a mil metros de altura: o aeroporto de Teruel. Que non soa? Vós comerciais 'non ten moitos', pero é un grande aparcadoiro de avións de xeito que é raro ver tantos avións estacionados xuntos, un 'hub industrial aeronáutico internacional'. 
Avións parados no medio da chaira.
    A chegada a Teruel, indo un pouco polo cauce do Turia e cruzándoo para ascender á vila vella. E Unha volta pola tarde e outra despois de cear: mañá descanso. Entre a visita, unha ollada á estatua que anuncia no exterior o mausoleo dos amantes petrificados que fan renomeada a Teruel: Los amantes de Teruel.
Icona turolense cara fóra. Cara dentro, o 'torico' campea dende unha columna na súa praza.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

Ningún comentario: