INFORME DA COMISION EPECIALIZADA DE NOMBRES GEOGRAFICOS (CENG) SOBRE A RIA DE RIBADEO
A mediados de outubro o Instituto Geográfico Nacional remitiunos o último informe da CENG sobre este asunto. En La Comarca del Eo do día 22 (Ribadeando 19 de outubro) publícase un extenso artigo de Pancho Campos ao que non temos nada que engadir dende o punto de vista informativo. Debe suliñarse que o informe da CENG non é unha resolución administrativa. A CENG é unha comisión asesora do IGN e os seus informes son preceptivos, pero as resolucións definitivas son competencia exclusiva da D.G. do IGN. A D.G. do IGN deixou en suspenso a sua anterior resolución o día 25.5.22 diante dos recursos de alzada presentados pola Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo, a Plataforma de Mariños de Ribadeo e outros e solicitou un novo informe motivado da CENG previo á nova resolución administrativa que deberá ditar cando proceda. En síntese, a decisión do IGN aínda está no aire e, como veremos mais adiante, é moi importante ter claro o procedemento administrativo para entender o papel que xogan (xogamos) os distintos actores de este proceso. Na fase actual os recurrentes fomos convocados a presentar “documentos y justificaciones” fronte ao informe da CENG, cousa que fixemos dentro do prazo legal de 10 días. O noso escrito está colgado na páxina web de Antonio Gregorio “Ribadeando”.
Aquí ímonos referir a dous aspectos concretos do informe da CENG que poden dar unha visión mais completa de por onde van os tiros.
No parágrafo cuarto da segunda páxina pode lerse o seguinte:
“… el hecho de que el topónimo “Ría del Eo” aparezca registrado en documentos de carácter oficial, al menos desde 1871, constata un uso extendido de este nombre ya en el siglo XIX, lo cual es muestra de una tradición en absoluto reciente.”
Deixando claro que non se trata de “documentos” senón dun único documento, a nosa opinión é que este achádego só demostra que unha persoa o escribiu no seu día pero de aí non se desprende que tivese un “uso estendido” nen moito menos. Calquera pode entender que se existen outros materiais historiográficos que acrediten o suposto “uso estendido” que presume a CENG debería citalos ou dar algunha referencia orientativa que permita contrastalos, pero afirmar que polo arte de birlibirlo un só documento “constata un uso extendido de ese nombre” non deixa de ser unha afirmación gratuíta incomprensibel. Na nosa percura de mapas e documentos que xa publicamos, atopamos cinco escritos do século XIX onde aparece a denominación “ría del Eo”. En ningún deles figura con carácter nominativo. En catro aparece en primeiro lugar a denominación “Ría de Ribadeo” sempre mais resaltada. En un deles, encabezado pola “Ría de Ribadeo” figura un texto descritivo onde pode lerse “ría de Castropol” e “ría del Eo” e so atopamos un documento onde aparece exclusivamente a denominación “ría del Eo” (Recuerdos y Bellezas de España. Parcerisa. 1855) onde di “Castropol, villa asentada en la ancha ría del Eo”. Engadir que non atopamos ningún mapa ou carta mariña do século XIX nin anteriores onde figure a “Ría del Eo”. Todos estes datos foron remitidos ao IGN nos nosos informes e recursos e están publicados en La Comarca del Eo e no blog Ribadeando.
En resume, a CENG atopou un documento oficial de 1871 onde aparece a denominación “Ría del Eo” e de ahí saca a conclusión de que ese topónimo estaba estendido naquel tempo.
O segundo punto que desexamos comentar atópase na segunda páxina, párrafo 5º do informe da CENG onde di: “el topónimo “Ría del Eo”ha adquirido un carácter tradicional y un uso incluso mayoritario en la margen asturiana de la Ría”.
O que queremos discutir desta afirmación non é a opinión, sempre respectable no plano persoal, que cadaquén poida ter desta cuestión, senón o feito de que en un informe con pretensións de rigor científico, non se pode – on no se debe - verquer opinións personais que non están contrastadas con estudos sociolóxicos rigorosos, so pena de poñer en ridículo á institución que se representa.
Para explicar de onde ven o mantra do uso maioritario da denominación “Ría del Eo” na bisbarra oriental de Asturias temos que remontarnos ao ano 2006. No mes de marzo de ese ano o goberno do Principado de Asturias comezou a dar os pasos para “poñer en valor” político o tópico da Ría del Eo. Así pois o día 6 de Abril acudiu a Vegadeo D. Carlos Madera, Director Xeral de Cultura, para anunciar a creación de unha comisión de “expertos” que estudiarían cal era o nome correcto da ría, si “del Eo” o “de Ribadeo”. Ao mesmo tempo xa se decantaba sen ambaxes, e declaraba que o nome correcto era “del Eo”; ou sexa a sentenza xa estaba ditada antes de comezar o xuizo (para escépticos están as hemerotecas). Constituída a comisión de “expertos” os seus traballos foron publicados pola Consellería de Cultura en maio de 2007 nun folleto de 57 páxinas que leva por título “Ría del Eo. Informe y conclusiois” (en galego de Asturias). Nese folleto aparecen tres artigos con pretensión de enquisas que non son senón 87 entrevistas persoais a veciños de algúns concellos da bisbarra galaica asturiana (0,11 % de 70 000 hab) das que se tira a conclusión de que a denominación “Ría del Eo” é maioritaria no occidente de Asturias. De aí nace este mantra que agora recolle a CENG sen contrastar a súa procedencia, nin aportar ningún dato obxectivo que o acredite. En realidade as supostas enquisas no son tales, nin a poboación foi estratificada, nin se fixeron unas preguntas concretas e sinxelas por escrito, nin se garantiu o dereito á intimidade, en fin calquera semellanza con unha metodoloxía de enquisa obxectiva foi pura casualidade. As supostas enquisas só foron entrevistas a persoas elixidas arbitrariamente polos entrevistadores que non son representativas e que nin tan sequera tiñan a opción “non sabe non contesta”. As conclusións publicáronse nas correspondentes xornadas culturais e nos medios quedou a mensaxe de que tras un estudo de un grupo de “expertos” estaba demostrado que no occidente de Asturias etc. etc. En realidade unha lectura polo miúdo dos tres artigos devanditos demostra que nin tan sequera con este método tan peregrino se acadaron as conclusións que se pretendía, porque a maioría dos entrevistados respostan todo tipo de variantes e transmiten tantas dúbidas que non hai posibilidade real de sacar ningun resultado. Pero o Sr. Director Xeral de Cultura xa sabía un ano antes cal era o nome “correcto” da ría. Folga suliñar que estes antecedentes foron explicados nos nosos informes á CENG e ao IGN.
En resume, non hai ningún estudo sociolóxico medianamente serio que acredite a declaración da CENG de que o uso da denominación “Ría del Eo” é maioritario na poboación do occidente de Asturias.
Por dicilo en poucas palabras, entendemos que o informe da CENG carece da motivación requirida pola Dirección Xeral do Instituto Geográfico Nacional e, como se pode comprobar, estas afirmacións que serven de base á sua proposta de legalizar a denominación “Ría del Eo” non teñen ningún soporte documental.
Ningún comentario:
Publicar un comentario