20221102

O valor económico do nome da ría de Ribadeo

 O valor económico do nome da ría de Ribadeo

    Hoxe hai quen tenta converter todo en cartos. Sexa o que sexa, para aumentar o negocio coa súa comercialización. Non importa que literalmente, se lle quite a alma para converter o que sexa nun sinxelo apunte contable asociado a un valor. É un proceso que procura meter todo no sistema económico capitalista para que siga medrando (e así manterse) e que algunha xente poda seguir apropiándose das cousas comúns. É algo, asemade, que xa é case unha tradición histórica dende o nacemento do capitalismo, ampliar a área de negocio.

    O anterior veuseme á cabeza semanas atrás, ó pouco de recibir as últimas novas sobre o nome da ría de Ribadeo. Ata o de agora, o debate sobre a ría compartida na actualidade polas administracións galega e asturiana non tivo lugar nese sentido, cunha disputa non sobre o económico, senón algo economicista ou capitalista, pero pode saír en calquera momento. E pode facelo xa que de ser algo compartido e nome xeneralizado, está sendo compartimentado e nome babelizado, a modo de torre de Babel moderna na que xa ninguén se entende. E non porque non se poda, senón porque non se quere, querendo en troques cambiar o xa establecido por acordo de fala, e facéndoo pensando en intereses precisos, que, ó final, coido si poden ser convertidos na súa maioría en cartos para os interesados, vía diversos tipos de aumento de poder.

     Por iso, sería boa cousa cuantificar canto pode representar, en valor dito contante e soante, o nome da ría de Ribadeo, para saber a que nos enfrontamos. Ó fin, non se fala do valor económico da lingua castelá ou da lingua inglesa, e tenta avaliarse de diversos xeitos? Para entendelo mellor, outro exemplo relacionado con Ribadeo: o lugar da praia das Catedrais. Despois de anos de correccións, aínda hoxe hai guías ou web que asignan as Catedrais ó concello de Barreiros, e non ó de Ribadeo, como é a realidade. Isto significa que pode haber xente que procure aloxamento en Barreiros e non en Ribadeo, pensando na proximidade ou a sinxela relación xenérica co areal. E o resultado pode ser un aumento de valor por máis demanda nos aloxamentos dese concello a consecuencia dese erro informativo. Algo así podería pasar no caso da ría de Ribadeo e o seu nome, e sería interesante coñecer o que representa.

    Por suposto, moito máis difícil sería asignar un valor económico para unha persoa ó gañar unhas eleccións tentando enfrontar a xente en base a tentar cambiar o nome da ría. Iso permitiría xogar coas mesmas cartas: o coñecemento do que está en xogo para algunhas persoas.

Ningún comentario: