20221223

Apunte de matemáticas


     Remato de ver a nota de prensa do concello de Ribadeo titulada 'Esgotadas as panchas'. O seu subtítulo é 'A cuarta edición da moeda local, a Pancha, está tocando á súa fin coa adquisición das 200 000 panchas que se puxeron en circulación o pasado 1 de outubro. Dende o inicio da campaña leváronse a cabo máis de 3300 operacións coa moeda local, cun aforro de máis do 33% en cada unha delas.'

    Quizais deformación profesional, pero o subtítulo convidoume a escribir unhas liñas sobre esta chamada moeda local (pouco que ver cunha moeda local, entendo) da que teño tratado unhas cantas veces no blog en relación a diferentes particularidades súas ou que se lle atribuíron.

    O caso é que o esgotamento produciuse nesta campaña sobre 200 000 panchas vendidas. Isto é, en consonancia coas notas de prensa difundidas anos anteriores, tamén neste hai cousas a 'aclarar'. A primeira, da que xa falei, tradúcese en que o 'aforro' de 50 000 € dos clientes tradúcese nun gasto do concello de 85 000 €, desglosados en 50 000 € de subvención e 35 000 de funcionamento da campaña (que non podo detallar porque non teño datos, pero que incluirá o mantemento da app, a propaganda, etc.). Isto é, 8,5 € por ribadense de calquera idade e condición para beneficio dun máximo de 5000 persoas (5000 paquetes), que en realidade son abondas menos, pois cada persoa pode adquirir varios paquetes, e de pensar en usalos, o lóxico é tender ó máximo de 'aforro'.

    No subtítulo fálase de máis dun 33 % de aforro. Se se consultan notas de anos anteriores, verase que para condicións semellantes o mesmo concello dicía que o aforro é dun 25 %. De onde sae pois ese 'máis de 33 %'? Para comezar, algo que soa a chiste. Con ese 'máis do 33 %' estánse a referir ó 33,333333... %, é dicir, a 1/3, un 0,333333... % máis do 33 %, que sae de pagar 30 € por 40 panchas, que non son convertibles en €, pero que para este caso, a nota de prensa identifica como tales. O 33 % de 30 € son 9,90 €, e ese 'máis do' son eses 10 céntimos ata chegar ás 40 P: 40 = 30 + 9,90 + ,10. Agora ben, volvendo ó 33 %, nunha compra de 120 € que se pague con 120 P, o 'aforro' son 30 €, o dito 25 %, non 33 %, pois esas 120 P costaron 90 €. Aínda por riba, eses 30 € hai que incluílos na declaración da renda, como se comentou moito na primavera, co que haberá de deducirlles os impostos relativos, que dificilmente baixarán, no mellor dos casos, de 5 €. É dicir, o 'aforro' quédase en 25 € no mellor dos casos, algo máis do 20 % (que segue a ser un 'aforro' considerable)

    Estou entrecomillando 'aforro'. Se o fago é porque é un aforro para xente moi especifica e non para todos. No mellor dos casos, unha porcentaxe pequena de ribadenses entre eles. Para o resto, só é un incremento de gasto. Logo, por que se fai?

    Por que se fai o que, o dicir que é aforro ou a campaña das panchas? Vou cntrarme na campaña das panchas. Que eu saiba, non hai ningún estudo de incidencia comercial. Dise que estimula o comercio, e nese sentido, creo que algunha mercadoría si se tería descartado, pero unha porcentaxe moi baixa. A máis, dise que esa estimulación afecta á hostalería, porque atrae a xente a Ribadeo. Entendo que a afección é irrelevante. Dise que o volume de negocio triplica o volume das panchas postas en circulación, e iso é sinxelamente un erro de contas, confundindo os cartos postos para a campaña co nḿero de panchas, e o gasto real máximo efectuado coas panchas cun 'volume de negocio' propoporcional segundo unha regla de tres sen sentido.

    Iso si, de novo a campaña volveu ser un éxito: gastouse toda a subvención.

Nota a 3 de xaneiro de 2023 (que poño tamén como entrada solta en Apunte de matemáticas. Segunda parte):

Onte o concello sacou unha nota de prensa na que se dan entre outras as seguintes cifras:

2822 operacións de compra

936 persoas mercaron panchas

200 000 panchas vendidas

50 000 € de subvención

35 000 € de gastos varios

232 000 € de cifra de negocio xenerado de xeito directo

Do que, á súa vez, podemos obter:

- a grande maioría de operacións con panchas só implicaron panchas, non euros adicionais.

- cada persoa mercou de media case 215 €

- cada persoa realizou algo máis de tres opercións de media

- como mínimo, o 91 % dos ribadenses non compraron panchas

- cada euro transferido ó negocio privado costou 1,7 € ó erario municipal

- coñécense as cifras aportadas, pero segue descoñecéndose o retorno efectivo para Ribadeo ou para o comercio, non habendo previsto un estudo nese sentido.

Ningún comentario: