Adxunto as verbas de Evaristo Lombardero na concentración de hoxe sobre as pensións, con algunha foto tomada por Suso Fernández e un comentario deste último.
Verbas de Evaristo:
Bo día compañeiros e compañeiras, como hoxe é o último sábado de 2022 temos que facer un breve repaso das actividades que tivemos este ano e de algún xeito prantexarnos os plans para o 2023.
Nunca poderemos estar totalmente satisfeitos mentras non se consigan definitivamente e se asenten de unha maneira estable tódalas reivindicacións que temos pendentes e moito menos pasarnos a man polo lombo decindo que somos mais listos ou mellores que os demais pero non é ningunha falsedade recoñecer que o 2022 non foi un mal ano para os movementos e plataformas de pensionistas do estado español. En primeiro lugar porque saímos bastante airosos de unha gravísisma crise social e política derivada da pandemia e da chantaxe permanente das dereitas e o seu aparato mediático, das multinacionais, particularmente da enerxía, da banca, das guerras, e de todo o contexto sociopolítico que deriva nun sistematico acoso ao estado de benestar, ca suba escandalosa do coste da vida das clases traballadoras e os intentos de privatizar ata o aire que respiramos. En segundo lugar porque mantivemos e recuperamos grandes espazos de unidade e de movilización que de algún xeito estivo na corda froxa nos dous anos anteriores e en terceiro lugar porque fomos quen de dar resposta a tódalas propostas do goberno e concretamente de Escrivá, que en moitos aspectos tivo que dar marcha atrás aos proxectos de privatización do sistema de pensións e finalmente aprobar unha suba arredor do 8.5 % que se ben está lonxe de ser unha solución aos problemas das pensións mais baixas é moi superior ao que teríamos se nos quedásemos na casa e por suposto se gobernase o trifachito do PP-VOX-CIUDADANOS.
Ao longo de este ano fomos a Madrid a unha concentración no mes de Abril a presentar mais de 300 000 sinaturas recollidas en todo o estado para esixir a auditoria de contas da Seguridade Social, aquela foi unha concentración nas cortes con representantes de todo o estado e con varios deputados de distintos partidos que apoiaron as nosas reivindicacións, pero o maior éxito do ano foi a manifestación masiva do 15 de outubro, tamén en Madrid con unha participación de perto de 50 000 persoas esixindo a suba das pensións de acordo co IPC real e non coa media mensual que prantexaba Escrivá. Polo medio tamén debe suliñarse un acordo entre o goberno e Bildu para unha suba do 15 % nas pensións non contributivas que sen ser a panacea tampouco é despreciable porque para a maioría vai supoñer unha suba duns 700 euros ao ano. Quero insistir no que dixen ao primeiro, en absoluto citar estas cifras é para darnos xabón, pero o feito é que sen a nosas movilizacións non se houbese conseguido nada de nada e xa non digamos se lembramos unha vez o 0,25 de Mariano Rajoy.
Lembraremos tamén a manifestación de Santiago do pasado 19 de novembro na que participaron diferentes colectivos sociais e algún sindicato anque non nos apoiaron os sindicatos maioritarios. Nesta xornada prantexabamos unha movilización pola defensa do estado de benestar conxunta en mais de 50 localidades do estado español, prantexando a esixencia dunha vida digna, a contención da suba do coste da vida para que se pare a sangría da perda de poder adquisitivo das clases traballadoras e pensionistas, a denuncia do deterioro e privatización dos servizos sociais e sanitarios, a suba das pensións e do salario mínimo ata o 60% do salario medio como esixe a Carta Social Europea, un paquete de medidas urxentes para superar a fenda de xénero en salarios e pensións e sobre todo poñer en primer plano que a movilización e a loita unitaria son a única ferramenta eficaz a curto e longo prazo para defender os dereitos das maiorías traballadoras fronte a voracidade obscena do gran capital.
Lembraremos tamén que hai uns meses fixemos unha estimación do que suporía unha suba das pensións en Ribadeo dun 10 % e saíame unha cifra dun aporte de capital de 3 750 000 euros para o 2023. Agora co 8,5 % saen uns 3 200 000 euros aproximadamente. Naturalmente estes ingresos van repercutir sobre todo no consumo local de produtos de primeira necesidade, polo tanto danos pé para insistir en que o noso movemento e as nosas reivindicacions non son exclusivistas e teñen un impacto social que se fai extensivo a todos os sectores da economía local e de aí que debamos explicalo para que se entenda que os nosos intereses en gran medida coinciden cos da maioría da veciñanza e non só porque os futuros pensionistas tamén se van beneficiar das nosas movilizacións no futuro, senón porque agora mesmo xa benefician a amplos sectores da nosa comunidade.
Deixo para o final dous comentario que tamén fixemos anteriormente e que van ser algúns dos nosos obxectivos no 2023. A auditoría de contas de Seguridade Social que foi aprobada por lei o 28 de decembro de 2021 e que obrigaba ao goberno a nomear unha comisión de traballo no prazo de un mes e ter un informe no prazo de seis meses. Pero o goberno segue mareando a perdiz e aínda non se nomeou a comisión de traballo que xa tiña que estar funcionando dende xaneiro deste ano. A lei esixia e esixe a auditoría das contas da caixa de pensións dende 1967 ata 2019 e hai cálculos de un grupo de economistas que estiman que a derivación de fondos da caixa de pensións para financiar actividades de diverso tipo pode superar os 800 000 millóns de euros. As plataformas de pensionistas esixen que o estudo o faga o Tribunal de Contas, un organismo autónomo dentro do estado, pero Escrivá pretendía que a fixese a propia Seguridade Social e mais recentemente unha consultora privada. A nosa oposición derivase da sospeita de que pode haber unha manipulación á baixa xa que despois de coñecerse os resultados poderíase esixir a devolución deses fondos substraídos da caixa das pensións ao longo de cáseque 50 anos. Lembremos que esta auditoría foi esixida polo movemento de pensionistas xa no 2019, e despois asumida polo Pacto de Toledo e polos sindicatos maioritarios. A importancia desta auditoría é doada de entender: cando se faga quedará demostrado definitivamente que todos os bulos de que o sistema público de pensións non é sostible son absolutamente falsos e este sistema podería ser perfectamente compatible ca economía española se non se roubasen miles e miles de millóns aportados polas cotizacios de tantos anos, e as débedas débense a esa práctica depredadora que levou en tempos de M. Rajoy a transferir aos bancos mais de 63 000 millons de euros no ano 2008. Dos que por certo so se devolveron catro mil. Polo tanto para que se consolide o sistema público de pensións e se rexeite definitivamente calquer proxecto de privatización seguiremos loitando por que se faga canto mais axiña a auditoría das contas da seguridade social e que esta sexa feita con rigor e transparencia para que saian a luz pública todos os roubos que se viñeron facendo ao longo de tantos anos da caixa dos pensionistas.
O segundo asunto que quero comentar agora é o proxecto de Escrivá de prolongar o período de cómputo para o cálculo das pensións. Estamos en contra de esa ampliación porque vai supoñer unha perda de ingresos para os futuros pensionistas, afectando especialmente ás mulleres que non tiveron oportunidade de incorporarse ao mercado de traballo externo pola sua adicación á familia e aos coidados e que son traballos que non serían avaliados no proxecto de Escrivá que sería o causante dunha maior fenda de xénero.
Estamos xa que logo diante de un novo ano no que seguiremos loitando e movilizándonos polo obxectivos que viñemos defendendo en anos anteriores, pensións dignas que permitan unha calidade de vida xusta, suba anual das pensións dacordo co IPC real, pensión e salario mínimo do 60 % do salario medio como recomenda a Carta Social Europea, non á fenda de xénero, non aos plans de pensións privatizados de empresa, auditoria de contas da seguridade social para coñecer as retiradas de fondos fraudulentas ao longo de 50 anos, dereito á saude e a unha asistencia médica correcta sen recortes nin privatizacions, e aquí temos que denunciar a último invento do paraguas da Xunta de Galicia que é copia do que implantou Ayuso en Madrid e son os servizos de urxencias sen médicos ca desculpa de que non hai este tipo de facultativos cando está perfectamente estudado que o persoal sanitario tanto médico como de enfermería vaise do sistema público pola precariedade e inestabilidade no emprego e non por motivos económicos e esa política de persoal responde a unha estratexia de disolución e debilitamento do sistema público para favorecer o crecemento do privado, dereito a unha alimentación sana e equilibrada rexeitando as cadenas industriais que producen comida-lixo e son unha das primeiras causas de cancro, esiximos un plan e un compromiso político e económico ca atención a dependencia, en primeiro lugar a través de institucións públicas onde todo o persoal se sinta seguro e estable con uns salarios, unha formación profesional e unhas condicións laborais dignas e un incremento dos investimentos do 0,7 actual ao 1,7 que é a media europea para achegarse ao 3 % do PIB que é a media dos Paises Nórdicos. En fin seguiremos esixindo unha educación pública de calidade e un parque público de vivendas de aluguer a presos xustos para xoves e clases traballadoras veñan de onde veñan.
Compañeiros e compañeiras: GOBERNE QUEN GOBERNE AS PENSIONS E SERVIZOS PUBLICOS DEFENDENSE
Comentario de Suso:
Medio cento de persoas xuntámonos este primeiro sábado de mes 2/12/2022, na loita por pensións e servizos públicos, que nos foron, e seguen arrebatándonos pouco a pouco, e sen ver a xente moverse, tede presente o noso lema: Goberne quen goberne, as pensións e o público deféndense.
Fumos moitos, xa fomos menos e agora estamos a medrar de novo. Isto quere dicir que a xente segue descontenta; por moito 8,5 % de promesa, sube moito máis (moitísimo máis) a cesta da compra e dos servizos básicos que as pensións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario