20230101

Amplíase o Dominio Público

Imaxe collida de https://creativecommons.org, lic. CC BY 4.0

 Amplíase o Dominio Público

    Por medio do blog de Wikimedia España, asociación relacionada con Wikimedia, a matriz da Wikipedia, e polo tanto, da Galipedia (a Wikipedia en Galego, a piques de cumprir 20 anos), Commons, Wikidata, Wiktionary... todas elas wikis con interface galega e contido licenciado en xeral para ser reproducible sen máis que adxuntando a cita de onde se obtivo (lic. CC BY SA 4.0 ou semellante). Por ese medio, digo, entérome das novas obras (literarias, musicais...) que en España pasan a estar no dominio público co comezo do novo ano. Neste caso, aquelas que corresponden ós autores e autoras que morreron en 1942, e que se xuntan a aquelas outras con autores mortos antes. A confección do listado (do que pode atoparse unha versión abreviada en https://www.bne.es/redBNE/datosgob/dominiopublico/DominioPublico1942-web.xls) corre a cargo da Biblioteca Nacional de España.

    Nel hai xente como Miguel Hernández, e uns cantos galegos, incluídos Bernárdez, Manuel (1867-1942), Castillo, Pilar (1895-1942), Cora, Antonio de (1889-1942) -pode que en Ribadeo o que máis soe por mor da relación con El Progreso e a través da empresa, coa Comarca-, Fernández Mazas, Cándido (1902-1942), García Varela, Antonio (1875-1942), Pérez, Xosé (1900-1942), Portal Fradejas, José (-1942), Prado, Xabier (1874-1942), Regidor, Santiago (1866-1942), Salgado Toimil, Ramón (1883-1942), Vaamonde Lores, César (1867-1942) ou Ventín Durán, José Augusto (1884-1942).

    Que pasen as súas obras ó dominio público significa que o que é de todos medra. Coido que está claro: antes do un de xaneiro de 2023, as obras da súa autoría podían xerar dereitos ós seus descendentes ou propietarios legais doutro tipo (unha empresa que mercara os dereitos, por exemplo). Por moito que a autoría sexa inalienable, a xeración de beneficios das obras si pode ter avatares diversos e facer que ata as bibliotecas teñan que pagar un canon por ter e prestar un determinado libro. Así está a lei. A mesma lei que di que agora, as obras deses autores citados, pasa a ser de todos no sentido, por exemplo, de que son reproducibles e poden distribuírse sen pagar dereitos. Ben, en realidade, a cousa é máis complicada, e hai xeitos legais e manobras amparada neles que fan o dito papel mollado nalgúns supostos. Pero basicamente é así: ese acervo cultural que naceu na nosa sociedade, e polo tanto cun autor ou autora influído polo seu entorno social sen o que non tería lugar o parto de ditas obras, pasa a ser legalmente comunitario, despois de ter podido beneficiar ós seus autores durante a súa vida e ós seus descendentes durante os oitenta anos seguintes, se uns ou outros non venderon os dereitos antes.

    Deste xeito, con estas incorporacións, os comezos de ano non deixan de ser un respiro para un dominio público, propiedade comunitaria, que noutros aspectos se ve cada vez máis cercada, sexa pola perda de servizos, a ignorancia interesada de dereitos ou a submisión da xestión pública a intereses privados baixo diversas formas de corrupción do sistema, entre outras posibilidades.

    Benvido o ano novo!

Ningún comentario: