Casa Grande
Di no Quixote que Alonso Quijano loitou contra muíños de vento que se lle asemellaron xigantes. Hoxe os sistemas de xeración eólica son xigantes en máis dun sentido. En tamaño, sobrepasando en altura a lonxitude dun campo de fútbol, moito máis que os antigos muíños do Quixote. Pero tamén son xigantes relativos noutro tipo de tamaños, dende a contaminación acústica xerada ós destrozos no entorno para erixilos e mantelos, e, sobre todo, polas empresas que teñen detrás, entramados societarios dos que a empresa 'visible' que xestiona a concesión do proxecto é unha máis nunha rede moitas veces multinacional, e en calquera caso, dun tamaño financieiro, contactos e influencia moito maior que os Quixote que se podan opoñer ó levantamento do parque eólico correspondente. Esa é a principal razón da aceleración de trámites, cambios de requisitos, imposición de necesidades, etc, das administracións que rexen no sector: o tamaño de influencia.
Fronte a esas organizacións empresariais, a xente que non quere ver perturbada a súa vida por instalacións que, en principio, nin lle van nin lle veñen en beneficios, e mesmo están pensadas para subministro doutras zonas ou industrias non relacionadas -repito, de xeito directo- con ela, e sen ter tida en conta. Como resultado da fraternidade entre empresas -máis grande, máis fraternidade- e administracións, os administrados pasan de ser o motivo dos entes administrativos a ser unha molestia para eles. A molestia medra cando a xente se asocia, e as asociacións xúntanse, e ganan en influencia, converténdose os Quixote tamén nunha especie de Quixote xigante para tentar medirse de ti a ti cos muíños. E así, hai veces que os Quixote rematan desmontados do seu cabalo e con múltiples contusións, pero algunha que outra vez poden cos muíños-xigante, aínda que rara sexa a vez que se libran de ter algún tipo de secuela.
Escribo isto porque hai uns días remato de decatarme dun caso particular, do rexeitamente dun parque de eólicos por ter unhas instalacións agropecuarias 'eco' preto deles. A resolución viría dada por primar o benestar animal e a maior protección da produción ecolóxica fronte a todos eses adxectivos bondadosos que se lle colga á produción eólica de xeito indiscriminado. O caso é que é de supoñer que o benestar da xente estará visto ó nivel do benestar animal, e por ecolóxica que sexa considerada a produción da Casa Grande de Xanceda -ese é o lugar, e de aí o título- non creo que boa parte dos minifundios galegos teñan moito que envidiar en equilibrio ecolóxico ós produtos da Casa Grande, que por certo, en xeral gústanme.
Pero non creo que debamos tomar o anterior -as causas do rexeitamento do parque eólico- ó pé da letra. É dicir, que as causas esgrimidas, con todo o loables que podan ser, non creo que sexan máis ca utilitarias, no sentido de que o que conta son máis as relacións e influencias nos centros de toma de decisións que os criterios obxectivos. As casas grandes tamén están ben relacionadas...
Ningún comentario:
Publicar un comentario