20230116

Cinco anos

    15 de xaneiro de 2018. Lémbraste que fixeches ese día? Era sábado. E en Ribadeo, algunha xente comezou unha andaina que aínda dura, porque non chegou ó destino. O destino: equidade cos maiores, equidade na atención pública, nos servizos.

    Como lembranza, Suso Fernández, integrante da plataforma asociada a MODEPEN en Ribadeo, colgou nas redes sociais:

    Hai xente en precario, maior, e tamén nova. Unha precariedade que non debera existir, que non debera permitirse. Pero que está aí. Aquí. Unha precariedade social: os maiores teñen -temos- conciencia de que non pode desaparecer a precariedade pensionista se ó tempo non desaparecen os soldos precarios da xente nova. A sociedade é complicada. E non pode variar de pronto, pero ten necesidade de variar, mellorar, afacerse ós tempos e ó que traen consigo do mellor xeito posible, e ser capaz de marcar os tempos e as circunstancias. Si, dentro do posible, un posible que hai que ir ampliando na mellora social.

    Mais estamos en tempos nos que parece que o mellor que se pode facer é non empeorar moito. Tempos curtos de miras que é necesario ampliar. Ampliar para que caibamos todos, para que as melloras non queden concentrados nuns poucos. Xa se sabe o da media: din que melloramos se un suma 100 máis do que sexa mentres os outros 99 perden cada un o 1 que tiña; en total, gañouse 1, pero 99 están peor que estaban. Por iso a necesidade de coidar o común, o comunitario, que na nosa sociedade en xeral está xestionado baixo o epígrafe de 'público', e moitas veces esas institucións públicas actúan con propiedade, como se fosen unha entidade máis, privada, ó servizo de alguén, particular, e non ó servizo de todos, común.

    Cinco anos. E os que fagan falta. A xente imos pasando, uns van, outros achéganse. E non son as pensións, somos nós.

Ningún comentario: