20230114

Foros de debate de Sargadelos no Voar. Juan Carlos Monedero

J. C. Monedero no Voar

Foros de debate de Sargadelos no Voar. Juan Carlos Monedero

    Comezaron os Foros de Debate do Voar, organizados polo Grupo Sargadelos. O primeiro en ocupar a palestra, este venres, foi Juan Carlos Monedero. Ó tempo que se desenvolvía a charla e posterior turno de preguntas (en total, dúas horas case igual repartidas) en Ribadeo había outra actividade extraordinaria, esta musical, coa participación da Coral Polifónica acompañando á orquestra de Cámara de Galicia. E, aínda que son actos ben diferentes, a xente que se move en Ribadeo para asistir a actividades tampouco é tanta. A charla de Monedero deixou algunha cadeira baleira, aínda que non tantas, achegándose os asistentes ás duascentas persoas.

    Un público que puidemos escoitar unha charla sobre o que é a política hoxe, non só en España, que me pareceu unha especie de introdución a un curso universitario aínda que na rolda de preguntas houbo quen a cualificou de mitin. E é que nas preguntas houbo algún momento de relativa tensión pola natureza das intervencións, que foron contestadas dun xeito que en boca doutra xente, diríase 'campechanía'. Tratándose dunha persoa que se relaciona con Podemos, e despois da caza mediática de anos que ven acusando a (e á) formación, era previsible algún momento así, máis aínda cando quen dá a charla xa ten táboas abondo e sabe navegar ó filo na súa intervención e ten soltura para soltarse finamente de ameazas nas preguntas. De calquera xeito, a charla, que teño gravada, non tivo nada de revolucionaria, senón que se mantivo dentro da moderación académica, apoiada en datos que, obviamente, polo tempo asignado moitas veces non puido nin nomear.

Ningún comentario: