20230121

Foros de debate de Sargadelos no Voar. Ana Pontón


 

Foros de debate de Sargadelos no Voar. Ana Pontón

    A segunda charla para debate deste ciclo foi onte, sábado 20 de xaneiro. Ana Pontón, presentada por Pablo Vizoso Galdo, fixo unha intervención abondo máis curta que Monedero, e máis no sentido de grupo político, a pesar de que, neste caso, non houbo quen lle afeara 'dar un mítin' como pasou a semana pasada. As algo máis de duascentas persoas deixaron poucos ocos libres mentres escoitaban o que poderían ser liñas mestras dunha actuación de goberno, menos teoría e explicación e máis parecer e sentimento quer a pasada semana.

    A charla, a única en galego que haberá no ciclo, resultou próxima e propiciou unha quenda de preguntas tamén máis curta que na semana anterior (ambas se cortaron ó final) e máis distendida.

    Entre as moitas cousas ditas, quedeime con dous detalles, ambos correspondentes a respostas a preguntas. Nunha intervención, Ana foi interpelada sobre a falta de 'democracia de calidade' que usara con anterioridade. A respostas foi no sentido de que miraba a democracias con máis calidade ca nosa, que sería algo relativo. Atopo que a falta é, ou debería referirse, máis que en relación a outras, en relación a criterios de calidade, ou nos atoparemos con que, dependendo do momento histórico que se esté a vivir, poderíamos chamar democracia de calidade ó que podería ser unha falta de democracia, só porque noutros lugares estarían peor. O outro momento, cando dixo algo como que non se explicaba que lle paguen a alguén que ten un eólico nas súas terras 1800 € cando a empresa está ganando miles de millóns de euros. A pouco máis interveño para dicir algo como 'é que se non pagaran 1800 €, terían máis dificultade en ganar miles de millóns de euros!'

Ningún comentario: