Ana Franck na escola. Imaxe no dominio público na UE, collida de https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:AnneFrankSchoolPhoto.jpg |
MISTERIO RESOLTO
Desde este ano xa se sabe quen delatou a familia de Anne Frank: Arnold van der Bergh, un notario xudeu ameazado con asasinar a súa se calaba. Non lle valeu de nada. Foi, xunto con el mesmo, trasladada a un campo nazi de exterminio e gaseada. Na Casa de Atrás, Anne Frank (acompañada polos seus pais, a súa irmá Margot, o matrimonio van Pels co seu fillo Peter e o amigo da familia e odontólogo Fritz Pfeffer) permaneceu dous anos confinada até que un 4 de agosto de 1944 foron todos descubertos. Só sobreviviría ao nazismo o seu pai, Otto, quen de volta a Holanda, trala guerra, ao que fora o seu agocho descubriu o diario da súa filla que os alemáns deixaran ciscado polo chan no rexistro da vivenda. Foi el quen se decidiu a publicalo. Quen o lea verá que non é apto só para rapaces. É máis, eles non adoitan gostar da súa lectura. Téñoo comprobado co meu alumnado durante anos. Algo así ocorre tamén co “Principiño”, outro falso clásico infanto-xuvenil que coido abondo máis acaído para adultos.
Cando entrei nese lugar (hoxe museo) tan angosto ás beiras dunha canle de Amsterdam, percateime do duro que tivo que resultar ficar nel sen posibilidade de liscar a ningures. Moito peor que a corentena Covid que sofremos todos nós. A familia Frank era xudía de orixe alemá, mais fuxira da Alemaña nazi cara aos Países Baixos ao pouco de chegar Hitler ao poder. Cando o III Reich invadiu as chairas holandesas intentaron exilarse no Reino Unido, mais esa opción xa non puido ser.
A vivenda está situada na parte traseira doutra en cuxo baixo comercial había un ultramariños no que o pai de Anne traballaba. Coa complicidade dos seus socios non xudeus e holandeses, foron quen de sobrevivir tantos e tantos meses. Eran eles os que lles garantían os subministros básicos e lles mantiñan o segredo, poñendo en perigo as súas propias vidas. Heroicidades altruistas que se dan en calquera guerra.
O historiador Bas von Benda-Beckmann retoma esa historia tan dramaticamente real en “Despois do diario de Anne Frank”, traducida ao galego pola editorial Kalandraka. Nas súas pesquisas, seguiu as pegadas dos oito habitantes do reducido habitáculo desde antes da guerra até o seu tráxico final poucos meses antes de rematar o conflito bélico co suicidio de Hitler, agochado tamén el agora nun búnker máis profundo que unha tanxugueira. A saída deste libro do prelo coincide coa estrea dun filme de animación baseado no diario, unha das obras (xunto coa Biblia e o Quixote) máis traducidas de toda a historia universal da literatura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario