20230104

OS GALOS. Manolín dos galos

OS GALOS

A punto de que as novas autovías, estradas, viais, e demais acontecementos da vida moderna, enterren definitivamente a "casa dos galos" de Villaselán, casa que deu nome a un próspero barrio de Ribadeo, sinto a necesidade de deixar constancia nalgún lugar da curiosa historia de tal nome, antes de que a máis destrutiva de todas as cousas, o esquecemento, condene ao misterio a orixe do mismo.

Podería, a primeira ollada, asociarse simplemente co popular animal, parente da galiña, ou como algún erudito me preguntou, na procedencia, "allende os Pirineos" de tal nome.

Pero, a historia que me foi transmitida de boca en boca na familia, apunta evidentemente á teoría gallinácea do asunto.

É moi posible que os acontecementos sexan moi antigos, tanto que se remontan ó meu tataravó que se chamaba Luís Reinante Canedo, e que era o pai da miña bisavoa María que casou un señor (Ceferino) vido de Taramundi.

Sábese que a vella casa ardeu, e foi reconstruída na súa proximidade, feito que testemuñan as vigas ennegrecidas polo lume na casa actual.

Outro dato é que na fachada actual, hai unha pedra coa inscrición 1876.

Tamén se conta que a tal María ("Marica" dicíase por aquel entón ) quedou sen pelo na parte superior da cabeza como consecuencia de exercer de "guindastre" e subir en cestas na cabeza os materiais de construción da época, é dicir o barro e a pedra, na reconstrución da mesma.

Pois ben a anécdota, di que os irmáns de Luís Reinante eran moitos, non sei de certo cantos pero, con tendencia á posible esaxeración falóuseme de dezaseis ou dezaoito, todos homes.

Naquela época o de ter moitos fillos debía de ser frecuente en toda Europa.

Permítanme que lles conte unha anécdota, que lin non sei onde, da Inglaterra Victoriana. Unha nai explicáballe á súa filla como tiña que facer a noite de vodas e dicíalle, "ti abrete de pernas e pensa na gloria do imperio británico”.

Seguindo co asunto, ao parecer, un día, ao anoitecer, chegou un pobre a, pedir...

Naturalmente os pobres vagabundeaban a pé, pedindo comida e un lugar, case sempre "o palleiro", onde pasar a noite...

A única muller da casa, sen ningunha dúbida a nai de tan prolixa descendencia, estaba a facer a cea, co que lle dixo ao pobre que se sentase nun "escano" que había na porta, que ían chegar os homes e que en canto chegasen, ceaban todos xuntos.

Loxicamente esquecéuselle dicir que eran o seu marido e os seus fillos, ou talvez se llo dixo non debeu crelo, porque o bo do pobre fuxiu despavorido, ao ver chegar a tanta xente.

E foise a refuxiar á primeira casa que atopou despois do río, posiblemente a de "Purin", que é unha casa moi antiga, e que se sitúa no actual barrio de Campoxurado.

O que chegou contando o aterrorizado pobre é que aquela debía de ser unha cova de ladróns, xa que "...eran demasiado galos, pra unha soa galiña..."

Nin que dicir ten que a historia serviu de risa, nas longas noites de inverno, nos sitios onde se reunían "galos" e demais veciños para xogar á baralla e contar contos.

A ter en conta que os cronistas da época non nos mencionaron a existencia de fútbol nin TV por aquel entón. Naturalmente tanto "galo" deu para moito, e houbo moita xente en Ribadeo que levou o apelido "Reinante", e que en rigor serían tanto "dos galos" coma min.

Os apelidos tenden a perderse, pola razón de que en casa adoitaban quedarse as mulleres xa que os homes eran os que ían buscar fortuna a América. Case sempre neste caso á Habana. Pero esas historias contareinas outro día, se me queda algo de humor.

“Manolín dos galos” (Manuel Rodríguez López)

-Publicado por primeira vez en La Comarca del Eo de 4/6/2005


Ningún comentario: