20230106

Ribadenses destacados: BENITO PRIETO COUSSENT. Celia Castro

    Unha nova biografía de 'Ribadenses destacados', Benito Prieto Coussent por Celia Castro.

BENITO PRIETO COUSSENT

(Ribadeo 1907- Granada 2001)

Benito Prieto ante El Encadenado. Fotografía Sociedad Cultural Benito Prieto.

    Debuxante e pintor realista, que, partindo dunha formación clásica, chega a facer unha obra fortemente expresiva, cunha mixtura de dramatismo, xenio e análise psicolóxica, plasmada nunha técnica depurada e impecable.

    Benito Prieto Coussent foi o segundo fillo do fotógrafo de La Bañeza Benito Prieto Ferrero (establecido en Ribadeo cara a 1880) e da súa dona Nieves Cosén Centeno, tamén leonesa. Foi inscrito no Xulgado de Ribadeo cos apelidos dos seus pais, Prieto, e, Cosén, ainda que máis tarde este último evolucionaría a Coussent.

    O seu pai, Benito Prieto Ferrero, excelente fotógrafo, con estudo en Ribadeo e sucursais en Navia, Luarca e La Vega, ensinoulle a amar a fotografía, a observar o mundo que lle rodeaba, e a obter unha visión estética que lle serviría nun futuro.

    Dende moi novo amosou aptitudes para o debuxo e a pintura. Amigo do xornalista e escritor ribadense Dionisio Gamallo Fierros, utilizaba ás veces a paleta e os pincéis do avó diste, o pintor Dionisio Fierros, que lle deixaba a súa viúva, Antonia Carrera. En Ribadeo foi alumno do colexio dos Agustinos -a Fundación de Clemente Martínez Pasarón- gañando en 1918 un premio de debuxo.

    Xa nas súas primeiras obras atopamos unha forte inclinación ao realismo e á captación psicolóxica nos retratos, quizáis influencia da fotografía, arte que practicou durante toda a súa vida e que serveu de base para moitos dos seus cadros. Tomaba a miúdo como modelos a tipos populares de Ribadeo, tendencia moi común nos últimos anos do S. XIX e principios do XX. A un deles, Pedro Celestino Alonso, apodado O Altruán, (tamén fotografado polo seu pai) retrataráo en numerosas ocasións, sendo o protagonista entre outros lenzos, de Vello Ferreiro.

    Aos 15 anos gañou unha bolsa de estudos das que concedía a Deputación de Lugo para estudar en Madrid na Academia de Bellas Artes de San Fernando. Para facerse acreedor dela debeu presentar varias obras, unha das cales probablemente fose o Vello Ferreiro, antes citado. Ao non ter a idade reglamentaria, en Madrid tivo que ser tutelado polo gravador lucense Manuel Castro Gil, gran protector e valedor para os artistas lucenses que ían á capital de España.

Vello Ferreiro. Benito Prieto Coussent. Óleo sobre lenzo. Ca 1922. Paradoiro descoñecido. Fotografía de Benito Prieto Ferrero. Sociedad Cultural Benito Prieto.

    Na Academia de San Fernando tería, entre outros, mestres como Cecilio Plá, Moreno Carbonero, Julio Romero de Torres, ou Eduardo Chicharro, sendo condiscípulo de Salvador Dalí. Os alumnos copiaban aos grandes artistas expostos no Museo do Prado e debuxaban do natural, faceta na que Benito sempre destacou. Alí concedéronlle varios premios, entre eles o primeiro premio anual, que en moitas ocasións quedaba deserto. A Deputación de Lugo posúe varios cadros desta época, pois ao rematar cada curso debía enviar unha obra para xustificar a concesión da bolsa de estudos.

    Nas súas estancias vacacionais en Ribadeo adicábase a pintar, ás veces pola súa conta, e outras por encargo: paisaxes, o retrato do filántropo Ramón González, o do sobriño deste, José Ramón, e outros.

    En 1928 obtivo o título de profesor de Debuxo, e, de novo en Ribadeo, recibeu un importante encargo: pintar un Monumento de Semana Santa, para a igrexa de Galdo, en Viveiro. A obra componse de 12 grandes lenzos con escenas do Antigo e Novo Testamento. Aínda que resulta algo ecléctico, polas composicións inspiradas nos clásicos -Juan de Juanes, el Veronés, e outros pintores manieristas-, o conxunto ten unha gran forza expresiva, polos acusados escorzos e as intensas expresións que nos falan dun artista de gran formación clásica. Como era usual nel, tamén se inspirou na realidade, tomando como modelos a varios mozos da localidade. A obra remataríase a finais de febreiro ou principios de marzo de 1929.

    Ao mesmo tempo que realizaba este Monumento, seguía pintando cadros de diferente temática, consérvanse varios realizados en Ribadeo: Vello con neno, (no que volve a retratar a O Altruán) datado en 1928, A Última Cea de Xesús (na que toma como modelos a varios personaxes ribadenses: Basilio, Adolfo, O Altruán…) e A morte de San Xosé (na que a fisonomía dos personaxes está tomada de amigos e familiares), Estas dúas últimas obras dataríanse cara a 1929-1930.

    Aos vintecinco anos gañou unha praza de profesor de debuxo na ensinanza pública, optando polo Instituto de Tui, de nova creación, onde daría clase de Debuxo e Modelado ata 1936. Alí, e dunha maneira entusiasta, ensinaba aos alumnos a inspirarse na natureza e no entorno que lles rodeaba, fuxindo das ríxidas normas academicistas. Tamén daba clase de escultura aos obreiros, de forma desinteresada. Froito destas leccións foron os bustos de Sócrates e Valle-Inclán, esculpidos en granito e inaugurados en 1936. Fundou tamén a revista cultural Tude, en colaboración cos seus alumnos, permitindo así que puideran canalizar as súas inquedanzas. Por todo isto era moi querido e respectado na zona, causando un gran impacto a súa detención en Ribadeo, polas tropas franquistas, no verán de 1936, recén estalada a guerra. Acusábaselle de ter ideas subversivas e de ter amizade con anarquistas, polo que foi trasladado ao presidio de Tui, no que permaneceu un tempo durante o cal fixo a lapis retratos dos seus compañeiros -gran parte deles executados- que máis tarde daría as súas familias.

Retrato do anarquista Jerónimo Rodríguez. Benito Prieto Coussent. Lápis sobre papel. 1937. Colección particular. Fotografía Sociedad Cultural Benito Prieto.

    Saíu da cadea un tempo despois, reclamado por un familiar coa escusa que debía concluír un retrato que estaba pintando, de D. José Calvo Sotelo, político asasinado polos comunistas. Neste punto a biografía de Benito Prieto, ata 1939, é un tanto confusa. Chamado a filas e incorporado ao Batallón 530, para loitar na fronte, pronto foi apartado del para ser recluído no mosteiro de Guadalupe, en Cáceres, onde, segundo os historiadores, permanecería meditando e pintando ata acabar a guerra.

    Durante esta estancia no mosteiro, deixou varias obras de moi diversa índole, retratos e escenas relixiosas, como O Asedio ao mosteiro de Guadalupe, episodio considerado o último milagre da Virxe, que se conserva no claustro mudéxar.

    Con todo, hai datos que inducen á confusión. Neste período expuxo tamén en Galicia. O 12 de agosto de 1938 inaugúrase en Lugo, no Círculo das Artes, unha mostra monográfica onde o artista exhibiu debuxos e proxectos para edificios, a pluma e a lapis, por encargo da oficina do Auxilio Social de Valladolid, á vez que estampas de tipos populares e estudos de nenos.

    Ao rematar e guerra estaba en Ribadeo, sendo proba o retrato a lapis que lle fixo ao seu amigo o literato e investigador Dionisio Gamallo Fierros.

    Segundo algúns autores, en Lugo coñeceu tamén a Antonia Rejón Delgado, natural de El Padul (Granada), destinada alí como mestra, coa que iniciaría un noivado, casando o 28 de novembro de 1939 no mosteiro de Samos nunha cerimonia íntima á que asistirían uns poucos familiares, e na que actuaron como testemuñas dous dos monxes de dito mosteiro. Ao regreso da viaxe de noivos voltou a Lugo, onde expuxo diversos cadros, entre eles un retrato do Xeral Tella.

    En 1940 trasladouse coa súa dona a El Padul, onde ela e a súa familia tiñan unha importante facenda. Antonia, tamén boticaria, habilitoulle a Benito un antigo celeiro para pintar, e foi o seu gran apoio durante os 17 anos que durou o seu matrimonio. En 1948, cando Benito remato o seu famoso Cristo en la cruz, froito dun coidadoso estudo anatómico e dunha rigorosa documentación durante varios anos, foi Antonia a que o enviou a Madrid á Exposición Nacional, posto que Benito, desanimado polas reaccións desencadeadas nalgúns sectores relixiosos, desistira.

    Esta obra, profundamente expresionista e innovadora, e a dicir dalgúns críticos seguidora da escola renacentista alemá, especialmente de Grünewald, suscitou unha forte polémica pola dureza do tratamento. Para a súa realización estudou a fondo durante varios anos os estragos que a crucifixión facía no corpo humano, apoiado por investigacións médicas, os seus profundos coñecementos de anatomía, e probas feitas cos modelos no seu propio estudo. Todo isto tiña conmocionado ao crego do Padul, que o denunciou ao bispo, afortunadamente sen consecuencias.

    A obra recibíu na Exposición Nacional de Bellas Artes, en Madrid, unha terceira medalla, á que o pintor renunciou, para non desprenderse da obra.

Cristo en la cruz. Óleo sobre lenzo. 400x325cm.1948. Fotografía de Luis Prieto Coussent. Sociedad Cultural Benito Prieto.

   
A representación de Cristo, cos membros desgarrados, as extremidades retorcidas e o corpo encorvado polo seu peso, transmite ao espectador unha dor profundamente humana, lonxe dos estereotipos e as representacións clásicas. Máis tarde foi exposto en Barcelona, e probablemente vendido a un navieiro catalán. En abril do 2021 saíu a subasta no mercado da arte.

    Salvador Dalí, compañeiro seu de estudos, dixo deste cadro: “Es un cheque en blanco. El torso recuerda a Veláquez, y los paños pudo pintarlos Zurbarán”.

    Propúxolle tamén asociarse: “Hagamos esto, Benito, tu pintas una serie de Cristos como este, y yo hago los fondos, sacaremos mucho dinero”.

    Benito consultou con un antigo profesor da Escola de Belas Artes, que lle aconsellou non facelo: “Si te asocias con Dalí te quedarás sin cuadros y sin dinero”.

    A negativa de Prieto provocou o enfado de Dalí. A el, pola súa parte, sempre lle pesou non aceptar esa colaboración.

    A este Cristo seguirían tres versións máis ca mesma iconografía, e composicións máis complexas: unha en 1951, (que sería exposta na I Bienal Hispanoamericana de Madrid, provocando unha enorme polémica), outra, El Cristo de la Paz, en 1952, e a última en 1963-64, El Cristo Kennedy, adicado ao presidente asasinado. Este estivo exposto durante moito tempo na Biblioteca da Universidade de Harvard, pasando en 2015 á igrexa granadina de Santa María de la Alhambra.

    A partir de aquí a obra de Prieto sería moi valorada, recibindo encargos importantes.

    En 1955 viaxou a Turquía, onde permanecería ata 1956. Alí realizou o retrato de Mustafá Kemal Atatürk, creador da patria turca. Fixo tamén varias paisaxes, entre elas a espléndida Ruinas de Éfeso, propiedade da Banca Francesa de Madrid.

    En marzo de 1956 atopábase en Estoril, pintando o retrato do infante Alfonso de Borbón e Borbón, cando sucedeu o desgraciado accidente que lle provocou a morte. Ao acontecer esta, tivo que rematar o cadro por fotografía.

    O 2 de maio de 1957 morreu dun infarto Antonia Rejón, entrando o artista nunha etapa de inestabilidade. Durante un tempo viaxou a Ribadeo e outros lugares. En 1958 casou coa doutora en Farmacia Amparo Serrano, trasladándose toda a familia a vivir a Granada, e comezando unha nova etapa creativa.

    Deste momento son os retratos de El Cordobés, Vallejo Nájera, o doutor Christian Barnard, Antonio Bienvenida, etc, así como unha serie de retratos familiares e de bodegóns dunha gran sinxeleza compositiva e unha cuidada realización.

    A razón de que non se atope demasiada obra súa, a pesar de que pintaba continuamente, e que rompía todo aquelo que non lle satisfacía, deixando poucos cadros concluídos.

    Tampouco participou en moitas exposicións, individuais ou colectivas. Unha das poucas nas que tomou parte, é en 1960, na Primeira Mostra Antolóxica da Pintura Galega, celebrada no Círculo das Artes da cidade de Lugo.

    Co tempo a súa arte vaise facendo máis introspectiva e esencial, como pode verse nos seus retratos e composicións de gran tamaño, ao mesmo tempo que experimenta con diversos soportes e materiais, o que dá como resultado unha serie de obras de gran calidade.

    En 1983 foi nomeado membro numerario da Academia de Bellas Artes de Granada, ocupando o sillón do falecido pintor Gabriel Morcillo, polo que Prieto profesaba grande admiración. Neste acto fixo doazón a dita Academia de oito grandes debuxos e estudos preparatorios para o primeiro dos seus Cristos. Dooulle tamén a dita entidade o cadro El Padre Damián, apóstolo dos leprosos. Nesta obra, de impresionante realismo, experimentou cun soporte de táboa, con arpilleira, e técnica mixta de temple e óleo, amosando unha vez máis a súa ampla formación artística e humanística.

El Padre Damián. Técnica mixta sobre táboa e arpilleira. 1970. Academia de Bellas Artes de Granada. Fotografía Sociedad Cultural Benito Prieto.

    Para facer este cadro fixo varios estudos sobre a lepra e as consecuencias que esta enfermidade ten no corpo humano, deformando e mutilando os membros. Tamén inspirouse en fotografías recentes do Padre Damián, polo que o parecido é moi grande.

    Representa ao protagonista mutilado, pero coa dignidade dun rei. O espazo está moi conseguido, creando ao espectador a ilusión de estar dentro do cadro. Este realismo esténdese a todos os obxectos que figuran nel, tratados cun detallismo que nos recorda aos grandes mestres do século XVII.

    Estas frases pronunciadas por él no seu discurso de entrada na Academia, reflicten moi ben o ideario dos seus últimos anos: “Pintar es la cosa más difícil del mundo. Pintar es como morir un poco. Toda mi vida, desde mi niñez, está determinada por la pintura y puedo deciros hoy que el esfuerzo ha merecido la pena porque cada día inauguro un nuevo reto ante el lienzo en el que, de alguna manera, mi corazón se derrama”. E estas outras: ”El arte, o sirve a la belleza y a las cosas del espíritu o es pasatiempo de indotados”.

    Ata o seu falecemento seguiu pintando, e dicía que entón era cando estaba aprendendo a pintar. Con todo, seguía a romper todo aquelo que non lle satisfacía, e nos últimos tempos negábase a firmar as súas obras, por parecerlle presunción e egolatría.

    Algúns dos seus últimos cadros teñen formatos de gran tamaño e forte contido filosófico, como, ¿Quién me librará de este cuerpo de muerte? (tamén coñecido como Paz y Guerra), que amosa unha visión apocalíptica do mundo, pero á vez esperanzadora, e atópase actualmente na igrexa da Encarnación de la Alhambra. Ou, El peregrino de la paz, de 4 x 8 m -froito de máis de vinte anos de intenso traballo- destinado a conmemorar a mensaxe de paz de Juan Pablo II, que agasallou ao Vaticano.

    Un dos seus últimos encargos, inacabado, foi o retrato de Manuel Fraga, entregado a este pola súa familia a título póstumo. Este cadro é boa mostra do virtuosismo técnico e da magnífica madurez mental acadada polo artista.

    Falecée en Granada o 4 de febreiro do 2001 aos 93 anos.

 

    Bibliografía

Castro Fernández, C. “Benito Prieto Coussent. La mirada vital”(2011), Revista Artesonado. Xunta de Galicia. Lugo.Pp 20-23.

Artesonado. Xunta de Galicia. Lugo.Pp 20-23.

De Pablos, F. A pintura en Galicia. Do XVII ás últimas tendencias. (2003). Eds Nigra Trea. Vigo.Pp 118-121.

Ruiz Rodríguez, L. “Benito Prieto Coussent. Artistas Gallegos. Pintores (Figuracións). (2004).Nova Galicia Edicións. A Coruña. Pp 92-129.

CELIA CASTRO.

Ningún comentario: