20230106

Ribadenses destacados: Daniel Cortezón Álvarez. Santiago Sanjurjo Díaz

    Unha nova biografía de 'Ribadenses destacados', Daniel Cortezón por Santiago Sanjurjo.

DANIEL CORTEZÓN ÁLVAREZ

(Ribadeo, 1927 – Lugo, 2009)

Ensaísta, novelista, dramaturgo e senlleiro expoñente do teatro histórico galego

Daniel Cortezón (Foto de Matilde González)

    Daniel Cortezón nace en Ribadeo o 6 de febreiro de 1927, fillo de Amalia e Daniel. Por mor dos sucesivos traslados do pai, membro do Corpo de Carabineiros, pasa a súa nenez en diferentes vilas de Andalucía e Asturias. Atópanse nesta última rexión cando estoupa a Guerra Civil. O seu pai, que permanece fiel á República, combate en diversas frontes, ata que, ferido, cae prisioneiro en Castellón. Despois de ser xulgado nun Consello de Guerra e recibir unha condena a morte, posteriormente conmutada por unha pena de cadea perpetua, o pai bota cinco anos preso no cárcere de Xixón. Namentres, Cortezón e a súa nai retornan a Ribadeo, onde, a finais de 1939, o futuro escritor comeza a traballar nunha carpintaría, ata que, ao ano seguinte, entra como aprendiz na Farmacia Sarmiento, da que será empregado durante case cinco lustros.

    Cómpre sinalar que as vivencias e as lembranzas da guerra, na que faleceu en combate o seu tío Ramón Crespo Rodas (a quen inmortalizará e renderá unha emotiva homenaxe na obra Os irmandiños), sumadas ás conviccións esquerdistas do pai e á propia condición de proletario de Cortezón, contribúen sen dúbida a sentar as bases do seu futuro compromiso intelectual, artístico e político de clara filiación marxista. Esta postura consolídase sobre unha vasta e sólida formación de carácter autodidacta, cuxos comezos poden datarse nese mesmo ano de 1940, cando enceta a lectura case íntegra dos fondos da Biblioteca Municipal de Ribadeo, que el mesmo califica como a súa verdadeira universidade. Pouco despois escribe os seus primeiros textos, ensaios de carácter filosófico, político e estético, algúns dos cales publica en revistas como Rumbo, Estudios e Auxiliares de farmacia, da que co tempo chegará a ser redactor xefe. A súa traxectoria literaria iníciase en 1951 coa novela, escrita durante un periodo de enfermidade, As covas do Rei Cintolo (Galaxia, 1956) e ao pouco comeza a recibir os primeiros dos seus abondosos premios: o Manuel Cao Turnes do Centro Gallego de Bos Aires, pola aínda inédita novela Ribanzo, e o Otero Pedrayo do Lar Gallego de Caracas, co ensaio Os esprito da Galiza, ambos en 1956, así como o Premio da Casa de Galicia en Nova York, por De la saudade y sus formas, en 1959, por citar só algúns.

    Xa nesta etapa inicial resulta posible definir certas características que serán constantes na traxectoria posterior de Cortezón: primeiramente, ten lugar o descubrimento do galego e o seu emprego como lingua literaria, en alternancia co castelán, o que fai del un autor bilingüe pertencente a dous sistemas literarios diferentes. En segundo lugar, a historia, a cultura e a identidade galegas pasan a ocupar un lugar preferente no seu proxecto intelectual e artístico, ben como tema literario, ben como obxecto de reflexión, tal e como testemuñan os importantes ensaios O esprito da Galiza (1955), Pantocrítica galiciana (1956), Aspeitos sociolóxicos do ser de Europa, Consideracións encol do senso e posibilidade da crítica e Ouservacións para unha crítica en col do avidalismo na poesía galega actual, estes tres últimos galardoados co premio Padre Feijoo do Centro Gallego de Bos Aires en 1963. Por último, o xénero dramático, no que se inicia con títulos como Nicolás Flamel, O renarte Ciprián (ambas de 1960) e, singularmente, Prisciliano (pola que recibiu o Premio Villar Ponte de Teatro en 1962 e que sería publicada en 1970 por Galaxia) convértese no seu principal medio de expresión e na cerna da súa produción.

    En 1960 casa con Mercedes del Monte, Merchi, e dous anos máis tarde trasládase a León en calidade de apoderado de Empresas Barreiros, S.A. En 1965 instálase en Madrid, onde dirixirá Financiación y Crédito, S.A., e a partir de 1970 e ata a súa xubilación en 1987, traballará na sucursal de Refrey. Na capital madrileña entrará en contacto con importantes persoeiros das culturas española e galega (ao longo da súa vida cultivará unha fonda amizade con Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, Borobó, Dionisio Gamallo, Ramón de Valenzuela, Isaac Alonso Estraviz, Luz Pozo Garza, Xosé Luís Franco Grande, Carlos Díaz, Suso Peña, Delfín Mariño, Carlos Álvarez Lebredo, Toni Deaño, Chemi Lombardero, Manuel F. López, Manuel Valín e Roberto Rodríguez, entre moitos outros).

Daniel Cortezón e Dionisio Gamallo Fierros (Foto de Matilde González)

    As décadas dos 60 e 70 son verdadeiramente prolíficas e están cheas de éxitos: as obras en castelán El Rey de Harlem e Semáforo inauguran o III e IV Premio Sitges de Teatro en, respectivamente, 1969 e 1970. En 1972 a versión castelá de Os irmandiños queda finalista no Premio Ciudad de Alcoi (o orixinal galego obterá o premio Santiago Rusiñol no X Festival de Sigtes de 1977). Esta localidade alicantina será particularmente xenerosa co ribadense, pois tan só un ano máis tarde voltará a quedar finalista con El mástil (gañadora do Premio Aguilar de Teatro en 1977) e en 1974 resultará gañador coa obra sobre Salvador Allende e o golpe de Estado en Chile Compañero Presidente, compañero, cuxo estreo será prohibido pola censura. En 1974, Xelmírez ou a gloria de Compostela, coa que acada o Premio Ciudad de Barcelona de Teatro, estréase en castelán no Teatre Grec de Montjuic e a Editorial Nós de Bos Aires publica o orixinal galego. Ao ano seguinte Cortezón resulta finalista do prestixioso Premio Lope de Vega con Crónica del rey don Pedro, que verá a luz anos máis tarde, en 1998, nunha colección teatral da Universidade de Murcia. Nos anos seguintes saen do prelo importantes títulos dramáticos como A diáspora (1976), Crónica de Enrique IV (1977), Os irmandiños (1978), Pedro Madruga (1981) e Danza, contradanza y metamorfosis de moros y cristianos (1982), Soñando a Goethe en primavera (1986) e as sucesivas entregas da súa monumental tetraloxía Castelao ou a paixón de Galiza: O animador de ilusións (1986), As árbores e os xuncos (1988), Intermezzo bufo (1996), coa que un ano máis tarde queda finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática, e O pudor e a angustia (1997). No eido da narrativa cómpre destacar a publicación de A vila sulagada (1981), gañadora do prestixioso Premio de novela Eduardo Blanco Amor na súa primeira edición.

Carlos Álvarez Lebredo, Daniel Cortezón e Suso Peña (Foto de Matilde González)

    Despois da súa xubilación, Cortezón retorna a Galicia e aséntase no seu Ribadeo natal, onde prosegue coa súa intensa labor literaria e intelectual. No prazo duns poucos anos sofre importantes perdas persoais coa falecemento da súa nai e da súa dona, Merchi, que o somen nunha depresión. Así e todo, non deixa de participar na vida cultural: escribe, pronuncia conferencias, traduce obras de autores como os seus amigos Jerónimo López Mozo e Lauro Olmo, recibe premios e homenaxes, e ve como se poñen en escea algúns dos seus textos dramáticos. Neste último eido destacan as representacións de Os irmandiños e de Pedro Madruga a cargo do colectivo «O Castelo» e baixo a dirección de Roberto Casteleiro, durante o Festival Irmandiño de Moeche (nas súas edicións, respectivamente, de 1996 e 1997), así como a estrea, en 1999, da montaxe de Xelmírez ou a gloria de Compostela que realizou o Centro Dramático Galego, dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Só un ano máis tarde prodúcese o pasamento do seu íntimo amigo, o intelectual ribadense Dionisio Gamallo, cuxa monumental biografía Dionisio Gamallo Fierros. Varón de Porcillán. La sinfonía incompleta (2005) pode ser considerada a derradeira gran obra de Cortezón.

    En abril de 2002 casa con Matilde González, Mati, con quen compartirá a tutela de Beatriz Mohedano, e uns meses máis tarde recibe unha homenaxe na súa vila natal, que culmina coa dedicatoria dunha rúa ribadense. Tras uns últimos anos nos que, entre Vigo e Ribadeo, prosegue escribindo, falece en Lugo o 4 de outubro de 2009.

Fila superior: Olivia Tudela, Gonzalo Vázquez Pozo, familiar de Josefina Martínez, Verónica Lorenzo, Josefina Martínez, José Carlos Rodríguez Andina, Saulo Cuesta, Veva Sordo, Rosa Fernández, Toni Deaño, Manuel Valín, José Luis Echevarría.
Fila inferior: Tomás Sanjurjo, Matilde González, Daniel Cortezón, Marita Gamallo, José Luis Pensado, Elena Diego, Luz Pozo, Emilio Lorenzo, Rafael Alvarado, Rosa Cobo, Enriqueta Ruiz, Chus Maseda e Roberto Rodríguez.
Diante de Luz Pozo: Fidel (fillo de Olivia Tudela) e Santiago Sanjurjo.
Centenario de Dámaso Alonso. Ribadeo, xullo de 1998.

(Foto de Jaime F. Pola)

    A inxente obra de Cortezón permanece en gran medida aínda inédita e, por desgraza, a meirande parte dos seus libros están esgotados e só se poden atopar en bibliotecas ou librarías de segunda man. A súa dilatada produción abrangue practicamente tódolos xéneros literarios, entre os que destacan o ensaio, a novela e, de xeito sobranceiro, o teatro. Así, atopamos desde pezas teatrais para nenos (Alí Ben Mangato e mailo seu cabalo branco chamado Beliador, de 1995) ata ponencias sobre temas diversos como La moral de los estoicos (1946) ou Sobor das condicións do asalto á razón (1990), pasando por guións para televisión sobre Prisciliano, como o escrito para a TVG con Mariano Tudela en 1985.

    Porén, dentro desta heteroxeneidade resulta posible identificar un fío en común que dá sentido ao proxecto literario e intelectual de Cortezón. Dous son os piares sobre os que se asenta: por unha banda, unha perspectiva política de carácter marxista (relativamente heterodoxo) e, por outra, un nacionalismo galego sui generis. É precisamente na produtiva e, en ocasións, conflitiva dialética entre ambas fasquías onde xorde a xenuína e orixinal aportación do dramaturgo ribadense. Nun primeiro momento, as obras ensaísticas —xa mencionadas— que escribe ao longo dos anos 50 e 60 sentan as bases dunha severa e argumentada crítica do que el considera as causas do fracaso do «proxecto histórico do ser de Galicia como nacionalidade» e que constitúen un demoledor cuestionamento do que, seguindo a Helena Miguélez-Carballeira, podería considerarse unha identidade sentimental de Galicia. A continuación, partindo desas premisas teóricas Cortezón decide traballar na creación dun teatro histórico (e político, sería preciso engadir) do que, segundo el, carece o sistema literario galego. A súa misión sería a de «afondar na memoria histórica do pobo galego, sobre todo na súa vertente de rebelión dos oprimidos e dominación dos opresores», para o que crea unha serie de obras protagonizadas por axentes individuais e colectivos «cruciais na eclosión e ulterior frustración da galeguidade». Así, as pezas adicadas ás loitas irmandiñas, Xelmírez, Pedro Madruga ou Castelao buscan atopar e expoñer as razóns do fracaso histórico de Galicia que, para Cortezón, en moitas ocasións levan os nomes e apelidos daqueles que, como sinala Iolanda Ogando, «tendo nas súas mans os instrumentos» para mudar a historia, «non souberon asumir as súas responsabilidades». Finalmente, a orixinalidade da proposta de Cortezón, atravesada de pola mencionada relación dialéctica entre marxismo e nacionalismo, reside en que «trascende a mitificación do pobo e a desmitificación dos estamentos poderosos» para remover conciencias e facer do teatro unha ferramenta de crítica revolucionaria e de construción nacional.

Bibliografía

Abuín, A., «A traxectoria teatral de Daniel Cortezón: cara unha poética do drama histórico galego», en: Cortezón, D., Xelmírez ou a gloria de Compostela. Santiago de Compostela (1998), pp. 77-120.

Cortezón, D., «Los años de la destrucción», en: Pörtl, K. (ed.), Reflexiones sobre el Nuevo Teatro Español. Tübingen (1986), pp. 74-82.

González Gómez, M., «Cronología», en: González Gómez M. y M. Valín Valdés (coords.), Daniel Cortezón. Viveiro (2011), pp. 19-31.

Ogando, I., Teatro histórico: construción dramática e construción teatral. A Coruña (2004).

Pascual, R., «Daniel Cortezón. Lembranzas dunha vida autodidacta», en Madrygal, 11 (2008), pp. 199-205.

SANTIAGO SANJURJO DÍAZ

--

Sobre D. Cortezón no blog

Ningún comentario: