20230123

Ribadenses destacados: ENRIQUE SUÁREZ COUTO. Lourenzo Fernández Prieto

    Unha nova biografía de Ribadenses Destacados: Enrique Suárez Couto, por Lourenzo Fernández Prieto.

Enrique Suárez Couto (Matanzas, Cuba,1881-Ribadeo, 1923)  
Agrónomo e director da Granxa-Escola Pedro Murias


Lourenzo Fernández Prieto

Catedrático de Historia Contemporánea. Histagra. USC.

    Enrique Suárez Couto na súa corta pero intensa vida foi, entre outras cousas, o primeiro director da Granxa Escola Pedro Murias. Era fillo de Juan Suárez Casas, médico e zootecnista preocupado pola mellora agropecuaria e irmán de Carlos e Amando Suárez Couto. Casou con Panchita Acevedo, filla dun rico e influinte habanero devesán e foi pai de Juan Suárez Acevedo, historiador e docente formado na Institución Libre de Enseñanza. Despois de mariño mercante, Enrique fíxose enxeñeiro agrónomo, daquela unha nova profesión para a que seguiu estudos en Bélxica, Alemania e máis no Instituto Agrícola catalán de S. Isidro. Como todos os técnicos agrarios galegos da época que non foron estritamente autodidactos houbo de procurar a súa formación no estranxeiro, en ausencia de estudos de agronomía en Galicia e, en xeral na España húmida e atlántica, agás o País Vasco.

Monólito para dar o nome dos Suárez Couto a unha vía en Ribadeo.

    Sabemos, por referencias indirectas de prensa do seu labor ao cargo dunha explotación modelo que funcionaba como granxa experimental da Sociedade de Agricultores en Meira en 1910. En 1918, asume o posto de director da Granxa modelo experimental recén construída na parroquia de Vilaframil, perto do Alto dos pinos, concebida e fundada por Pedro Murias, importante empresario e propietario cubano, nado en San Xillao dos Carballos -a carón do empalme de Rinlo-, como granxa modelo para a antiga parroquia da Devesa, antes da súa partición en tres en 1904.
    Persoa de ideoloxía liberal e posicións laicistas que o levaron a unha estreita relación coa Institución Libre de Enseñanza, estivo na dirección da Granxa até 1923, ano en que finou. A súa elección como responsable da institución eran congruente coa súa formación e experiencia, co sentido da Granxa e máis coa súa posición e a da súa familia na bisbarra. Na institución coincidiu brevemente con Gregorio Sanz, formado no Instituto Escola e contratado en 1922 para dar pulo a compoñente educativa e formativa do centro. O seu prematuro falecemento, con só corenta e dous anos, deu paso a un período de interinidade na dirección da Granxa que pasou a ser dirixida por Ramón Blanco, quen axiña pasaría a ser enxeñeiro da Sección Agronómica de Lugo e en 1945 Catedrático de Botánica da Escola de enxeñeiros de Madrid.

    Os traballos na Granxa Agrícola Pedro Murias

    Suárez Couto foi un activo e precoz experimentador agropecuario en sintonía cos degoiros modernistas da época. Dende que o padroado da Granxa Agrícola Pedro Murias encomendoulle a dirección do novo centro, Enrique ocupouse tanto da Escola de Capacitación asociada ao mesmo como da converter a Granxa nun centro de innovación técnica coherente co carácter asignado polo fundador.

A Granxa Escola Pedro Murias nos primeiros anos. Foto tomada da exposición conmemorativa.

    Coma Gallástegui, Hernández Robredo ou Rof Codina, tamén Suárez Couto entendía que os técnicos debían acometer un labor que interaccionara coas prácticas labregas nun sentido innovador e así o materializa na Granxa, tanto na mellora dos sistemas de cultivo como nos procedementos de cría gandeira, co fin de orientar a produción pecuaria cara ao que el prevía era o futuro da gandeiría galega: a produción leiteira. Entendía que alén do engorde dos xatos para carne, que era a opción consolidada e remuneradora naquela altura, a orientación leiteira era a mellor opción de futuro para abastecer unha nova e crecente demanda urbana, nun tempo en que o consumo de leite abríase camiño por recomendación médica.

    Nese camiño, programa a instalación dunha industria de manteiga fermentada e outra de queixos, ao tempo que fomentaba o asociacionismo agrario que estaba a estenderse na bisbarra como en toda Galicia dende dúas décadas antes. Na procura deste cambio leiteiro elaborou un proxecto que tiña como obxectivo a mellora do gando vacún na súa aptitude leiteira, un gando que na súa opinión amosaba unha total “ausencia de caracteres específicos de la raza motivado por los continuos mestizajes mal dirigidos”, segundo o anteproxecto de mellora do centro de 1916. Nos debates sobre cruzamento fronte a selección para a rexeneración da raza galega de vacún, por considerar que non existía gando de raza pura, Enrique Suárez Couto era partidario do cruzamento “continuo”, a partires da importación de sementais, para cruzalos primeiro coas femias da raza local e posteriormente cos mestizos. Desbota porén a opción dunha importación masiva de femias de raza mellorada tanto polo alto custe como por que obrigaría a un intenso desenvolvemento de cultivos pecuarios que o agro non estaba en condicións de asumir de súpeto.

Grupo de alumnos da Granxa Escola. Foto collida en http://culturagalega.gal/albumdaciencia/detalle.php?id=385.
    O director da Granxa tomou pois partido no debate que desde finais do século XIX se viña mantendo en relación coa elección do procedemento máis pertinente para a mellora do gando vacún galego, como consecuencia da crise de exportación do gando a Inglaterra no marco da crise agraria finisecular. Na posición do agrónomo ribadense fica meridiana a vontade de crear unha raza de vacas do país que recollese ás xa existentes. Estamos no tempo de definición do que logo se coñecería como raza rubia galega.

    A preocupación que Suárez Couto tiña polos cultivos era subsidiaria do proxecto para a gandería, partillando a mesma lóxica que guiaba o manexo agrario das casas labregas dende o proceso de intensificación do século XVIII, ligado á incorporación das plantas americanas. Un policultivo agrario de complexas rotacións interanuais que garantían unha agricultura intensiva capaz de alimentar unha poboación en aumento e unha numerosa cabana de orientación comercial constituída principalmente por bovino e porcino. Mandaban os límites ambientais, as condicións produtivas vinculadas ao mercado e a lóxicas reprodutivas da casa labrega. En coherencia cos marcos socioambientais da produción, o interese de Suárez Couto centrábase na mellora da cabana gandeira a través da súa alimentación e nesa liña experimentou con forraxes na procura do desenvolvemento das súas capacidades para manter un maior número de cabezas. O outro seu interese, en coherencia coas necesidades de fertilización nas que se baseaba o complexo policultivo e gandeiro, era obter a prezos máis baixos os adubos, especialmente fosfatados que empezaban a usarse como complemento do esterco naquela altura. Asunto no que enlazaba ben coas sociedades agrarias locais.
    No seu labor experimental, Suárez Couto estableceu un réxime de cultivos que dividía a finca da Granxa en dúas partes, unha para prados e outra para produtos de consumo. Neste período do século XX no agro galego produciuse un descenso do cultivo de cereais panificables en beneficio dos cultivos forraxeiros, en especial do millo-forraxeiro, especie coa que se ensaia na Granxa Pedro Murias, igual que na Misión Biolóxica ou na Granxa Experimental da Coruña. Os ensaios estaban orientados a aclimatar as diferentes variedades ás condicións locais, a atopar as máis axeitadas e a sistematizar o método de labranza máis conveniente, combinando amais o uso de diferentes tipos de adubos. Na súa preocupación polas forraxes, unha das teimas de Suárez Couto como director da Granxa foi a extensión da remolacha forraxeira e de novas castes de pataca. En 1922 a Granxa empezou coa experimentación do cultivo da remolacha forraxeira, ensaiando con tres variedades: Etoile du Nord, Rouge du Soissonnais e Imperator. Tamén experimentou con cultivos pratenses, dedicando unha parte do campo de demostración ao ensaio con trevo violeta e asociando noutra esa planta con raigrás inglés e amais probando o centeo como planta de abrigo na rotación.
    Baixo a súa iniciativa, pero despois de el finar, celebrouse na Granxa o primeiro concurso de vacas leiteiras que se coñece en Galicia no ano 1924, aplicando xa os criterios de rendemento lácteo que logo popularizaría Gallástegui na Misión Biolóxica. Aquel primeiro concurso pode considerarse todo un fito na medida en que constitúe un punto de inflexión no camiño dunha especialización leiteira que marcarían a segunda parte do século XX a dirección principal do agro galego e que chega ata hoxe. Durante oito días as reses presentadas ao Concurso estiveron nas cortes da Granxa sometidas a análises diarias de produción e calidade, substituíndo así o procedemento de medir os animais que adoitaba empregarse nos concursos ao uso.
    En 1926, en resposta a unha críticas de Ventura Alvarado que se pregunta no xornal católico coruñés El Ideal Gallego “¿Está bien orientada la Fundación Pedro Murias?” (18-12-1925) o director da Granxa Pedro Murias naquela altura, o enxeñeiro, Francisco Roig Ballesteros, escribe no diario portelista e republicano vigués El Pueblo Gallego (21-01-1926) un artigo titulado “La orientación de la Granja Pedro Murias de Ribadeo” no que fai referencia ao labor do seu predecesor Suárez Couto:
    “Yo no entiendo la agricultura el solo cultivo de la tierra, sino la explotación de esta con todas sus naturales consecuencias. No se alarme pues, por la orientación impresa a la escuela agrícola Pedro Murias, porque bien claramente tiende a ser como dice “agropecuaria láctea, aunque no sea la palabra del todo un modelo. Seguramente el señor Alvarado ignora que ya se está construido un magnífico establo para ganado lechero, que ya fue inaugurado con motivo del interesantísimo concurso de vacas lecheras de junio de 1924. Desconoce también que existe desde los primeros momentos un pabellón construido “ad hoc” para industrias lácteas, proyectado y edificado por el primer directo de esta Escuela Don Enrique Suárez Couto, especialista distinguidísimo en industrias de la leche. Por ello, … esta orientación está marcada desde los comienzos perfectamente definida y solo se comprende que el señor Alvarado clame por ella, desconociendo los datos que apunto”.   
    A morte temperá de Enrique Suárez Couto, cando contaba corenta e dous anos, e a falta de publicacións, pouco máis que algúns manuscritos e unhas poucas notas en Galicia Agrícola, desfiguran a importancia que tivo como técnico e o carácter innovador das súas propostas de futuro.

Os terreos da granxa, na actualidade. Vista Sigpac.


    Bibliografía:

    CABANA IGLESIA, A., (2006b): O labor de experimentación e divulgación agronómica da Granxa da Devesa (1916-1936), Recursos Rurais, 1, 2: 67-74.

    FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939, Vigo: Xerais.

    OTERO, Telmo (2022): A transformación da agricultura galega no camiño da especialización leiteira: ruptura coa innovación labrega, industria láctea e modernización (1900-1980). Tese de Doutoramento en preparación, Programa de Historia Contemporánea. USC.

Ningún comentario: