20230221

A historia, borrada

A historia, borrada

    A historia é unha disciplina que ten a súa historia. Esa historia da historia inclúe ideas que se foron sucedendo ou coexistindo entre si. Algunhas delas son amplamente coñecidas, como o tela presente para non repetir os malos tragos pasados, o seu estudo sinxelamente para coñecernos e saber de onde vimos, a pelexa pola interpretación e asignación de significado e mesmo borrado de feitos, ou a suposición -mesmo invención- de sucesos para favorecer unha determinada liña interpretativa. Crías que as 'fake' eran cousa moderna? Pois non, o que pasa agora é que son de moita máis doada transmisión! Se contamos os últimos tempos, tamén podemos incluír nesa metahistoria algo que apareceu de xeito moito máis recente, o que se podería chamar 'borrado legal da historia', concretado de xeito individual polo 'dereito ó esquecemento'.

    Estes días está no candeeiro un manexo histórico que xa leva tempo practicándose, aínda que de cando en vez xorde algún caso novo e volve ós titulares. Trátase da modificación de textos clásicos (os que non son 'clásicos' dalgún xeito, pasan directamente ó esquecemento), escritos no seu tempo de xeito máis ou menos transgresor ou político e conforme coas ideas vixentes daquela, onde como mínimo, substitúense agora determinadas palabras que neste tempo se consideran como inapropiadas por algún colectivo ou a nivel xeral da sociedade. O último en caer foi Roald Dahl, autor de textos para xente nova (Charlie e a fábrica de chocolate, Matilda, ...), que no seu momento, se tiñan algo de transgresores, iso era precisamente un plus máis para o seu estilo.

    Da mitificación como permiso para variacións históricas á censura social como eliminación da propia historia e a súa posible influencia na actualidade. En síntese, ese é o camiño recorrido ata o momento.

    A cousa é que calquera que teña unha certa idade tardou en decatarse destas ‘historias da historia’, unha vez exceptuadas as ideas de que sirve para ver de onde vimos e aprender dos erros, esgrimidas como xustificación para o estudo regrado da materia. As pelexas pola interpretación non tiñan cabida en quen estudamos aínda na ditadura. O borrado de feitos chegou a min vía unha célebre foto na que se foron suprimindo de xeito sucesivo varios colegas de Lenin nun acto nos comezos da URSS, feito usado como propaganda anticomunista. O invento de sucesos fíxoseme manifesto por medio da prensa, e non porque os medios foran cos da feira e viñeran cos do mercado nun cambio de parecer, senón porque cousas como a tenencia de armas químicas polo Iraq de Saddam Hussein, unha vez usadas para convencer da necesidade do ataque, podía dicirse que eran desinformación ou sinxela mentira sen consecuencias negativas de ningún tipo para os ben protexidos mentireiros no seu poder.

    En canto ás dúas últimas ‘historias da historia’ citadas ó comezo, aínda estamos ca crista da onda. Por unha parte, se tes abondos medios, podes lograr que as falcatruadas que fixeches hai uns anos desaparezan dunha internet que polo demais, sabe -e deixa saber- máis de ti que o que ti mesmo tes consciencia, sen que sexas capaz de parar de ceder máis e máis datos íntimos a unhas entidades que aplican unha nova versión de aquelo que di ‘todo o que digas poderá ser usado na túa contra’, coa ameaza continua de que pase o daquela cita dun célebre persoeiro que soe expoñerse máis ou menos como ‘dádeme catro liñas escritas por calquera persoa e atoparei motivos abondos para metela na cadea’.

    Pola outra, o borrado de palabras, o cambio de textos que ilustraron toda unha cultura, tómase como un xeito doado, pero estimo que erróneo, de cambiar esa historia cultural para cambiar a cultura / historia / relato actual.

    Pero tranquilos. Se hai unha sensación de aceleración dos cambios históricos, isto non remata máis que de comezar.

Ningún comentario: