Ceo con tren de estrelas móbiles
Mirar ó ceo en Galicia significa, moitas veces, ver unha masa nubosa sobre as nosas cabezas. Mais, moitas outras, mesmo nas longas noites de inverno, aparece un ceo estrelado que invita á tranquilidade e o desfrute do firmamento entre o frío reinante. Luns era unha desas, totalmente despexada nos seus comezos á beira do Cantábrico. Aínda se vían Venus e Xúpiter, e, no case no cénit, as Pléiades. Eran cousa das oito e cuarto da noite. Nun paseo, fíxome que unha 'estrela' se move. E penso nun avión. Pero inmediatamente vexo outra movéndose tras ela. Dous avións en formación! Mais pronto fíxome noutra, e outra, outra... e decátome: é un tren de satélites de Starlink movéndose sobre o fondo de estrelas. Aparecen pola veciñanza de Xúpiter e desaparecen por riba das Pléiades. Tiña visto algún satélite solto aparecer, pero ata luns, nunca oito ou dez xuntos, aparecendo máis por unha beira, cara á posta de Sol, mentres ían desaparecendo pola outra, unha vez que perdían a luz solar ó esconderse tras o planeta. E así, unha morea. Calculo que vin máis de cincuenta ata que se interrompeu o pase. Polo medio, algún oco parecía dar nota dun lanzamento que non chegou a bo fin. Só un caso deixaba oco para outros dous satélites que deberían estar alí.
A visión do ceo despexado, a máis de fermosa, axudounos ó longo dos milenios a formar unha concepción do mundo no que vivimos, e polo tanto, do que somos. Un elemento estraño alí arriba pode ser bonito como novidade, e por suposto, sorprendente pola alteración que representa. Mais isa distorsión precisamente representa un cambio na nosa visión do entorno, que remata influíndo no sentimento do que somos, máis aló da facilidade que representa para as telecomunicacións e internet, uso dos satélites da 'Constelación Starlink', que así se lles chama, constelación, por mor do agrupamento de estrelas en figuras no ceo, as constelacións.
En certo xeito, tamén dificulta a comprensión científica e a exploración e uso do espazo, pois milleiros de satélites xirando e lucindo sobre as nosas cabezas rematan producindo moitos máis milleiros de residuos espaciais descontrolados, partes de satélites que son un perigo nos lanzamentos e circulación arredor da Terra. Un parafuso pequeno orbitando a varios quilómetros por segundo, velocidade orbital típica, atravesa parecedes, por non dicir traxes e testas de astronautas.
Pero si, a sorpresa de velos a primeira vez, non ma quita ninguén.
Por certo, despois de velos, probei e poden descubrirse en programas libres para ordenador ou móbil. Por exemplo, no Stellarium, do que tomei capturas de pantalla para poder explicalo mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario