Frei Rosendo Salgado, en La ilustración gallega y asturiana. Collido de Wikimedia Commons. Imaxe no Dominio Público. |
DA ÓPERA AO ROCK
A aínda nova pianista tudense Andrea González ponlle música nun álbume e en varios concertos (ataviada sempre de Ágatha Ruiz de la Prada) a antigas partituras nunca ata agora grabadas do seu concidadán Frei Rosendo Salvado, ese frade que explorou e evanxelizou Australia e que introduciu na Galiza do século XIX o andazo do maldito eucalipto. Descubriu o seu tesouro sonoro en 2013 remexendo no arquivo da catedral-fortaleza de Tui, onde atopou un texto musical de inspiración operística italiana e daquela descoñecido. O seu primeiro concerto deuno, como non, diante da estatua do seu persoeiro favorito.
Frei Rosendo foi moi polifacético: defendeu os dereitos dos aborixes, estudou os seus costumes e publicou un dicionario sobre a súa lingua, fotografou por primeira vez a Australia occidental, creou aló unha orquestra de cámara, compuxo óperas e pezas de música indíxena e sacra, ensinou o alfabeto Morse e mesmo dirixiu unha compañía de Telégrafos. Ademais, mantivo un colexio no Escorial e agasallárono cun violín Stradivarius (non confundir a marca con outra de prendas de vestir) no mosteiro de Montserrat.
O produtor do disco de Andrea é tamén o manager do cantante Rosendo. Desa casualidade saíu o documental “De Rosendo a Rosendo”, estreado en Tui coa presenza do vello e incombustíbel rockeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario