20230211

NO BOSQUE DO BOSCO. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

O Xardín das Delicias, obra do Bosco no Museo do Prado. Domino Público.
 

 NO BOSQUE DO BOSCO

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O maxín do Bosco era un perpetuo xardín das delicias. A súa pintura foi tan onírica como libertina (mais tamén paradoxalmente moralizante en exceso), chea de fantásticas criaturas, de misteriosos símbolos e de visións estrambóticas nas que se xunguen o profano co divino nun horror ao baleiro no lenzo case enfermizo. Sospéitase que empregaba apócemas máxicas para as súas creacións, como farían despois os surrealistas co kif e a absenta e os artistas punk coas drogas de deseño. Todo para realzar o poder creador e creativo do subconsciente libre do raciocinio e deixado ao seu propio albedrío.

    O seu verdadeiro nome era Jheronimus van Aken e tomou o seu alcume da súa localidade flamenga natal: Hertogen Bosch/Bois-Le-Duc (O bosque do duque). Fillo de pintor, representa a transición entre a Idade Media e o erasmismo renacentista influído polo humanismo reformista. Aínda que non deixou ningún documento autógrafo, chegaron aos nosos días moitos dos seus óleos, debuxos e gravados, algúns deles en España debido á grande admiración que por este artista tan auténtico e inclasificábel sentiu o rei Filipe II. De neno, O Bosco presenciou o incendio da súa vila e ese trauma quente e asfixiante das lapas acompañaríao para sempre nas súas pinturas grotescas e un chisco “goyescas avant la lettre”. Amante do esotérico, foi un atento lector da dantesca Divina Comedia, na que se baseou para pintar os seus ceos, purgatorios e infernos. Homenaxeou tamén nos seus cadros o preciosismo iluminista dos refinados manuscritos medievais así como a arte popular dos Países Baixos. As súas composicións semellan unha escena de Star Wars ou un espectáculo do Circo do Sol e as vestimentas das súas personaxes ben poderían estar deseñadas por Jean-Paul Gaultier ou por John Galiano.

    Sobre a súa pintura enmeigada, terrorífica, desquiciada e como doutra galaxia escrbiu o poeta de El Puerto de Santa María Rafael Alberti: “Barrigas, narices, lagartos, lombrices, delfines volantes, orejas rodantes, ojos boquiabiertos, escobas perdidas, barcas aturdidas, vómitos, heridas, muertos”.

Ningún comentario: