20230219

O problema de gañar (sen límites)

O problema de gañar (sen límites)

    Viches a película Rebelde sen causa? Lembras que nela hai unha carreira proposta que se realiza rematando coa morte dun dos dous mozos que compiten? Dous rapaces en coche cara ós acantilados para ver quen vence: o que se manteña máis tempo no coche.

    Unha competición que cualificaría cando menos de estúpida, na que, na película, o que primeiro se raxa resulta quedar enganchado, non pode saír e despénase polo precipicio dentro do coche, cara ó mar. Na película, a carreira pode verse en orixe como un 'mal menor' que evita unha pelexa con arma branca no que se dirimiría a preeminencia entre dous 'machos alfa', rapaces novos con ansia de comer o mundo, mesmo cos máis dentro. O que teñan seguidores detrás é un detalle social importante, representando o poder por medio deles, das 'bandas' das que serían os xefes. É dicir, unha imaxe representación do sistema xeral que, mesmo con algún filtro (o 'evitar a loita con navallas') leva á sociedade, lévanos, cara unha aposta con resultados globais que lanza ó precipicio ós participantes (nós), que, se evitan caer, perden. O resultado posible? A morte en caso de ganar. Casual no caso de Rebelde sen causa (quedou no coche quen se ía tirar antes, 'o perdedor' en todos os sentidos), un xogo así está previsto precisamente para, adrenalina mediante, non dar importancia á morte de quen gane ('sexa máis home', 'mereza máis o poder', etc) ó tempo que despreza ó perdedor. Nun tempo que din de estratexias 'win - win' (na que todos os participantes sacan proveito), a exaltación do 'loss - loss' (cando todos perden).

    A imaxe pode trasladarse ó mundo actual. No 'noso' sistema socioeconómico actual (case ao menos tan ben estaría o dicir que o sistema nos ten a nós, que somos prisioneiros do sistema), chámeselle 'liberal, 'capitalista' ou como se queira, hai unha loita por conseguir máis cartos e poder. E, para iso, lévase ó límite a explotación de recursos do planeta (medio ambiente ou persoas, incluídos) ou as condicións na que se fai esa explotación (sexan minas con nenos expostos a contaminación de metais ou provocando / acelerando o aumento global de temperatura). Quen se desmonte antes, quen non sexa capaz de espremer ó máximo o entorno, perde, é desprazado por outro explotador ou compañía explotadora, por outro que consegue máis cartos e poder. E mentres, o mundo enteiro, o mundo que coñecemos, está cada vez máis preto da beira do abismo.


Ningún comentario: