20230225

“(RE)ALMENTE DIFERENTE”. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Illa de Ré, a vista de satélite da NASA. Imaxe en D.P.

“(RE)ALMENTE DIFERENTE”

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    A illa francesa de Ré é glamour, calma, morneza e elegancia. Con 30 km de longo e 5 de anchura, combina viñedos, xunqueiras, piñeirais e agrestes dunas. Está tan só a tres quilómetros da costa e a ela pódese chegar atravesando a ponte de peaxe que a une coa cidade de La Rochelle polo prezo de dez euros. Das súas dez vilas, dúas forman parte da asociación das localidades máis bonitas de Francia. Malia situarse na costa atlántica, o estilo dos seus chics “bistrós” é máis ben ibicenco. Tanto é así que as contras e persianas de todas as casas só se poden pintar de azul ou verde para non desentoar nin cos montes nin co mar. Por algo será o destino preferido dos máis adiñeirados parisinos, que fan que a súa poboación de 15 000 habitantes se multiplique por máis de dez durante a tempada estival. É coñecida tamén polas súas saborosas ostras (que compiten coas da mesmísima Arcachon, nas veciñas Landas), acompañadas sempre con pan negro de centeo, manteiga e xeado deste bivalvo (ou de pataca, outro dos produtos autóctonos) como sobremesa. Os mellores están na xeadería La Martinière, que os elabora artesanalmente desde 1970. Tamén os hai de “mojito”, mapoula, caviar, caramelo, coñac ou da flor do sal, outro dos elementos abondosos na illa debido ao grande número de salinas tanto naturais como artificiais.

    Visitantes asíduos do arquipélago son Juliette Binoche, Carolina de Mónaco, Johnny Depp ou Gérard Depardieu. As súas murallas (patrimonio da Unesco) teñen forma de estrela e extramuros atópase o faro das baleas desde o cal non é raro divisar estes cetáceos nas súas travesías polo Atlántico.

    Mais o animal totémico da illa por excelencia é o burro, case tan sagrado como as vacas na India. Tanto que mesmo os visten con pantalóns multicolores como se fosen mascotas. A orixe desta singular tradición está polo visto nun gandeiro de finais do século XIX que, dese xeito, intentou minimizar nos sufridos animais os efectos adversos das picaduras de moitos insectos. Figura icónica dos insulares, converteuse tamén en merchandising e publicidade adornando chaveiros, cuncas, camisolas ou bolsas.

Ningún comentario: