20230312

8 de marzo noutra clave

Captura de pantalla de https://gl.wikipedia.org; lic. CC BY SA 3.0

8 de marzo noutra clave

    Pasou outro oito de marzo coa bandeira da igualdade, reivindicando e celebrando en clave de xénero. E moito se podería dicir delo. Mais o 8M pode ter outras connotacións, se se quere máis humildes ou menos coñecidas, pero que ven ben non esquecer. Por exemplo, o ser a data na que se comezou a Galipedia, a Wikipedia en galego, https://gl.wikipedia.org, unha entidade que o pasado 8 de marzo cumpriu 20 anos.

    Da Wikipedia en xeral e da Galipedia en particular, tamén poden dicirse moitas cousas. Unha das últimas que viñeron a incorporarse a esa lista é a que apareceu case o mesmo día 8 nunha noticia sobre unha pretendida clasificación internacional das linguas xestionada por institucións francesas. A clasificación abrangue esta edición algo máis de 600 linguas, entendendo que estarían máis ou menos as máis relevantes. Pode consultarse en https://www.calameo.com/read/0053751144b5e886a29e9. Resulta que o galego estaría nun posto 37 entre os milleiros de linguas faladas pola humanidade hoxe . Coido que habería moito que argumentar ó estudo clasificatorio e ó posto do galego nel, cando o catalán está no posto 12, o asturiano no 50 e o eúscaro xusto por detrás do galego, posto 38. Mais polo que traio esa noticia aquí é porque algúns dos criterios considerados para a clasificación son a presenza da lingua correspondente en internet en xeral, e na Wikipedia, en particular.

    Así eses 20 anos que xa cumpriu a Galipedia, con case 200 000 artigos que teñen feito dela xa dende hai anos, a maior enciclopedia en galego que ten existido, alumean unha traxectoria de soporte lingüístico e de coñecemento recoñecido a nivel mundial, pero moitas veces ignorado na propia terra. Así, non é raro atopar quen descoñece a existencia da Galipedia ou quen non a considera para o seu uso, cando se ben ten menos artigos que a versión en castelán, que, á súa volta, ten menos que a versión en inglés, tamén hai temáticas concretas que trata en máis profundidade que ambas, e outras moitas que, aínda que non teña entradas en tanta cantidade e tan desenvoltas como elas, son abondo explicativas e útis para o seu uso diario. Por suposto, sobre a calidade dos artigos, que na versión inglesa vai quince anos que diversos estudos indicaron que superou a daquela icónica Enciclopedia Britannica, e que segue a mellorar, non vou falar máis.

    E, lembrando de novo a celebración coincidente no tempo do día da muller, dicir que na Galipedia (e en xeral na Wikipedia) tense detectado dende hai tempo unha fenda de xénero, tanto en relación ás persoas que editan como no número de artigos agrupados por xénero ou na profundidade con que son tratados. Algo que está a corrixirse, pero aínda queda ... moito.

Ningún comentario: