20230325

CHAGALL ERRANTE. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Selo israelí baseado nunha pintura de Chagall. Imaxe no Dominio Público.

CHAGALL ERRANTE

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Como bo xudeu (aínda que un tanto agnóstico), Chagall foi un home errabundo e un pintor autobiográfico e ao mesmo tempo escapista e (de)ambulante. Nacera na vila de Vitebsk (na actual Belarús) no seo dunha familia xudía de orixe lituana, o que lle valeu ser perseguido polo antisemitismo exacerbado dos últimos anos do decadente imperio zarista. Instalouse en San Petersburgo (primeira parada da súa vida de continua vagamundaxe) mais sempre levaría consigo e na súa arte as saudades, moitas veces amargas, outras moitas tenras, da súa Vitebsk natal, lugar que nunca esquecería e que non deixaría de idealizar desde a distancia vital que dan tanto os quilómetros como os anos.

    Cunha mestura de estilo naíf, colorista e onírico foi precursor do surrealismo e do expresionismo realista ou figurativo. En toda a súa obra apréciase unha forte marca hebrea, eslava, rural e fondamente interesada polo máxico mundo rutineiro do cotián. Despois da revolución bolxevique decide trasladarse a Moscova (onde decoraría as bóvedas do Teatro Xudeu e crearía os decorados para a posta en escena das obras de Gogol), mais axiña se verá decepcionado polo cambio de réxime e en 1922 abandona o seu propio país para se instalar definitivamente no cosmopolita París. Alí pintou o teito da súa Ópera e alí residiría até a súa morte, agás unha breve etapa pasada nos Estados Unidos. Non voltaría á Unión Soviética até 1973 para unha curta estadía de simple cortesía convidado polo Ministerio de Cultura.

    Admirado por Picasso, este dixo que cando morrese o grande Matisse só ficaría Chagall como pintor esgrevio. Chagall sempre se considerou, pola contra, un artista humilde e un tanto a contracorrente de modas e movementos polo que fuxiu tamén do realismo socialista por consideralo propagandístico no fondo e encorsetado nas formas. Eu tiña un amigo que pensaba o mesmo que cría Picasso e, grazas a el, puiden admirar moitas das obras de Chagall en diferentes museos europeos. O que si non tivemos ocasión de contemplar foi o mobiliario orixinal do seu cuarto que el pintou en varios dos seus cadros. Outra vez será.

Ningún comentario: