20230304

Chiando dende a illa Pancha. Contribución para o número de marzo de Chío

    Este mes de marzo comezo a colaboarción coa revista electrónica mensual lucense Chío. Esta é a miña primeira contribución:

Chío na Pancha

Para unha publicación periódica con cabeceira editada nunha capital de provincia, é case normal definirse como capitalina, é dicir, sobreponderar o contido e referencias á vila capital aínda que a publicación en si non estea deseñada para ser ‘da’ capital. No caso de Lugo, que agrupa na capital máis dunha cuarta parte da poboación total provincial, non se chega ós extremos de Madrid, pero sobrepasa ó doutras provincias como Asturias (que case se pode dicir que ten unha ‘capital distribuída’.

Enfocando dende outro punto, hoxe a provincia de Lugo é case o cosido doutras dúas anteriores. No 1833, unha reorganización estatal levou por diante a provincia de Mondoñedo, que correspondería coa actual Mariña (se queres, o conxunto das tres ‘Mariñas’ que se pretenderon como comarcas administrativas), cunha superficie semellante á de Biscaia. Con esa entidade e a eliminación de Mondoñedo como capital, caeron máis cousas. Podemos facernos unha idea cun par de datos, dende o feito que no 1833 a poboación da cidade de Mondoñedo era só lixeiramente menor que a da súa actual capital provincial (que dende aquela multiplicou por vinte os seus habitantes fronte ó estancamento e mesmo retroceso mindoniense) a que o proxecto dun ferrocarril pola costa tardara cousa dun século en materializarse, aínda cunha liña de ‘vía estreita’ (traducible por ‘de segunda categoría’).

O extremo norte da actual provincia de Lugo, dise, limita con Inglaterra mar por medio. E na punta que marca o extremo oriental dese límite, atópase unha icona do concello de Ribadeo: a illa Pancha.

No cambio de mentalidade co tempo, a illa pasou de ser un lugar inhóspito ó idóneo para plataforma de sinais marítimas, para construír un faro. Foi erixido hai 150 anos. Un lugar dende onde chiar non fronte a un Lugo / capital /centro, senón sinxelamente un lugar diferente para chiar.

Claro que, para comprender os chíos, mellor ter algo de contexto, que na distante Lugo pode non terse. Diso vai este artigo.

O faro da illa Pancha comezou a levantarse no 1859, cambiando con ilo a natureza da illa, e máis aínda a raíz da construción dunha ponte ó ano seguinte. Faro e ponte sufriron diversas reformas ó longo do tempo, e en 1983 fíxose un novo faro, quedando sen uso como tal o vello edificio que albergara a antiga luminaria e servira como casa do fareiro, misión coa que seguiu tempo despois da entrada en funcionamento do novo faro. Así, a Pancha, a súa visión, o seu significado e a súa simboloxía cambiou pouco a pouco. E segue a cambiar: Pasa dos dez anos que un chiringuito, Puertos del Estado, decidiu poñer en marcha a iniciativa ‘Faros de España’. É dicir, a privatización dos faros, substituídos con avantaxe polos novos sistema GPS. E vai camiño dos dez anos que, nesa liña, fixo concesión de parte da illa a unha empresa privada.

 

A cousa non remata aquí, e o xa dito é necesario amplialo, pero por iso mesmo esta parte da historia provincial e das xentes que habitamos necesita de máis espacio para ilustrar, clarificar e animar a quer (-nos, tamén).

Así que, seguirei a chiar.

 

Antonio Gregorio Montes



Ningún comentario: