20230319

ESTAMPADO MONTESINOS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 ESTAMPADO MONTESINOS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Tras medio século adicado á moda, o modisto valenciano Francis Montesinos xa ten un estilo propio, marca da casa e dos seus gustos máis íntimos: a paixón polos estampados (nomeadamente florais) e pola cor. Nunha entrevista concedida no verán a este xornal, afirmaba que todo comezara por culpa da súa nai, unha muller máis que moderna para a súa época e que lle deu unha volta á tenda de arranxos e roupa dos avós do deseñador en Valencia. Montesinos confesa ser máis de tesoiras que de fíos, máis de deseñar patróns que da súa posterior confección ou que de, simplemente, coser un botón.

    Non obstante, como todo artista é polifacético, tocando nos seus anos mozos nun grupo de pop, pintando cadros realistas, realizando collages ou coloreando louza. Arestora está centrado en prendas para atrezzo teatral e de ballet e en vestimentas de deseño para cans, así como na súa colección persoal de pavos reais (algún mesmo albino), tanto disecados como vivos, asunto este que non deixa de ser controvertido.

    En 2020, en medio da pandemia, atreveuse a organizar unha exposición de toda a súa traxectoria desde os vinte anos no MUVIM, agora que vive afastado do mundanal ruído en Llíria entre a súa espléndida biblioteca ateigada de volumes sobre moda, para el a arte total que todo o absorbe e incorpora.

Ningún comentario: