Ano tras ano, parece que o 8M, o oito de marzo, tende a superarse como festa do empoderamento da feminidade, aínda con dificultades conxunturais por medio. Mais non deixa de ser unha celebración que hoxe pode verse con certa mutación dende as súas orixes relacionada co movemento obreiro. En Ribadeo, a manifestación convocada coido que pode cualificarse de éxito rotundo, e non foi o único lugar no que tal sucedeu. Tampouco foi o único acto encadrado nas celebracións do 8M na vila, o que non implica que, dende unha perspectiva contínua, ou ó menos, anual, non deixe de ser algo puntual en troques de algo permanente.
Nese sentido hai outras actividades e manifestacións menores que fan esa función de permanencia, de continuidade no empoderamento feminino, de xeito máis consistente. Traio aquí es fotos dunha iniciativa en Ribadeo que a máis de un e unha lle pasará desapercibido, pero que está chamada a ter en xeral unha permanencia de impacto abondo superior á da manifestación que, repito, considero que foi un éxito. Trátase de algo tan sinxelo como roturar nuns poucos pasos de peńs os nomes dunhas cantas mulleres que poden considerarse senlleiras nalgún sentido, aclarado baixo o seu nome no rótulo correspondente. Lugares de paso que fan que se pise unha e outra vez o nome, sitios algúns nos que a permanencia da pintura será pequena, pero lugares todos que darán información, sacarán á luz a mulleres que non merecen ser anónimas, que empoderarán a unha nova xeración feminina e enfocarán ós posibles 'teitos de vidro' que hai para as mulleres na actualidade, na procura da súa superación.
En baixo quedan fotos de diversos pasos de peóns rotulados con nomes de muller. E, un pouco máis abaixo, unha foto e un vídeo da manifestación do 8M en Ribadeo, obra de G. Gómez.
(Exeria) |
Ningún comentario:
Publicar un comentario