Representación de Pepa a Loba. Lic. CC BY SA 4.0. De Nieves González Pérez, collido de gl.wikipedia.org |
PEPA (A) LOBA
Xosé Lois Ripalda (escritor e etnógrafo) vén de tirar do prelo co selo da editorial Ir Indo “Pepa Loba: entre a historia e a lenda”, a súa xa quinta novela sobre esta bandoleira galega (a nosa Robin Hood enxebre) da segunda metade do século XIX. Nela fala máis da persoa que da personaxe, esa mesma que mesmo inspirou unha canción de Herdeiros da Crus (“Cuadrilla de Pepa a Loba”) e camisolas da empresa Animosa con lemas como “Elixo o meu camiño” ou “Ceibe como o vento”. Tamén deu nome a un mítico bar do casco vello compostelán e a unha feira festeira adicada á súa honra no Carballiño.
Pepa fíxose bandoleira despois de ver como un home violaba a súa nai sendo nena. No posterior parto faleceu e vingou a súa morte ao xeito do poema rosalián da “xustiza pola man”. Nunca roubaba para ela, mais para o pobo afundido na miseria. Nobres, clérigos, señoritos e caciques foron as súas presas.
O volume bebe de cristalinas fontes orais (como coplas e cantares de cego) recollidas nas feiras de Monterroso e en San Cristovo de Cea, o do limpo pan. Por elas sábese que nacera na parroquia de Amoedo en Pazos de Borbén, mais nada se puido comprobar da súa misteriosa morte. E se desaparecese entre os abruptos cumios mariñáns da Serra do Xistral? Aquí podería principiar outra novela máis.
1 comentario:
Eu teño unha copia da súa partida de nacemento.
Publicar un comentario