20230329

Preguntas. As municipais están aí. Quen non quixera saber?

- Preguntas

 As municipais están aí. Quen non quixera saber? -

    Dúas notas previas:

    - Para poder concretar, poñamos que escribo dende Ribadeo, mirando a Ribadeo, pero algo semellante pode ser escrito en calquera punto de Galicia e de España, mirando para o concello correspondente.

    - O artigo non pretende ter unha profundidade nin lanzar un programa, só influir en que os programas podan ser máis pensados, máis achegados á xente e tamén máis cribles.

   Comecemos. Cal é 'o Ribadeo que queremos' de cada partido? Non se trata de dicir 'que sexa bonito' ou 'que se viva ben', senón de especificar as liñas e condicións que estimas para poder achegarse un pouco máis a ese 'bonito' ou 'bo vivir', os criterios nos que se basan esas liñas mestras, algo que se poda ver claramente, medir, establecer se se cumpriu ou non, que permita o control da xente e facilite a súa -nosa, de todos- participación. A mira de facelo así é medrar como sociedade ó tempo que se estuda e discute o que lle ven ben ó pobo e como obtelo. Algo que é o contrario de ter un arma arroxadiza ou un instrumento para ganar eleccións.

    Así pois, poderán xogar os nenos nas rúas? Hoxe por hoxe as rúas non son para os nenos, hai parques que en outros tempos non había, e parece que con iso chega. É así?

    Ven sendo algo tradicional querer deixar obras feitas, e esquecerse do mantemento e bo uso do que xa hai, perdendo tempo e cartos. Que se pretende aproveitar do que hai e como?

    Dous temas en parte relacionados: Que se pretende facer para evitar a xentrificación? Hai días unha nova daba nota de que non hai quen alugue para o ano, só para o verán, o ruído está presente en todo o centro (aínda que máis nuns lugares ca noutros), o verán parece que non se fixo para quenes residen en Ribadeo, procúrase un 'turismo de calidade' (= de 'caridade', máis caro)... e, ó tempo, as parroquias están perdendo poboación. Enténdese o por que pasa? Hai propostas para mellorar a vida nas parroquias? A redistribución vila-campo? Que se prevé para acoller ó turismo sen xentrificar á poboación actual? Que directrices hai para conseguir un turismo enriquecedor da vida da xente, non de determinada xente en prexuízo dos máis? Como afronta a crise da vivenda?

    Como vai favorecer o desenvolvemento industrial? Un territorio equilibrado?

    Como se vai enfrontar o cambio de mobilidade para ter maior/mellor uso para os peóns, dos trasportes públicos (se os hai...) ou da bicicleta e menor do coche? O tren cada vez é menos tren: 4 servizos diarios dende e cara a costa galega a alguén lle poden parecer abondo, 2 cara a costa asturiana, imposible. En calqueira caso, abondo menos que o servicio de bus. E iso, na rasa costeira. Cara ó interior, que poboación queda a menos de 1 km dun transporte público con dúas viaxes de ida e dúas de volta ó día? Toda. E vai facerse algo?

    Algunha proposta para rematar o mandato cunha Torre dos Moreno rematada e con algún resquicio de patrimonio de todos?

    Ou decrecemento ou crise... Como afronta o decrecemento cada partido?

    A estrutura en concellos non está pensada para enfrontarse directamente a temas como a guerra ou a xubilación e as pensións. Pero si axudaría saber ideas concretas dos diversos equipos en confrontación sobre estos temas. Máis que nada para que as concentracións diante da casa do concello saiban que esperar de dentro do edificio.   E o impulso dun plan de ordenación da natureza na ría de Ribadeo? (de Abres á Illa Pancha, da Lieira a Reme, claro!) Sostibilidade ambiental, e non só na ría: para afrontala en todo o concello fai falta acción a partir de toda a poboación. Como se vai enfrontar?

    E por último, como sabemos que as respostas corresponderán cos feitos na medida do posible?

    E unha idea: copiar un bo programa dos máis (mesmo de convocatorias pasadas ou doutros lugares) non ten por que estar mal, sempre e cando non sexa algo cosmético, senón sentido, explicado e mesmo recoñecido que outra xente tivo primeiro esa idea.

Ningún comentario: