20230403

Chío dende Ribadeo

    Remata de saír o número de abril de Chío, revista dixital da capital provincial na que Ribadeo ten un oco. Neste caso, este:

Chío dende Ribadeo

    O seu límite con Inglaterra, mar por medio, fai de Ribadeo non só un lugar de fronteira (múltiple) senón tamén de encontro e cosmopolitismo. O mar leva sećulos comunicando esta terra co resto do planeta. E hai que dicir que, se ben por toneladas de mercadoría as contas estén en máximos nestes século, por importancia comercial hai máis de dous séculos que se manexaba o liño ou o Kummel báltico, embarcado alí en embarcadoiros co nome de Ribadeo. Un porto ao abrigo da ría de Ribadeo que é unha xoia no Cantábrico, cunha historia que inclúe o asentamento do bispado, que veu e volveu, a Mondoñedo, un entorno ó que se lle chamou Terras de Ribadeo e unha ría que a máis de levar o nome de Ribadeo polo mundo, contribuíu a sacar ferro de Vilaoudriz ou a acubillar naves da vencida invincible.

    E si, tamén fronteira. Unha fronteira en retroceso dende hai tempo, hai xa moitos séculos, do que a lenda conta que se cambiou o territorio eonaviego por unha muller, despois dunha disputa entre bispos por ambas cousas, quedando as terras do lado de aló. De xeito abondo máis recente, pouco máis dun século, a Veiga de Ribadeo cambiou o seu nome polo de Vegadeo, conservando aínda detalles como o nome no seu palco da música. E a día de hoxe, unha decisión dun organismo asentado en Madrid quere que Ribadeo comparta o nome da ría co río que comeza en terras de Baleira. Polo momento, espérase o xuízo para anular esa decisión, que de xeito xuizoso non debera ser tomada contra un nome que leva séculos asentado nas cartas mariñas de todo o mundo. Diso, igual que da illa Pancha, volveremos a tratar: Ribadeo dá de si para que unha introdución nunca se quede curta ó tempo que sempre sexa convinte. 

    A ría, que pode estar en disputa, en troques, na realidade, une. Hai tempo que se evitaba o dar a volta pola Veiga simplesmente collendo a barca de pasaxe, e a xente das Figueiras ou da súa capital de concello, Castropol, ó mercar en Ribadeo tiña moitas veces un desconto para contribuír ó pago da pasaxe. Hoxe as lanchas non son de pasaxe, senón turísticas. O que fixo posible ese cambio foi unha ponte, a Ponte dos Santos, chamada así por estar trazada entre a beira de dúas capelas, a de San Miguel en Ribadeo e a de San Román nas Figueiras. Unha ponte que comezou sendo de estrada nacional (N-634) e logo pasou, ampliación mediante, de autovía (A-8). Visitáchela por baixo? Non? Faino, é outra visión diferente. 


 Antonio Gregorio Montes

Ningún comentario: