Traballo de CC BY 2.5 , collido de https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Printing3_Walk_of_Ideas_Berlin.JPG |
Día do libro
Nunha cidade, lonxe, baixo un sol que algún diría espléndido e outros de xustiza, repaso coa mirada os tomos expostos nas moitas casetas que se presentan ante os viandantes. Quixera -gustaríame- atopar algún libro en galego. Tarefa imposible. Pode que se me escapara algún, mais non foi así cos feitos en inglés, francés, alemán ou italiano, ou mesmo chinés ou catalán, nesta feira baseada sobre todo en libros en castelán. E sobre Galicia? Na sección de viaxes sempre cae algún solto, non moitos, pero pódese apostar por iso.
Lonxe da terra, lembro a Andrés -dinlle as grazas pola última lectura que me recomendou?- e os escaparates que amosan xa non só libros, senón outros produtos que axudan a manter o letreiro de librería á porta do establecemento.
Bibliotecas? Esta mañá, un apartado dun museo facía de biblioteca de animación á interacción co texto e imaxe, que non á lectura, complementando unha pequena biblioteca e suplementando cunha grande e imaxinativa. Non, non é exactamente unha biblioteca, mais achégase nun intento -desesperado?- de animación e ilusión pola lectura e a súa base, a escritura e composición ideal -de ideas-.
E iso, que é? Unha librería na que se sirve café ou unha cafetería na que se venden libros? Sexa o que sexa, estase ben un rato alí. Acompañado, os temas de conversa vanse ampliando polo entorno. Só, puidera elixirse de xeito diferente lectura, saboreo ou ambos.
Cruce de libros. Bookcrossing, libros libres, adopta un libro... as alternativas multiplícanse -en número- e divídense -en características e posibilidades- de paso de paso que aumenta o volume publicado e mingua o espazo adicado (ou adicable) e mentres medran as ideas impresas no espazo dixital, unha alternativa saudable, pero só iso, alternativa.
Non, un día coma hoxe non me fixo por un club de lectura, pero haber, hainos, e imaxino como pode ser o que outro día anunciábame a tortilla compartida como reclamo extra de comunidade para a convocatoria do cartel, xa atractivo de por si -ao menos, para min-. Se non un club ou semellante, hoxe, sempre queda a nube para intercambiar. De novo, Bookcrossing, ou Goodreads, entre os lugares máis concorridos.
23 de abril. Os días seguen a medrar coa primaver anunciando e cumprindo se sobras co bo tempo e ánimo. Non escolleron mal o día do libro, máis aló de celebrar anos da morte de Cervantes ou o nacemento de Shakespeare (ou da batalla de Cacheiras!)
Fóra do radar e deste escrito quedan outras cousas, como o nada desprezable uso -para a saúde da industria do libro- decorativo e de distinción que se deu e coido que aínda se pode dar nalgúns lugares, a queima de libros ou a súa prohibición (de actualidade nos EEUU) e outros.
Antonio Gregorio Montes
Ningún comentario:
Publicar un comentario