Do descontrol do mundo
Vai bo día. É dicir, o que se lle chama hoxe en meteoroloxía bo día, co ceo despexado e tranquilo, moita luz e temperatura agradable, vento suave... En Ribadeo, día de mercado, cun bule bule normal, e as típicas relacións da xente na rúa, nos comercios, nos bares, incrementadas respecto a outros días polas persoas que baixan mercar. Imos cara ó verán, os días medran e ata parece que o espírito ‘é máis’. Estamos falando na pequena escala dun pobo galego nun momento determinado.
Se collemos algún tipo de medio de comunicación, dende o papel a internet, pasando pola radio ou a televisión, a cousa pinta diferente, tanto pola escala temporal das noticias como pola súa escala espacial. E non fai falta mirar á natureza, co cambio climático e os efectos sobre a seca ou a temperatura, ou á contaminación, de plásticos a produtos químicos pasando por ruído ou ata por luz, ou a escaseza de recursos, ou a mala distribución, de alimentos e tamén de poder. Chega con mirármonos uns ós outros, a propia xente entre nós e de forma grosa, de sociedades ou estados en conxunto.
Escoitaremos que China vai entregarlle armas a Rusia, agora xa á vista, sen ocultación, par usar na guerra da Ucraína, esvaecendo así a neutralidade que esgrimía mesmo para propoñer un tratado de paz. Mentres, en ‘occidente’ clámase contra esa entrega, deixando á beira sen pudor a propia entrega de armas e información á Ucraína. O conflito escada, pouco a pouco, e de pouco serven as semellanzas históricas con períodos pasados para frear o avance non dunhas ou outras tropas, senón da destrución. E iso dende unha causa que se clama como tal por algúns ou doutra causa reclamada así por outros, ou mesmo por outras causas -mesmo esquecidas ou escondidas- que non se reclaman, pero que o son máis cas reclamadas por uns ou outros.
Onte botaban na tele ‘Tora, tora, tora!’, película sobre o ataque a Pearl Harbour que deu pé a que os EEUU entraran na guerra do Pacífico despois de entrar xa efectivamente en guerra contra Alemaña, converténdose así as guerras que viñan desenvolvéndose nunha única guerra mundial con só uns poucos países neutrais. Mais a película céntrase nun relato novelado e épico, e elude todos os feitos previos, que son moitos e que representan unha escalada, como calquera pode colixir, sen ir máis lonxe, na Galipedia (https://gl.wikipedia.org/wiki/Segunda_guerra_mundial). Remexendo nos anos anteriores, hai quen di que a segunda guerra mundial comezou non coa invasión de Polonia en 1939, senón case dez anos antes, en Asia, cun pequeno conflito e foi medrando ó tempo que xurdían metástases ata chegar ó conflito xeneralizado. Ás veces, abondaba cunha mera declaración dun político secundario dun país tamén secundario, ou unha nova de prensa apoiando a posibilidade dun cambio de postura do país para dar un pasiño máis cara á guerra mundial.
Do mesmo xeito que nos anos trinta do século pasado non había drons dirixidos dende unha poltrona dunha oficina nalgures lonxe de onde depositan a súa carga mortífera, mesmo con axuda da intelixencia artificial, tampouco había constancia instantánea vía satélite dos posibles movementos de tropas, nin armas atómicas, nin mísiles que as portaran ata as antípodas se é necesario. A guerra era mundial porque se estendía polo mundo adiante, pero loitando en frontes, mentres na actualidade a posibilidade é que non haxa frontes, que o fronte sexa a túa propia casa, a miña e a de Igor Vasilenko se existe, onde queira que viva. Todos, en conxunto, e ó tempo.
O que si había era escalada. Coma hoxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario