20230422

PINTORES QUE COLECCIONAN PINTORES. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

A italiana, de Corot (1796-1875), pintado cara a 1870.
 

PINTORES QUE COLECCIONAN PINTORES

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Moitos afamados pintores foron tamén importantes mecenas ou grandes compradores de obras de arte dos seus colegas, dos seus talentosos rivais, dos seus amigos máis estreitos ou dos seus admirados mestres fetiches. As razóns destas compras e poxas (moitas veces compulsivas) son de carácter artístico, sentimental, intelectual ou sinxelamente monetario. Moitos deles teñen á vez sensacións encontradas de profunda admiración ou de incontrolábel envexa por aqueloutros aos que pretenden imitar ou nos que se pretenden inspirar. Outras veces, ese amoreamento de lenzos tiña simplemente unha función de puro coleccionismo ou de futuro investimento para máis tarde vendelos a moito mellor prezo.

    Por poñer só un exemplo, Lucien Freud sentía unha especial devoción polo francés Corot. Durante moitos anos, aquel tivo o cadro de este, “L’italienne”, pendurado no salón do seu domicilio londinense. Cada vez que ía a un museo, adoitaba dicir que en realidade ía a un hospital porque el ía ver cadros como quen vai ao médico: “para que me axuden a sandar”. Así o confesou e recoñeceu algunha que outra vez. No seu testamento deixou como legado este retrato tan querido para el ao Reino Unido en agradecemento pola acollida que lle ofreceu tras da súa precipitada fuxida da Alemaña nazi.

    Outro comprador (lindando coa adicción case até a mesmísima ruína) de obra pictórica foi Degas, chegando a posuír 22 pinturas de Ingres e outras 16 de Delacroix. Esta mestura de admiración, ciumes, rivalidade e amizade tamén se deu entre Matisse e Picasso, que estiveron intercambiándose cadros durante anos. O primeiro agasallou o segundo cun debuxo da súa propia autoría como xeito de lle dar as grazas por ter vixiado a súa caixa de caudais durante a ocupación alemá de París. O pintor malagueño, pola súa banda, ofreceulle unha das súas obras máis cotizadas e cobizadas: o retrato de Dora Maar, unha das moitas mulleres coas que compartiría algúns anos da súa vida. Grazas a todos estes intercambios, moitos cadros poden hoxe estar en museos de todo o mundo en lugar de no baño dalgún hortera acaudalado.

Ningún comentario: