Cadro informativo na entrada de Der Müde Tod en es.wikipedia.org |
“A MORTE CANSA”
Xosé Carlos Rodríguez Rañón
En alemán “Der müde Tod”, filme mudo en branco e negro do actor e director Fritz Lang estreado en 1921. Lang non foi só un intérprete, mais tamén un pensador con inquedanzas metafísicas. Estaba convencido de que non era a existencia de Deus o que tranquilizaba o ser humano, mais a súa ausencia, xa que para el a divindade era unha creación da propia Humanidade. Nisto era moi do nietzscheano “Deus morreu. Viva o súper home!”. Un temperamento así de inclasificábel foi o que seduciu a cineastas da Nouvelle Vague francesa como Jean-Luc Godard ou François Truffaut e a outros xenios do celuloide como Luis Buñuel, Ingmar Bergman ou Alfred Hitchcock desde que Lang comezara a adicarse ao cinema despois da Grande Guerra. Na década de 1930 entrará en contacto, nos estudios da todopoderosa UFA, con dúas das musas da cinematografía teutoa: “o anxo azul” Marlene Dietrich e a cineasta oficial do nazismo, expoñente máximo do “triunfo da vontade”, Leni Riefenstahl.
Entre os seus intereses e influencias están a mitoloxía xermánica, o romantismo do “sturm und drang” (a treboada e o empurramento), os relatos dos irmáns Grimm, os contos de Hofmann e o expresionismo da Bauhaus e das vangardas de entreguerras, con temáticas como a dor do destino/azar, a fatalidade e brutalidade da vida (esa “paixón inútil”) e a anguria case unamuniana do sermos “seres para a morte” de Heidegger. Logo da primeira guerra mundial, o ordenado mundo de antano de Stefan Zweig volatilizárase e, ante ese feito indiscutíbel, só había dúas actitudes como saída: a vitalista da Belle Époque ou a nihilista do que despois da segunda daría lugar ao existencialismo francés de Sartre e Camus.
Este
animal da interpretación de faciana con faccións duras e trazos
angulosos (case escultóricos) de contundente realismo soviético
precisaba de paraísos artificiais e oníricos para intentar
recuperar os perdidos. Ás veces procurábaos no tempo (como na
Italia do Renacemento) e outras no espazo (como no afastado Oriente
ou nas terras exóticas e desérticas de Lawrence de Arabia). Sen
calquera paraíso, si que a vida carece de sentido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario