A xa non tan nova Constitución en España, cos seus remendos (poucos, interesados, pero existentes e aprobados sen referendo) devolveu a verba democracia como característica do funcionamento do estado en España. E dende aquela, no 1978, hai eleccións para alcaldes, tendo pasado uns cantos polo mando no concello de Ribadeo.
Hai unhas semanas (o 21 de abril), instaláronse no corredor do primeiro piso da casa do concello os cadros dos dez alcaldes do concello de Ribadeo deste período, realizados e agasallados por Concepción Millán. Despois de comprobar a pouca difusión que están tendo, decidín postealos aquí. E aquí quedan, xunto cos comentarios da nota de prensa. Tentei facer a foto cos menores reflexos posibles, e o resultado non é moi bo, pero o que pretendo é que se coñezan, e se alguén quere ver mellor, que se pase pola Casa do Concello para miralos:
Mario Meira González (1979-1980)
Foi o primeiro do período democrático. Un verdadeiro Relacións Publicas, moi sinxelo e sen presuncións; seguramente encabezou a candidatura de UCD por un requirimento de amizade, e cumprido este, dimitiu.
José Fojo Barcia (1980-1981)
Coma outros compañeiros viuse sorprendido ao resultar elixido Alcalde, as augas calmas até o momento anterior transformáronse nun avespeiro que, coas boas intencións como argumento, non foi dabondo para calmar.
Antonio Martínez López (1981-1983)
Fora cabeza da Candidatura Progresista Independente que empatara en concelleiros con UCD. Tocoulle facerse cargo do concello democrático e administrar a colaboración de Leopoldo Calvo-Sotelo e fíxoo con habilidade e man esquerda.
Xaime Vidaurrázaga Urbieta (1983)
No seu curto mandato iniciáronse actividades inéditas e un pacto de goberno tripartito que sementou novas alianzas no futuro.
José Ramón Cociña García (1983-1985)
Permaneceu pouco tempo porque a súa vocación política levouno ao Parlamento Autonómico. O seu ribadensismo levouno a colaborar coa administración local que o sucedeu.
Xosé Luís Trashorras Méndez (1985-1987)
Mesmo gobernando con maioría absoluta, foi quen de darlle delegacións da alcaldía á oposición e trenzar colaboracións e acordos.
Eduardo Gutiérrez Fernández (1987-1995)
Aínda que a súa época xa foi ben entrada a democracia, tivo que impulsar cambios e melloras de aspectos estancados coma o urbanismo, a recuperación e restauración da Granxa Pedro Murias. A mesma ansia empeñou na restauración coa cultura galega e no impulso cultural, musical e deportivo.
José Carlos Rodríguez Andina (1995-2003)
Dous seus precedentes políticos e profesionais soubo tirar temperanza, e da vinculación coa institución provincial e autonómica intentou procurar investimentos e melloras de posición para a vila.
Balbino Pérez Vacas (2003-2007)
Puxo en contacto inversor o Goberno central en obras como o ascensor panorámico e promocionou iniciativas turísticas na vila e nas parroquias.
Fernando Suárez Barcia (2007-2023)
Fernando non ten comentario na nota de prensa, senón unha, como di el, 'despedida'. O estar aínda no cargo é o que ten. De calquera xeito, no blog está abondo referido para calquera información que se quera.
Imaxe do acto de recepción dos cadros. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario