20230525

Herbicidas perigosos en cantidade

    Deixo aquí a nota de prensa do Sindicato Labrego Galego sobre o uso de veleno para o mantemento do gasoduto de Nedgia, axustando que tamén presentaron alegacions a Comunidade de Montes de Piñeira, a de Obe e antigos membros da Plataforma de Afectados polo Gasoduto de Barreiros e Cervo. Da actuación dos concellos non se sabe nada.

A pretensión de verter inxentes cantidades de herbicidas perigosos está a ser contestada pola veciñanza da Mariña.

No día de hoxe, procedeuse a presentar no Concello de Ribadeo un bon número de manifestacións de disconformidade con esta pretensión.

A empresa NEDGIA GALICIA SA, do grupo Naturgy, ten solicitado do Concello de Ribadeo a exposición pública de anuncio dos traballos de control da vexetación na traza polo que descorre o gasoduto da Mariña entre o lugar de Porto de Arriba, no Concello de Ribadeo até Celeiro en Viveiro. Estes traballos inclúen a aplicación do herbicida sistémico TORDON™ Star da empresa Corteva Agriscience

O produto TORDON™ Star que a empresa pretende aplicar en grande parte do trazado é un herbicida mui tóxico, nomeadamente para organismos acuáticos; e causante de reaccións alérxicas na pel e danos nos ril. Sobre un dos seus componentes, o Plicoran ou derivados do mesmo, existen estudos que o catalogan como altamente canceríxeno.

Só por este motivo, resulta absurdo a aplicación dun produto desas características para o obxectivo que se persigue de controlar a vexetación espontánea na traza do gasoduto, cando se pode optar por prácticas máis seguras e respetuosas co medio e coa saúde da veciñanza como pode ser mesmamente a roza mecánica.

Por outra banda, a documentación exposta non aclara aspectos mui relevantes: método de aplicación, dose, superficie a tratar, etc. Asimesmo, os mapas a escala 1:10.000 non permiten determinar con exactitude as zonas nas que se pretende aplicar o herbicida. Isto é de singular gravidade xa que a zona a tratar atravesa terreos incluídos en espazos protexidos ligados ó medio acuático (Ría de Ribadeo, esteiro do Masma, río Ouro, etc) sobre os que precisamente este produto ten un impacto crítico segundo a ficha de seguridade do mesmo, e masas de auga superficial que a mesma ficha di que deben deixarse distancias de 5 metros, que non poden apreciarse na cartografía exposta.

As alegacións presentadas fan fincapé na necesidade de que non se conceda o permiso á actuación proposta mentres non se clarexen as dúbidas expostas sobre superficie total afectada e o tratamento proposto, así como unha cartografía co detalle necesario para localizalas.

Piden asimesmo que se reconsideren os traballos propostos e se desbote a aplicación de herbicida, optando polo tratamento mecánico da broza.

Faise tamén un chamado aos concellos polos que descorre a infraestrutura para que informen á veciñanza das pretensións desta empresa e se lle notifique de xeito individualizado a todas as persoas propietarias dos predios afectados e dos colindantes a realización dos traballos.

Ningún comentario: