Hernán, en debuxo propio, e del Riego, de foto en dominio público. |
Letras galegas 2023. O recuncho da lectura e tres lembranzas
Comecei a matinar nisto do Recuncho da Lectura hai cousa duns meses. Daquela a plataforma que estaba a usar para comentar lecturas en internet, Goodreads, do grupo Alphabet (Google) comezou a non deixarme meter máis libros novos. E como pouco se ocupa dos libros en galego... xa teño varios lidos e sen comentar. Non é que sexa especialmente dado a comentar os libros que leo, pero vexo unha discriminación o non poder facelo. Sei que en algún momento chegarán eses títulos á plataforma e poderei comentalos, pero trátase tamén da autonomía. Miña, e por suposto, da lingua e de todos. Por un tempo amañei a cousa solicitando al alguén que tiña permiso que colgara eses libros en internet, pero hoxe por hoxe, a plataforma nin permite facer comentarios encabezados por un título sobre libros que non esté xa cargados, co que o proceso vai dificultándose. Por iso, como alternativa, aínda que sexa moi secundaria en importancia en relación coa difusión que podía ter na plataforma, deixarei aquí comentarios -sucintos, como viña a facer en Goodreads- sobre algún libro que vou lendo en galego. O nome ven dun 'Recuncho da lectura' (aquí, en Internet Archive no 1998) que mantiven literalmente o século pasado na miña primeira páxina web, adicado tamén á lectura en galego. Unha nota final a esta introdución: se é o funcionamento de Goodreads o que me impulsa a facer esta entrada e outras que é previsible que veñan despois, nestes momentos, o blog tamén está sobre unha plataforma de Alphabet, Blogger.
- A gran novela galega, de César Cequeliños. Morgante edicións, 2023, ISBN9788419040077. Unha pequena e divertida sátira do que non se soe ver que fai quen dirixe os directores a industria da cultura galega. Pode que intranscendente literariamente, pero a súa referencia á estrutura da mecánica literaria en Galicia e a súa linguaxe coloquial fan dela unha obra que non apetece deixar ata que chega o final.
- E agora pasa un tren, un libro da vella colección Mandaio de Biblos, de Lito Caramés, 2005, ISBN8493412643. Non me gustou, pero aí está. É un batido de relatos curtos relacionado co tren (ás veces, moi moi pouco), dos que algún daría para algo máis desenvolto.
- Flores de ferro. ISBN: 978-84-9151-491-6. Ed. Galaxia. O último libro tratado no club de lectura do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Electriza pouco a pouco sen chegar a electrocutar. Non fala dos tempos da guerra, fala de xente que viviu nun tempo así. Que sobreviviu. E do mundo que quedou con esa supervivencia. Gustoume moito, aínda que polo medio se coe algunha pequena incongruencia, como o cálculo do tempo en chegar a Briana, e aínda que a resolución da historia e o seu desenvolvemento acalen a apetencia por un uso da lingua máis rico, pero que non se bota de menos.
Xunto con ambas reseñas, as lembranzas. A primeira para Rosalía, na orixe da elección da data do 17 de maio, coa difusión de 'Cantares Galegos'.
A segunda, para Francisco Fernández del Riego, a quen está adicado o día este 2023.
E a terceira lembranza, para Hernán Naval, quen rexistrou unha noite como a pasada de hai xa 22 anos o seu pasamento.
--
Despois de rematar e publicar chego a outra cousa que engado. Hoxe cumpriríanse os sesenta anos do que está definido no texto que collo como primeiro acto galeguista da postguerra en Ribadeo. Realizado nun recreo do sexto curso na Academia en 1963, léronse poemas de Rosalía e un texto sobre ela, con asistencia de toda a clase, e duración dunha media hora. Non se sabe se a dirección da Academia non se enterou ou non se quixo enterar. Na mesa estaban tres persoas; dúas xa non están, Álvaro Lamas e Montserrat Miró, e a terceira sería quen o escribiu hoxe no Facebook, Evaristo Lombardero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario