20230504

Un chío de primavera. Xa é primavera en Ribadeo

    Remata de saír o número de maio de Chío, revista dixital da capital provincial que cumpre a súa vixésima saída e na que Ribadeo ten un oco. Este:

Un chío de primavera. Xa é primavera en Ribadeo

 

Hai non tantos anos ten sido célebre o anuncio ‘xa é primavera’ dunha nomeada cadea de comercios. Un anuncio que se apropiou dun dito común anunciando a chegada da primavera ó frorecer os campos e con eles os espritos. En Ribadeo tamén, xa é primavera. Vese no ánimo das xentes, no florido dos campos, dos parques, pero tamén dos tellados. Alí están os xardíns colgantes ribadenses, que animan a mirar cara arriba todo o ano, pero sobre todo nesta época de cores que alternan co verde e cun Sol que de cando en vez permite que as nubes desparramen as súas gotas para permitir a milagre da vida.


Falo dos tellados, pero máis que ós tellados, o territorio ó que me refiro son as canles que encamiñan as augas cara á baixante, onde se acumulan asemade terras, pó, sementes ou cagadas de paxaros, que en conxunto fan a base vivificante dese xardín do edén que parece colgar e que se estende visible a pouco que poñamos atención. A máis, o territorio esténdese polos altos dos muros das divisorias e por moitos outros saíntes.


Pódese facer un estudo da terraformación nos tellados. O mesmo que as illas que nacen dun volcán van sendo colonizadas pola vida pouco a pouco, as cubertas comezan por ser manchadas e logo colonizados por liques e musgo, criando o substrato fértil, formando a terra que acubilla primeiro a pequenas plantas, pero nalgún caso a auténticas árbores. Un descoido humano de adecentamento do propio que pasa a ter acubillo e coidado da man da natureza, na procura de recobrar o que é seu do inhóspito da nosa creación.

 

Dicimos que o ceo e azul e o mar é azul. Mais son diferentes azuis entre si, e dun día, dun momento para outro, os cambios son evidentes. Azuis si, pero cambiados: as verbas quédansenos escasas. É un fenómeno coñecido a escaseza da lingua para algunhas cousas. Na descrición da pimavera ocórrenos o mesmo. Grandes escritoras e escritores tiveron nela inspiración, e mesmo nalgúns casos parécenos que as súas verbas superan á vida que florece. Un paseo sosegado, unha mirada atenta e apreciativa, amósanos que ate as beiras máis humildes poden deixar pequenas as descricións literarias. Remato de dar un paseo así en Ribadeo.

Antonio Gregorio Montes

 

Ningún comentario: