Coido que, despois de criticalos, o lóxico é que expoña tamén o seu punto de vista, se teño acceso a el. E atopeino. Polo que aquí queda. Antes, só notar que leva a mesma data do día no que debían tomar posesión:
No día de hoxe, queremos comunicarvos a nosa decisión de non recoller a
acta como concelleiras e concelleiro do BNG no concello de Ribadeo.
As razóns que nos levan a tomar esta determinación nada teñen que ver
coa nosa vontade persoal de continuar a traballar na mellora do noso
Concello, senón que se basean na perda de confianza na organización
política que representamos ata o día de hoxe, e que semella non
compartir connosco o obxectivo de que Ribadeo conte cun goberno
nacionalista de esquerdas.
Nestes catro anos o traballo realizado dende o grupo de goberno foi
rigoroso, leal e comprometido cun proxecto integral de Ribadeo que se
viña desenvolvendo nos últimos 16 anos. As probas son evidentes: os
investimentos e actividades realizadas no derradeiro mandato requiriron
dun traballo constante que tiveron, en gran medida, participación da
Deputación de Lugo. Moitas compañeiras e compañeiros con
responsabilidades de goberno nas diferentes localidades da nosa
provincia acreditan esta labor feita e así o trasladaron nos diferentes
órganos internos do BNG.
Para poder seguir desenvolvendo este traballo, desde fai meses, a
candidatura do BNG de Ribadeo, da que formamos parte, tiña un acordo con
representantes da Executiva Nacional e coa propia voceira nacional, Ana
Pontón, no cal, entre outros puntos se garantía que o deputado ou
deputada provincial seguiría a ser do noso concello.
Non se trataba dunha cuestión banal nin gratuíta, senón que era unha
demanda xusta e lexítima para con Ribadeo, e así o consideramos as dúas
partes. Unha vez coñecida na tarde de onte a decisión do Consello
Nacional do BNG, sen ter en conta a vontade da propia Asamblea Comarcal
da Mariña, na que a maioría das propostas feitas defenderon a
continuidade da representación de Ribadeo na Deputación, non podemos
mais que sentirnos enganados pola mesma organización da que levamos
formando parte tantos anos.
Hoxe é un día moi difícil e triste para nós. Hoxe deixamos a política
municipal e a militancia nacionalista de décadas nalgún caso. Hoxe
tomamos a determinación de non continuar como concelleiros do BNG. Mais
facémolo co sosego e fortaleza de quen fai as cousas con
responsabilidade, de maneira íntegra e fieis aos seus principios.
Facémolo tamén con liberdade, sen ter as mans atadas e volvendo as nosas
dedicacións anteriores. E sobre todo, facémolo antepoñendo Ribadeo a
todo, e tamén a todos.
En Ribadeo, a 17 de xuño de 2023.
Jorge Díaz Freije, Pilar Otero Cabarcos e Mónica Freire Rancaño
Ningún comentario:
Publicar un comentario