20230614

CONTINÚA O ESPOLIO. Pancho Campos Dorado

 

Xogando co canón.

CONTINÚA O ESPOLIO

Pancho Campos Dorado

O pasado día 12 deste mes de xuño publicábase en La Voz de Galicia o achádego de 19 canóns na dársena de Arnao na Ría de Ribadeo.

Inmediatamente no Principado de Asturias, xunto coa Armada Española, se mobilizaron para autorizar unha campaña de prospección do pecio para documentar o xacemento arqueolóxico, e xuntaron a un equipo da Federación Española de Actividade Subacuáticas (FEDAS), á Federación Asturiana (FASPA) e o Club de Vela Latina de Castropol. Todo para intentar explotar o xacemento como “parque arqueolóxico subacuático no Eo”.

Anotan que os canóns parecen ser posteriores ao ano 1728, por diversas marcas e pesos, que aquí non ven ó caso discernir neste momento. Isto será unha máis das manobras que seguiremos vendo, para separar estas pezas do afundimento da Galga Andaluza e do San Francisco, queimados o 27 de setembro de 1719 polos seus capitáns don Lorenzo de Tablada e don Sebastián Villaseñor, destinados en Ribadeo para a defensa do seu Porto e Ría.

O Porto de Ribadeo sufriu o ataque dos ingleses, na data antes citada, e asolaron Ribadeo e o Forte de San Damián, mentres se xuntaban a duras penas 600 dobróns entre varios veciños para o rescate de Ribadeo.

Ou sexa, naquela época e desde o ano 1627, había 14 barcos vixiando a ruta de Flandres, distribuídos entre A Coruña, Ribadeo e Pasaxes. Por tanto até o século XIX, toda a ría de Ribadeo, ambas beiras eran potestade do Reino de Galiza, e ate xullo de 1958 da Xunta de Galicia, data en que administración de Franco dividiu a Ría en dúas “metades”.

Sen entrar en máis historia de momento, dicir que todos os xacementos arqueolóxicos na Ría de Ribadeo, anteriores a 1958, son xurisdición de Galicia, e a explotación histórica corresponde a Ribadeo e a Galicia.

Pero aquí vemos que quen trata de documentar e estudar e apoderarse do xacemento e poñelo en valor, é a administración do Principado de Asturias, e pregunto eu, a qué se dedica a Xunta do PP, a Deputación de Lugo o pleno do noso Concello, que nin se mencionan nun asunto de tanta importancia para a nosa historia? E están empezando os achádegos submarinos das decenas deles que haberá, seguramente de moitísima máis importancia que estes canóns. E como nos teñen acostumados aos ribadenses os chamados “políticos galegos” perderemos, pola cara, outro dos anacos da NOSA HISTORIA. Ten narices o asunto, que despois de trinta anos pelexando polo topónimo da Ría de Ribadeo, en vista deste cantado espolio, non haxa nada máis que verborrea de intencións, palmadiñas de conformidade nas costas de certos individuos por parte das autoridades galegas. Vergoñento.

Ningún comentario: