Ven a cousa a conto de como se controlan hoxe os cartos: menos ca nunca importa de onde veñen, de onde saen ou do servizo ó que están asociados, quedando só como relevante o feito de telos ou conseguilos. Sen importar como. Ás veces, mesmo ocultando como. É unha imaxe, a do texto escrito sobre o papel salmón, do mundo actual. Imaxe que tende a ser máis nidia a medida que o capitalismo monta por riba da sociedade e humanidade. É dicir, do conxunto e de cada un dos individuos que nos chamamos persoas a nós mesmos.
Trátese de política ou empresas, o filtro das finanzas está claro: cartos. E cantos máis, o baruto é máis largo: mesmo, en cantidade abonda, non fai falta nin peneirar, serve calquera fonte de financiamento.
Apunto a diferencia entre economía e finanzas, cada vez máis embarullada a medida que as finanzas medran máis ca economía e se independizan da natureza e da sociedade. Do mesmo xeito que cabe lembrar que din que economía ven de ‘administrar a casa’ segundo o significado das súas raíces no grego clásico, a verba finanzas ven do francés, indicando a súa orixe sinxelamente chegar a un fin, conseguilo, finalizar algo. É dicir, sen considerar os medios. Por certo, facendo un paréntese, a súa verba orixe, ‘finer’ estaría tamén relacionada co noso fúnebre ‘finar’, que en moitas circunstancias ven como anel ó dedo para caracterizar ó resultado das finanzas. O significado das antigas verbas que serviron de base a estas, pode ir variando no tempo, mais correspóndese abondo co sentido actual de ambas: unha xestión das actividades que nos proporcionan os apoios para a vida contra un acadar certos fins elixidos de xeito particular sen ter en conta os medios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario